PRIMEIRO PLENO

Non vamos entrar en debate

O pasado xoves tivemos a oportunidade de asistir ao primeiro pleno, despois do da constitución do mesmo, do Concello de Tui. Parece claro que vai ser un mandato de continuidade, probablemente o último de Rocha, e dunha maneira de facer política que debe, definivamente quedar ubicada no pasado e canto mais pretérito mellor.

No que se refire aos aliñamentos dos grupos o T.U.I. continua a ser a incognita, ou polo menos iso van pretender eles, manter unha ambiguidade calculada entre o Rochismo e a oposición, vaille ser mui complicado manter esa ambiguidade durante todo o mandato, e en todo caso esa ambiguidade supón o seu definitivo certificado de defunción política, a mesma ambiguidade que o levou ao fracaso na campaña quere mantela agora nos catro anos de mandato, é moi libre de facelo pero os réditos políticos para as próximas municipais van ser ben poucos, non se consigue atraer a ninguén coa indefinición, hai que mollarse, nun sentido ou noutro e moito mais cando estamos a falar de dar un posible apoio baixo corda a un alcalde indefendible, en fin, no pecado seguirá levando a penitencia, ígual que Tui, o seu "pecado" de apoiar a alguén como Rocha seguirá sendo a sua penitencia a traves do seu anquilosamento social e económico, ainda que ben pensado só unha sociedade anquilosada e nada dinámica pode apoiar a alguén como Rocha polo que poida que este, sendo consciente disto, esté interesado, ademais de en que o casco vello caia a pedazos, en que Tui non adquira un dinamismo que acelere a sua perda de control.

Do outro lado hai unha especie de Bloque Opositor Tudense (en diante BOT), formado por AT, PSOE (o PSdeG non existe) e BNG. A política fai extraños compañeiros de cama e o único que une a Capón cos grupos de esquerda non é mais que un necesario e perfectamente xustificable antirochismo. No pleno viuse claramente que Nani non quere formar parte deste BOT. Botase en falta por parte do BOT unha oposición con moita mais carga política, cando Rocha di "non vamos entrar en debate" habería que telo atacado con dureza, e logo, ¿para que está o pleno?, Rocha é un elemento cunha cultura política antediluviana autoritaria e rexeita o debate e moito mais a crítica por iso mesmo, cando tiña maioria absoluta os plenos eran cada dous meses e pola mañá para que non houbese debate e para que si o habia ninguén se enteirase. O debate e o intercambio de ideas é saudable para a democracia e a sociedade pero cando alguén está en política por ánimo de lucro non lle interesa someter as suas ideas a debate, ¿que ideas pode ter Rocha mais alá de recalificacións e negocios urbanisticos feitos á sombra do poder municipal?.

Rocha é unha persoa intelixente, sen nengunha formación nen cultura pero mui intelixente, o lamentable é que use esa intelixencia para facerlle mal a Tui e aumentar espectacularmente as suas contas correntes a costa do resto da cidadania, é moi intelixente especialmente desde o punto de vista emocional, cando algún opositor actua de modo constructivo e moderado tratao ben, intenta concederlle algún tipo de favor, como por exemplo estudar esa proposta, etc. Isto é un engaña bobos, un político antidemocrático e corrupto como Rocha non pode ser enfrentado cunha oposición tranquila como si aqui non pasase nada, vamos ver se o BOT se decata disto e comeza a facer unha oposición incisiva. O BNG comezou moi brandiño chegando Lano a falar do talante ZP de Rocha, o PSOE deu algo mais de caña pero especialmente a Diz Guedes, e non conven desviar o enfoque, é moi fácil cebarse agora con Nani, despois do seu fracaso, pero con quen de verdade hai que cebarse é co goberno municipal. Ademais atancando ao Goberno, tamén se ataca ao T.U.I. na medida en que estes apoien ao goberno.

Estivo acertado o portavoz do PSOE cando puxo de relevo a continuidade que se producia nas dedicacións exclusivas reseñando especialmente a de urbanismo para Prada, despois dunha xestión completamente fracasada a decisión do alcalde é ratificar no posto ao delegado de Urbanismo. A contia das dedicacións non chama especialmente a atención, 1900 euros brutos ao mes para os dous concellais con dedicación e 1600 para a media dedicación do Alcalde, é sen dúbida bastante mais do que estas persoas conseguirían gañar no mercado laboral libre por conta allea pero son cantidades razoables, inferiores, por exemplo ás dedicacións dos concelleiros do BNG e do PSOE en Tomiño. Só que no caso de Tui temos unha dúbida, ¿é esta a sua única fonte de ingresos relacionada coa actividade política?, é vox populi que non.

Por último tamén vimos o papel de mulleres floreiro que para o PP teñen as suas concelleiras non depositando nelas nengunha confianza nen delegación política de relevancia acorde cos postos que ocuparon nas listas, vamos ver se estas asumen ese papel asignado de mulleres floreiro ou reinvidican maior protagonismo, non me extrañaría nada que o tránsfuga Sousa estivese presionando para que algunha delas demita e entrar el de novo como concelleiro.

