Sunday, 22 November 2009

As motivacións da política.

É sabido que todas as accións humanas responden a unha motivación, algo que nos move a facer o que facemos, por exemplo traballamos ou ben porque esa actividade nos fai sentir ben e/ou porque o precisamos para cubrir as nosas necesidades de aloxamento, alimentación, sanidade, educación ou diversión.

Particularmente na política podemos ver varios tipos de motivación, os que nos diriximos á política con verdadeira vocación de servizo aos cidadáns e ao noso País facemolo motivados pola nosa ideoloxía, temos unha determinada idea de cara onde consideramos que debe camiñar a sociedade á que diriximos a nosa mensaxe política, ofrecemos un determinado curso de acción á sociedade que será a que posteriormente decida democraticamente se ese curso de acción, se ese camiño que se lle propón lle resulta máis ou menos atractivo que os camiños alternativos.

Somos, polo tanto, idealistas, xa que son as nosas ideas as que nos incentivan a actuar politicamente, os idealistas queremos chegar ao poder para aplicar as ideas que nos moven a actuar, non concebimos ao poder como un fin en si mesmo, senón como un medio para chegar a un fín, que é o da aplicación da nosa ideoloxía a través dunha serie de políticas públicas que consideramos que crearán unha sociedade máis rica no material e no espiritual.

Pero desgraciadamente as ideas non son a única fonte de motivación para todas as persoas que están implicadas na actividade política, desgraciadamente na política non hai só idealistas, é máis, os idealistas somos probablemente minoria, hai outros aos que lles motivan máis os intereses económicos, e hainos mesmo, como o alcalde de Tui, que se dedican a perseguir exclusivamente o seu beneficio persoal, o lucro, o poder polo poder, baixo o paraugas protector do Partido Popular, esta clase de persoas non están nos cargos públicos para traballar pola sociedade, non están en política para servir aos cidadáns, só están ao servizo deles mesmos.

Como idealista reinvidico a importancia dos valores e dos principios e como liberal considero lexítimo, positivo e necesario nunha sociedade o ánimo de lucro dos individuos e un valor que debemos ter claro como demócratas é que o enriquecemento persoal só pode ter como escenario o desenvolvemento dunha actividade na empresa privada nun entorno competitivo onde os contratos e os negocios se fagan por intelixencia e traballo e non por favores, o uso da administración pública financiada cos impostos de todos, para o lucro indirecto dos responsables políticos ou de pseudoempresarios que viven do favor supón unha conduta despreciable e que nos empobrece a todos material e espiritualmente sen que lle importe nen a conservadores nen a socialistas que non toman medidas para frear a crecente vaga de casos de corrupción nas suas filas.

A administración pública, desde o papel subsidiario que defendemos, ten que se centrar en xerar o marco e as condicións máis favorables para que a iniciativa privada floreza, infraestruturas, sanidade, educación, contención da presión fiscal, axilidade administrativa para non paralizar a actividade económica como acontece en Tui, etc.

Alguén que considera o idealismo como algo negativo teria, inmediatamente despois que explicar cales considera que deben ser as motivacións para dedicarse á actividade política, o rencor?, o enriquecemento persoal ilícito?, o medre social?. A quen considera negativo e síntoma de inmadurez o idealismo gustaríame preguntarlle cales cre el que deben ser as motivacións para decidir implicarse en política.

Friday, 30 October 2009

Así conciben os provincianos a comunicación de Galicia.