TUI IS DIFFERENT

O venres pasado cando chegaba de traballar encontreime cunha novidade, o concello tiña situado en puntos estratéxicos dun cada vez mais deteriorado casco vello letreiros de Información Xeral supostamente orientados precisamente a informar aos turistas que, nomeadamente durante o verán, chegan á nosa moi nobre e moi leal cidade (título que cada vez merecemos menos).

Tratase de facer que se fai mentres o maior patrimonio de Tui e un dos mais destacados de toda Galicia, vai caindo progresivamente a cachos perante a indiferencia dun poder político-económico para o que o casco vello chega a ser mesmo un estorbo, pensará o señor alcalde.......se o casco vello se convirte nunha alternativa residencial atractiva terei mais problemas en vender as miñas promocións no resto de Tui, por tanto non me interesa o casco vello. Algo tan simple e patético como isto, sen embargo moitos tudenses parecen satisfeitos, a xulgar polo resultado eleitoral, con que alguén que mistura claramente política municipal con negocios privados siga a ser quen rixa os destinos do noso municipio. Pomos ao raposo a cuidar das galiñas e así nos luce o pelo. Cando estou con alguén de fora no Parador ou entrando en Tui desde Valença, sempre fago o mesmo, sinalo as ruinas do Teatro Principal e digolle a quen me acompaña que é o Teatro mais antigo de Galicia e preguntolle se de onde el procede isto é posible, de momento fixeno cun sueco que dixo que iso en Suecia seria impensable, e cun madrileño afin ao PP, que se sentiu avergoñado cando lle dixen que o alcalde de Tui era do PP e que o seu antecesor, outro ex alcalde do PP sen intereses na construcción propuña tiralo e facer un aparcamento no mesmo lugar.

Moita xente non quere ver o impulso económico que dun potenciamento do casco vello, através do Plan Especial do Casco Histórico, a candidatura a patrimonio da humanidade en conxunto con Valença, as axudas á rehabilitación, etc se lle podería dar á hosteleria e ao comercio da cidade e portanto ao conxunto da nosa economía, o turismo pode e debe ser unhas das principais fontes de riqueza do noso concello pero compre por en valor os recursos e non estragalos como o estamos a facer nos. Recordo a alguén do BNG dicir que o verdadeira riqueza proviña das actividades agrícolas e mariñeiras e que o Turismo non era fonte de riqueza, claro que esta mesma persoa dicia que o Euro só valería para ir á feira de Valença, cando alguén proven do resistencialismo da esquerda antisistema notase, teño curiosidade por coñecer a política do BNG á frente da Dirección Xeral de Turismo da Xunta.

Hai unha frase feita que di: "o nacionalismo curase viaxando", e eu pregunto ¿como se cura o palurdismo de quen despreza o seu idioma e non sabe que o inglés é hoxe a lingua franca para calquera cousa incluida o turismo?, ben, os letreiros de sinalización do casco vello só están en castellano, nen rastro de galego, nen rastro de ingles. Voltamos á doutrina linguistica do Franquismo que reprimia o galego e que impedia que os españois se "contaminasen" de linguas alleas como o francés e o inglés, isto foi o que levou a Franco a ordenar a dobraxe ao castellano das peliculas que emitia TVE e esta ideoloxia e a que está na base de que España sexa o membro da Unión Europea con peor nivel de linguas extranxeiras. Se cadra pensan os coitados que son moi cosmopolitas por usar o castellano, cando as suas miras non pasan do marco das suas leiras.

Os nosos gobernantes locais son provincianos, incultos e parece que non viaxaron nunca por Europa, nen sequera a Portugal onde esta e unha das poucas cousas que podemos aprender deles, é o primeiro caso que vexo, ¿non sei se vos tendes visto algo igual? na que unha rotulación turísitica exclue o inglés, sempre está no idioma ou idiomas locais e despois o inglés, en Portugal; portugués e inglés, en Franza, francés e inglés, en Cataluña, catalán, castellano e inglés, en Gales, galés e inglés. etc. Pero Tui is different. Somos tamén practicamente o único concello dos 316 de Galicia onde no Nadal o letreiro luminoso financiado polo concello pon Feliz Navidad e é que o Corte Inglés respeta mais o idioma de Rocha que o propio Rocha, vaya por dios!!.

O lóxico, normal e que calquera técnico turístico aprobaría seria usar o galego, lingua propia de Galicia, o castellano, lingua de moitos galegos e lingua falada por unha porcentaxe moi significativa dos turistas que visitan Tui e finalmente en inglés lingua que pode ler grande parte dos turistas non españois que visitan ou que deberían visitar Tui.

Alguén que despreza e infravalora as suas orixes nunca poderá construir nada en positivo, só será capaz de destruir, o futuro e o progreso só se poden construir sabendo que compre mellorar e tendo apertura cara o exterior pero esta apertura ao exterior non debe partir do desprezo do propio. Un exemplo para min é Xapón onde foron capaces de adaptar elementos alleos como o capitalismo occidental sen renegar do seu pasado e combinando o mellor deles co mellor de fora conseguiron convertir unha illa relativamente pequena (mais pequena que España) con escasez de recursos mineiros e naturais e no medio da nada (durante o desenvolvimento económico de Xapón desde finais do século XIX Asia non pintaba nada na escena económica mundial) na segunda potencia económica do mundo.