"Lo que se pretende, y es lo importante, es que al final, un ciudadano que está en Madrid, en el aeropuerto de Barajas, y quiere coger un vuelo a Galicia, pueda venir de la forma más cómoda posible". Frase literalmente reproducida da edición de onte de La Voz de Galicia e posta en boca de Agustín Hernández, conselleiro de infraestruturas preocupado, en que sexa cómoda a viaxe de Madrid a Galicia e non preocupado porque os galegos teñamos un sistema aeroportuario que nos permita interrelacionarnos o mellor posible con España, Europa e o Mundo.
Claro, o 80% do tráfico aereo de Galicia é con Madrid e agora sabemos porqué, para a comodidade dos que están en Madrid e dentro duns anos teremos un Tren de Alta Velocidade tamén con Madrid que seguindo o mesmo patrón de pensamento significa que o que se busca é a comodidade dos que están en Madrid e non comunicar a Galicia co Mundo, tampouco importa ao PP e ao PSOE gastar centos de millóns de euros en crear unha infraestrutura cun servizo redundante co único para o que sirven os tres aeroportiños que temos que é comunicar a Madrid con Galicia.
Eu creo que os galegos queremos estar comunicados con Madrid e co maior número posible de sitios e a política de infraestruturas segue unha concepción ultracentralista só preocupada porque Madrid esté moi ben comunicada cos demais, o máis patético de todo isto é que sexa alguén que debería velar polos nosos intereses quen tamén vele polos intereses de Madrid.

Wednesday, 10 June 2009

CONSTRUINDO UNHA NOVA CULTURA

Cando o que se pretende é construir un novo proxecto político é imprescindible dotalo dunha cultura propia e diferenciada se se quere que este proxecto teña unha continuidade no tempo máis alá das persoas concretas que o dirixen en cada momento, ese constructo cultural de grupo cumpre duas funcións primordiais; por un lado diferenciar ao partido dos seus competidores ou adversarios políticos e por outro lado cohesionalo e fortalecelo a nivel interno.

Unha das grandes probas que o noso país ainda ten pendente de superar para estar na vangarda das nacións hispánicas e europeas é a capacidade de autoorganización política, sermos capaces de demostrar que non nos teñen que vir de fora para organizarnos e para indicarnos como malgastar o noso capital democrático en apoiar intereses que non son os nosos. O noso partido, CXXI responde precisamente a esta necesidade que sentimos de que os galegos poidamos enfocar o noso capital democrático na xeración de valor e peso político, de autoestima colectiva e de benestar económico para o noso pobo.

Para crear esta ferramenta ao servizo de Galicia hai que preparala e dotala dunha determinada cultura que a faga apta para este propósito e a cultura que queremos crear en Converxencia para que o noso sexa un proxecto con posibilidades de permanencia e de éxito configurase entorno a unha serie de piares ou valores e principios fundamentais: a apertura ao exterior, o compromiso, a liberdade de opinión, a humildade, a asertividade, o respecto, a tolerancia, o espirito positivo, o espirito construtivo, o consenso, as maiorías e a disciplina.

O galeguismo político precisa dunha ferramenta con vocación maioritaria, con vocación de facer país, con vocación central e estabilizadora da radicalizada política galega e con vocación de apertura á sociedade, con seguridade en si mesma para xerar, cultivar e manter unha dialéctica enriquecedora entre a sociedade e a organización, isto plásmase en primeiro lugar nunha política de afiliación totalmente aberta, co único requisito do pagamento dunha pequena cota que indique de forma indiscutible a existencia de compromiso co proxecto. En C.XXI ninguén poderá vetar a ninguén, non haberá exames, non haberá desconfianza e non haberá sectarismo de ningún tipo, todo o mundo que teña compromiso é benvido en Converxencia XXI. Para quen non queira afiliarse tamén haberá un espazo de participación como simpatizante, colaborador local, figura pensada para aquelas persoas que queren botar unha man ao partido pero só a nivel local ou doante económico para aquelas persoas que queiran contribuir simplemente ao sostimento económico do partido, todas as posibilidades de interrelación estarán abertas para que a comunicación do partido coa sociedade sexa o máis fluida posible.

Non hai nin haberá censura dentro de CXXI, non se reprimiran as opinións libremente expresadas de ninguén, é sempre bo que sexamos capaz de expresar as nosas opinións con humildade e asertividade, é exixible que sempre falemos co debido respecto e tolerancia polas opinións diverxentes e as persoas que as sosteñan e defendan, no debate e no intercambio de opinións sempre debe prevalecer un espirito construtivo que busque sumar, que focalice no que temos en común e no que nos une e non no que nos separa, un espirito positivo que reflexe a vontade que todos temos de sumar, de xuntar forzas en beneficio de Galicia.

Estes debates e intercambios de opinións buscarán con determinación o consenso e cando este non sexa posible serán as maiorías as que marquen a liña a seguir e desde ese momento será exixible unha disciplina a todos no cumprimento ou transmisión do decidido nese consenso ou, no seu defecto, no decidido pola maioría.

Aspiramos a dotar ao noso País dunha ferramenta ao seu servizo que sexa eficaz, potente e sólida pero ao mesmo tempo sexa aberta, tolerante e flexible para que a ilusión e motivación que xa estamos comezando a crear encontre os cauces para o seu crecemento e expresión, e cremos que na procura deste obxectivo todos temos que compartir e asumir como propios unha serie de elementos culturais como os devanditos.

Wednesday, 3 June 2009

Existe un espazo político para Converxencia?

O presente artigo visa respostar unha pergunta à que algúns lle levamos um tempo dedicando moitas horas de pensamento; existe ou non existe un espazo político galeguista ou nacionalista galego non comunista ou socialista suficientemente grande e suficientemente sólido como para que sexa viable a sua existencia organizada, independente e como alternativa de poder en Galicia?.

Para tentar ubicar máis claramente o terreno de xogo actual podemos botar man do inquerito que o CIS fixo en Galicia con motivo das eleccións autonómicas http://www.cis.es/cis/opencms/-Archivos/Marginales/2780_2799/2783/e278300.html os dous datos que tirei dai foron o do posicionamento do conxunto do electorado galego e dos tres partidos con representación parlamentaria, en dous eixos; o esquerda – dereita e o eixo identitario galeguismo – españolismo explicitado polo CIS como máis ou menos nacionalismo (para o CIS son só nacionalistas os galeguistas). Segundo este inquerito e nunha escala de 0 a 10 os galegos situanse e situan ás tres forzas políticas nas seguinte puntuación segundo o eixo identitario (galeguismo – españolismo) e o ideolóxico (esquerda – dereita). Tamén se engade unha área de influencia de cada forza e o lugar que aspira a ocupar Converxencia XXI, o gráfico sería o seguinte:

Chama moito a atención o lonxe que das percepcións políticas do galego medio están tanto o BNG como o PP, partido que goberna a Xunta de Galicia con maioria absoluta, vese claramente como existe terreno de xogo para un partido que represente a aqueles cidadáns non de esquerdas pero máis galeguistas que o PP (situado pola cidadania nun antigaleguismo claro) e aqueles cidadáns máis galeguistas pero non tan de esquerda como o BNG (situado pola cidadanía moi próximo á estrema esquerda). É tremendamente chamativo o espazo que no eixo esquerda – dereita encontramos entre o PP e o PSOE, do 7.92 do primeiro ao 4,09 do segundo, encontramos un “oceano” de case catro puntos no que non aparece ningunha forza política de ámbito parlamentario cando hai unha maioria de galegos que se autoubican nese espazo ideolóxico do centro e do centro – dereita. No eixo identitario hai un oceano case tan grande entre o PSOE e o BNG, estando o PSOE situado no 4,73 e o BNG no 7,99 máis de tres puntos, outro espazo enorme no que tampouco aparece ningunha organización política con representación no Parlamento de Galicia.

Tanto a análise dos posicionamentos identitarios como os do eixo esquerda-dereita poñen de manifesto a existencia dun espazo grande que non ten reflexo a dia de hoxe nas institucións autonómicas. Poderíamos engadir un terceiro eixo do que non temos datos demoscópicos do CIS que é o autoritarismo – liberalismo e que é independente da fratura esquerda – dereita, e que sí ten en conta a brúxula política http://www.politicalcompass.org/es/ pareceme claro que a política galega precisa unhas doses de liberalismo das que carece xa que o autoritarismo predomina nas políticas e atitudes das tres forzas con presenza.

Que hai un espazo de considerable tamaño para un partido como Converxencia XXI parece innegable, a esta análise podemoslle engadir datos procedentes da experiencia do, tan fugaz como espectacular, éxito de Coalición Galega, no ano 1985 o nivel de conciencia política no país non era evidentemente superior ao de hoxe e un partido ben financiado (Coren e CiU), con un bo lema “Galegos, fagamonos respetar” e un candidato presentable como Pablo González Mariñas conseguiu da noite para a mañá once deputados autonómicos, algúns en zonas nas que contaba con redes caciquis como Ourense pero outros nas provincias atlánticas onde non contaba con esas redes. A partir do esfarelamento de C.G. debido á sua falta de cohesión e bases ideolóxicas firmes e diferenciadas cando o seu procer Franqueira enfermou, todos os intentos de lanzar un proxecto no centro galeguista foron capitaneados por veteranos políticos en busca dunha segunda oportunidade o que lles restou credibilidade, tivemos o caso de Juan Fernández e Enrique Marfany con Democracia Galega, partido que non aportaba nada diferenciado ideoloxicamente do PP, despois vimos a aterraxe de Soto no Partido Galeguista con candidatos que se atreveron a facer o que non se atrevía ainda nese momento a facer o PP como chamarlle La Coruña á cidade herculina, despois tivemos o caso de Pablo Padín e Xoan Gato con Terra Galega. Enfin unha sucesión de intentos mal plantexados, carentes de horizonte biolóxico, de base ideolóxica, e por tanto da necesaria cohesión para enfrentar unha inevitable travesía no deserto de bastantes anos necesaria para colocar a un partido de centro galeguista de novo nas institucións máis importantes.

Monday, 25 May 2009

COMPROMISO CON GALICIA E CON EUROPA

Como forza de fondas conviccións galeguistas e europeístas non podiamos deixar pasar este proceso electoral sen nos pronunciar sobre o proxecto que nos une a todos como europeos.

Queremos manifestar en primeiro lugar o noso compromiso co proceso de unificación europea que a vocación europeísta do galeguismo histórico representa e que Converxencia recupera neste mundo globalizado do século XXI. Este compromiso pola unidade de Europa, como mellor fórmula para convivirmos nun mundo multipolar onde a Unión Europea está chamada a xogar un papel decisivo, e como mellor fórmula para que as nacións históricas do continente europeo e do Estado Español encontren o seu camiño para o recoñecemento nacional, político e cultural, e facemos todo isto nun momento dificil para a institución europea.

O rexeitamento á Constitución Europea provocou un evidente freazo ao proceso de unificación e unhas dificultades engadidas para acadar este obxectivo. Sumado isto á coñecida como crise da política, manifestada por unha grande distancia entre esta e a sociedade, que se traduce en elevados índices de abstencionismo electoral fai que a política europea, a pesar da influencia real e palpable que ten sobre a nosa lexislación, e por tanto sobre a nosa vida diaria aparece como algo afastado e complexo. Perdéronse polo tanto, en boa parte, as doses de ilusión que o proxecto de unificación europea espertara anos atrás.

Cremos que estas dificultades non son máis grandes que as que se poden esperar en calquera proceso con obxectivos políticos tan elevados, miramos con esperanza ao futuro tratado de Lisboa, que esperemos que ademais de garantir os futuros pasos para a unidade europea, recolla tamén a pluralidade nacional e cultural europea, que nada ten a ver coas fronteiras actualmente marcadas polos Estados.

Tamén manifestamos o noso compromiso con Galicia. O noso país está pasando un dos momentos máis dificiles das últimas décadas. Á forte crise económica súmase unha crise como país manifestada no resultado das recentes eleccións autonómicas. A nova Xunta e o seu Presidente Núñez Feijóo representan como ninguén unha opción carente de autoestima e que olla cara a Madrid cando de tomar decisións se trata; unha opción que despreza a nosa lingua e cultura; unha opción que non ten crenza nas posibilidades de Galicia; unha opción coa pretensión cada vez máis clara e indisimulada de debilitar e descafeinar a nosa identidade. Aínda que acaba de comezar, xa é hora de dicirlle a está Xunta do PP que abonda, que é hora da reacción do pobo galego, que sempre foi capaz de se sobrepoñer perantes as dificultades. Queremos levantarlle a moral á sociedade galega, unha aposta política propia e non de sometemento a Madrid.

Converxencia quere liderar esta reacción, ante a incapacidade do BNG e a coincidencia do PSOE coas políticas acomplexadas do PP, combinando seriedade e eficacia na xestión coa tan necesaria ambición de país.

É polo que a Executiva Nacional de Converxencia (C.XXI) decidiu na súa xuntanza ordinaria do primeiro de Maio suxerir o voto nas vindeiras eleccións europeas do 7 de Xuño para a única lista encabezada por un partido membro da Internacional Liberal (LI) e do Grupo Demócrata Liberal Europeo (ELDR), agrupacións ideolóxicas a nivel mundial e europeo ás que Converxencia XXI aspira a pertencer, esta lista é a da Coalición por Europa encabezada por Convergència i Unió e Partido Nacionalista Vasco a través dos candidatos Ramón Tremosa (CDC), Izaskun Bilbao (PNV) e Salvador Sedó (UDC), todos eles dun europeísmo e dunha valía profesional e política sobradamente acreditada. Apoiamos, polo tanto, a única candidatura dentro da nosa circunscrición electoral (que nesta ocasión é o Estado Español), conformada por forzas, que como a nosa, teñen unha fonda vocación europeísta, que representan a nacións sen estado como a nosa e que teñen unha visión da política como ferramenta positiva de construción dos respectivos países e da unificación europea ao servizo da calidade de vida dos cidadáns, ao igual que Converxencia.

É preciso loitar por unha Europa cada vez máis integrada e con maiores doses de soberanía na que a voz dos pobos sen estado ten que gañar peso ante a curtedade de miras de moitos dos estados membros da UE, como é o caso do español, que pensan que poden seguir contando no mundo por separado e non a través dunha Europa que fale cunha única voz en defensa dos intereses e dos valores que nos unen como europeos. O PP e o PSOE tampouco están interesados na construción europea e van afrontar estas eleccións como un plebiscito sobre política española, pervertindo, unha vez máis, o obxectivo que debería ter esta campaña electoral, que é nin máis nin menos, que contrastar a visión que do proxecto común europeo temos as distintas opcións políticas.

Lamentamos non podermos, nesta ocasión, traballar para a consecución dun eurodeputado galeguista xa que non cremos que sexa útil ou cohererente pretender estar no Parlamento Europeo se non se cre no proxecto europeo como é o caso do BNG, e moito menos cando os compañeiros de viaxe son formacións como Aralar e ERC. Isto non nos impide recoñecer o papel, aínda con puntos de vista discordantes dos nosos, que entre o ano 1999 e o 2004 desempeñou un dos poucos europeístas que hai no BNG, Camilo Nogueira, que obrigou á procesión dos caladiños dos europeduputados galegos do PP e do PSOE a ter algunha actividade con respecto ao noso país por primeira e última vez ata agora. Converxencia pretende tamén, con esta decisión, pór os alicerces para formarmos parte da Coalición por Europa nas eleccións europeas do 2014 e poder aspirar, xa nesa ocasión, a que haxa un eurodeputado galeguista e europeísta representando ao noso país.

Carlos Vázquez Padín
Secretario Xeral de C.XXI

Tuesday, 19 May 2009

É NECESARIA CONVERXENCIA XXI?

Galicia precisa ter unha ferramenta de futuro propia, un partido que deseñe un proxecto de País no que o progreso, a autoestima e a modernidade sexan compatibles cun exercicio de dignidade, orgullo e galeguidade. Sin embargo cando aparece un novo partido político despois de máis de trinta anos de democracia parece lóxico preguntarse cal é a necesidade á que responde.

Pois ben, a nosa motivación proven da necesidade insatisfeita que vemos en Galicia dunha formación política propia e integradora que translade unha mensaxe positiva, de autoestima, constructiva e de centralidade; unha forza política capaz de construir un discurso atractivo para a maioria da nosa cidadania e un discurso que sendo compatible coas percepcións políticas da maioria, traslade un proxecto ambicioso de país, que acabe con complexos e sumisións a intereses alleos tan presentes noutras forzas galegas. Estamos convencidos de que isto é unha necesidade do país, unha necesidade que moita xente ve e que outra moita non ve a dia de hoxe pero que, chegado o caso, se sentiria atraida por unha oferta destas características unha vez que esta se fixese visible.

O sistema partidario galego actual representa un problema para o noso desenvolvemento democrático, político, social e económico actual e futuro, encontramonos con dous bloques ou compartimentos con capacidade para formar maioria, por un lado o bloque monopartito de dereitas representado polo PP e por outro lado, o bloque bipartito das esquerdas formado por PSOE e BNG. Comezando por este último acabamos de visualizar nestes últimos anos na Xunta e continuamos a ver en moitos concellos a distancia ideolóxica e cultural que separa a estas duas opcións o que dificulta enormemente e de forma obxectiva, o seu entendimento e a formación de coalicións estables e cooperativas ademáis de meramente competitivas como é e foi o caso dos bipartitos PSOE –BNG.

O PSOE ao non ser unha organización exclusivamente galega e non ser capaz de xerar unha opción propia medianamente consistente como seria o caso do PSC en Cataluña, sempre subordina e subordinará o interese galego ao doutros grupos territoriais ou de presión con máis capacidade ou máis autoestima, este feito constatable desde o ano 1982 no que o PSOE accedeu ao poder estatal revelan que o Partido Socialista non é, e por motivos estruturais e non conxunturais, non poderá chegar a ser un instrumento eficaz na defensa dos nosos intereses colectivos, xa non só como país, senon tan sequera como territorio con intereses diferenciados.

O BNG é, a día de hoxe, a única forza propia de Galicia con representación no Parlamento autonómico e nos concellos das sete principais cidades, a historia recente do noso país fixo que o nacionalismo galego politicamente actuante se nuclease a partir dos anos oitenta arredor dun partido autodefinido como marxista-leninista e doutros grupos de estrema esquerda, foi este grupo quen o conseguiu e ese mérito hai que llo recoñecer pero esta realidade histórica conseguiu tamén colocar ao nacionalismo político excesivamente lonxe das percepcións ou obxectivos políticos dunha inmensa maioría da nosa sociedade, esa identificación da defensa política do país con posturas estremistas de esquerdas fixolle e estalle a facer mal ao proxecto de construcción nacional que Galicia precisa. Desde posturas tan esquerdistas, sectarias, defensivas e negativas demostrouse imposible achegar o galeguismo político a amplisimos sectores sociais que simplemente non son de esquerdas, nin altermundistas, etc. Tampouco é agora viable mudar ese posicionamento na esquerda socialista e comunista do BNG para atraer a novos sectores como Quintana tentou, o único que esta táctica conseguiu foi disgustar a unha parte significativa dos seus apoios tradicionais sin lograr atraer, alén dalgúns votos clientelares no rural, novos caladoiros electorais.


O outro compartimento estanco do sistema de partidos galego é o da dereita concentrado en torno a unha única organización, o Partido Popular, este partido está situado tanto no eixo identitario, que marca o seu crecente desprezo pola nosa identidade, como no eixo esquerda dereita cada vez máis lonxe do centro, é posible que isto sexa a consecuencia da evolución dunha parte importante da sociedade galega pero tamén é certo que un PP tan forte representa unha anomalia que poderíamos considerar preocupante en calquera democracia occidental avanzada que é o que nós pretendemos ser.

A existencia destes dous compartimentos estancos tan alonxados entre si introduce unha tremenda inestabilidade política na nosa terra, cando se produce unha alternancia no poder, como acaba de acontecer, ou como aconteceu no 2005 un dos dous compartimentos cuestiona unha parte fundamental das políticas públicas e do traballo lexistativo do anterior, vemos agora ao PP de Feijóo cuestionar a política sanitaria, a enerxética, a educativa, a lingüística, a de infraestruturas e un longo etcétera. A carencia de consensos básicos e de sentido e responsabilidade de País arredor de asuntos cruciais e esenciais para o noso desenvolvemento condenannos a un continuo facer e desfacer, a unha continua inestabilidade e a un continuo fracaso como tamén exemplificou outro tren que se perdeu, o do novo estatuto, as políticas públicas requiren para ser efectivas dun tempo e dunha estabilidade, pero claro, e aquí está o problema, que van consensuar unha das dereitas mais rancias, e conservadoras como a do PP cunha das esquerdas máis anacrónicas de Europa occidental como é o BNG?, que vai consensuar un partido cada vez mais orgulloso da sua desgaleguización como o PP cun partido cun discurso caduco na cuestión identitaria, pero galeguista ao fin e ao cabo, como o BNG?. Ademáis no medio temos un PSOE máis capacitado para a consecución de consensos pero que non ten proxecto para este País e que ao estar inmerso na dinámica de Compartimentos estancos non pode facer nada para mellorar ou fluidificar este problema.

Esta dinámica tan dañina de compartimentos alonxados só pode ser rota para beneficio de Galicia por un partido que ocupe un espazo central, un espazo de consenso, un espazo construtivo que é o que demanda a maioría da sociedade galega pero que non ten a día de hoxe a sua plasmación na política partidaria institucional. Este partido lubrificaría os comportamentos estremistas de PP e BNG ao poder pactar en ambas direccións obrigando aos extremos do sistema a buscar un consenso en beneficio do país se é que queren gobernar, Converxencia nunca sería refén de ningún outro partido porque sempre tería unha alternativa de pacto. Imaxinemos por exemplo unha Cataluña na que os posibles gobernos fosen un PP con maioria absoluta ou un pacto PSC-ERC, todos coincidiriamos en que estarían perante un problema grave na construcción do seu futuro, pero Cataluña ten un gran partido central como é CiU mentres que ERC e o PP son partidos marxinais dos extremos do sistema e que non poden condicionar demasiado o que acontece no país. Este é o referente de Converxencia XXI, sermos capaces de construir unha CiU adaptada ás peculiaridades de Galicia pero que xogue o mesmo papel na construcción de futuro para o seu país.




Saturday, 16 May 2009

Crise e Administración Local

A actual crise pon de relevancia un asunto clave que levaba demasiado tempo esquecido ou postergado, a necesidade perentoria de contarmos cunha administración eficiente no uso dos recursos públicos, parece que demasiada xente se esquece de onde proveñen estes recursos e compre lembrar, máis unha vez, o que non deixa de ser obvio, que estes recursos proveñen dos impostos cos que se carga ás empresas e aos particulares, polo que o estado ten a responsabilidade non só administrativa senón tamén ética de xestionar eses recursos con eficiencia, cousa que case todos asumimos como verdade que non se fai.

Un dos exemplos máis evidentes desta ineficiencia no uso dos recursos públicos é o da administración local, estamos habituados ao recoñecemento retórico da importancia do papel que as administracións locais xogan na provisión de servizos como administracións máis cercanas ao cidadán, porén é cada vez máis claro que os partidos que teñen capacidade de reformar a fondo o papel e sobre todo o financiamento das administracións locais non o fan. A crise fai máis urxente que nunca a necesidade de aprobar a asignatura pendente da reforma da administración local e o seu incardinamento no estado autonómico.

Lembremos que as Deputacións tamén teñen a consideración xurídica de administracións locais, pero é evidente que non o son desde un punto de vista administrativo e político porque se corresponden cun marco territorial supramunicipal que é o da provincia, as provincias tal e como as coñecemos hoxe teñen a sua orixe no 1833, trátase da imitación española da estrutura departamental francesa e foi concibida como os tentáculos no territorio dun estado fortemente centralizado, son por tanto e en boa lóxica, incompatibles cun estado descentralizado como o autonómico español, os defensores da pervivencia hoxe das intitucións provinciais argumentan que os municipios pequenos precisan da axuda da Deputación para sobrevivir, obviando que os recursos dos que dispón a deputación serian moito máis eficaces se fosen directamente asignados aos concellos evitando así os enormes gastos correntes improductivos destas parasitarias institucións.

Nunha recente entrevista, Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra recoñecía que debido á grave crise que padecemos terían que intervir nos concellos mesmo para pagar as nóminas do persoal, preguntado despois sobre a necesidade de fusionar concellos, di que non é necesario porque salvo un, todos os demais pasan dos 2.000 habitantes. E é que unha institución como a Deputación necesita uns concellos enfraquecidos e dependentes economicamente para poder exercer o seu control político no territorio, premiando aos do propio partido e castigando aos dos outros. Isto é o único que aportan as deputación: gasto ineficiente e un control político antidemocrático sobre os concellos.

Se o PP e o PSOE tivesen sentido de estado e suficiente responsabilidade na xestión dos, cada vez máis escasos, recursos públicos e fosen capaces de ver a necesidade urxente que Galicia e todo o estado ten de reformas estruturais terianse que ir plantexando a necesidade da eliminación das deputacións mediante unha reforma constitucional, eses recursos serían directamente asignados aos municipios segundo criterios poblacionais, de dispersión, etc. Pero infelizmente a estes partidos o que lles interesa é manter todos os intereses creados e ir creando outros novos, tamén vemos o pánico que estas organizacións políticas teñen a tocar os intereses de todas as suas redes políticas e clientelares na evitación da fusión de municipios, porque a estas alturas xa é dificilmente discutible que en aras, do mesmo obxectivo, da eficiencia no uso dos recursos públicos é necesario emprender unha fusión de concellos en gran escala, non é sostible un mapa municipal galego con 316 concellos, compre fusionalos para deixalos en cen ou cento vinte. Merece neste sentido unha mención a proposta de Xosé Crespo, alcalde de Lalín para a fusión de varios municipios do Deza. Esta vai ser a proba do algodón da pretendida vontade do señor Feijóo de apostar pola austeridade e eficiencia no uso do diñeiro público, a miña opinión é que PP, PSOE e BNG son forzas intervencionistas polo que non se preocupan demasiado do drama inaceptable que supón o despilfarro do diñeiro que proven dos impostos.

Constatamos de forma, cada vez máis clara, o silencio cómplice do BNG nestes asuntos e a sua plena integración no goberno das deputacións e no uso dos seus resortes caciquis, o Bloque xa non abandeira hoxe a petición dos galeguistas da II República da supresión das Deputacións e síntese á vontade traballando dentro destas institucións. Ata tal extremo está o BNG de hoxe identificado co modelo provincial que o alcalde de Pontevedra reclamou que se respecte o estatus de capitalidade provincial da sua cidade e non se nomee outro superdelegado da Xunta para Vigo, como pretende facer Feijóo. Para calquera forza política que vexa nestas institucións un dinosauro a extinguir parece imprescindible o deseño dun mecanismo que impida que a eventual integración dos seus representantes nestes organismos leve a esquecerse das suas demandas de disolución das Deputacións como resultado directo dos intereses que se van creando como lle aconteceu claramente ao BNG.

Uns concellos moito máis fortes xa poderán decidir posterior e libremente a sua unión en agrupacións comarcais ou metropolitanas, que baixo o meu punto de vista, teñen que ser creadas desde abaixo, desde os concellos, e non desde arriba, desde a Xunta, é a estas alturas inaceptable que se cree un chiringuito máis que lle custe diñeiro aos contribuintes e para máis inri, sin eliminar o chiringuito que sobra que son as deputacións, e menos na situación actual, despois da supresión das deputacións os concellos verán as economias de escala de se asociar en entes supramunicipais de libre adhesión financiados desde abaixo, non desde arriba para controlalos e mangonealos. Os galeguistas vemos con bos ollos o aprofundamento do estado das autonomías como resposta á realidade plurinacional do estado e temos que defender coa mesma forza un modelo administrativo local forte e eficiente no que as Deputacións sobran, o BNG non abandeira esta proposta e outros teremos que facelo.

Carlos Vázquez Padín