Pero como sempre hai que ser positivo vou propor un novo tipo de turismo que podería ser unha boa fonte de publicidade e de riqueza para Tui, que nos visiten estudantes de distintas faculdades de Ciencias Políticas de Europa, unha especie de Erasmus da infrapolítica europea, para analisar politicamente o que acontece en Tui, a ver se eles son capaces de explicar como pode gañar unhas eleccións nunha democracia europea occidental alguén como Rocha porque eu non son capaz.

COMPLICES POR OMISIÓN

LA ALTERNATIVA PARA QUE NADA CAMBIE

Despois da resaca electoral e vermos o resultado que determinaron os cidadáns de Tui co seu voto xa non vale a pena entrar a analisar estes en profundidade, confirmase a acusada tendencia a votar en clave conservadora, confirmase tamén que a honradez dos políticos non é un determinante importante para o voto, e sobre todo chama a atención o pouco que evolue ese voto, o PP baixa 1200 votos que son recollidos por Diz Guedes, Capón baixa 200 que tamén recolle Diz Guedes, totalizando este último uns 1500. O BNG sobe 200 que son os que baixa o PSOE, quere dicir o bloques de esquerda e direita permanecen completamente inalterados con respecto a hai catro anos o que, desde o meu punto de vista, deixa moi claro que unha alternativa eficaz no futuro ao desaguisado actual ten que pasar por unha opción de centro direita que sexa unha alternativa de verdade, e non só no eslogan da campaña.


REXIME DE PARTIDO ÚNICO

A grave situación de anomalia democrática na que viveu e segue a viver Tui, na que un partido pode paralisar politicamente a unha localidade, é rebeladora dun fallo de base na política tudense, na que un partido monopoliza de tal maneira o poder, que a luita polo poder real non se desenvolve só nas urnas senón que o campo principal de batalla no que se desenvolve a luita polo poder e no seo do partido dominante, ao estilo do vello PCUS (Partido Comunista da Unión Sovietica) ou do PRI (Partido Revolucionario Institucional) de México, quen mande no PP de Tui manda en Tui, esta conclusión é dunha extraordinária gravidade, posto que os partidos que se encontran nesta posición crense con direito a todo, e empeza a importar pouco ou nada se governan ben, mal ou regular e o único que importa é a perpetuación no poder através dunhas políticas parasitarias que impiden o desenvolvimento social e económico neste caso de Tui usando o clientelismo como instrumento.
Isto deturpa completamente os procesos eleitorais, xa que unha parte importante da povoación ve-se inmersa nesta sinistra rede clientelar e vota en función de algo que nada ten que ver con quen ten mellores ideas ou quen o pode facer mellor, co que a determinación da vontade política da cidadania segue vieiros mui perigosos e que fan que, o PP en Tui , o PCUS na antiga Unión Soviética ou o PRI até hai pouco en México teñan patente de corso para facer o que lles pete, e ter garantido o poder por desastrosamente mal que fagan as cousas. O PP, ex-PP, futuro PP, etc levan xa moitos anos a rirse de todos nos e usar Tui como a sua finca particular, os últimos vinte anos da política en Tui son dignos dun vodevil, un alcalde vaise para Santiago a facer carreira, deixa a un compañeiro coa intención de que lle obedeza, resulta que este non lle obedece e decide manobrar para por a outro compañeiro coa axuda do actor convidado (o PSOE), despois resulta que este xa non lle obedece mais e como xa se acabou a carreira en Santiago volta ás orixes para que nada cambie en vinte pico anos. O mais triste é que o público aplaude a función, confunde unha comedia cunha traxedia.


PACTOS POS-ELECTORAIS

Os resultados deixaron un panorama bastante complexo pero ao mesmo tempo completamente previsible, unha alternativa ao PP pasaba por un xuntoiro inviable, alguén se imaxina a Capón gobernando con Diz Guedes, o BNG e o PSOE?, sinceramente penso que ninguén, desde o momento en que AT, BNG e PSOE non sumaban nove o alcalde era Rocha, so faltaba ver como se concretaba iso. T.U.I. consentiu que o pior alcalde da historia de Tui siga a selo, dirannos unha e outra vez que se ian votar a si mesmos, e é verdade que o dixeron por activa e por pasiva, pero o engano non está ai, se o eslogan dunha formación é "La Alternativa para el Cambio" trasmite a sensación intencionadamente ao eleitorado de que a prioridade para ese grupo era que Rocha non continuase como Alcalde, non estamos a falar de calquera alcalde, o que temos é un alcalde indixerible para calquera demócrata e calquera demócrata estaria disposto a usar o seu voto para que este alcalde non o seguise a ser, Diz Guedes e/ou Pepe non usaron o seu voto para impedilo, son cómplices por omisión e politicamente culpables. É mais, puideronlle dar a alcaldia a un dos fillos políticos díscolos de Diz Guedes, Capón, ubicado no seu mesmo espectro ideolóxico pero preferiron que alguén que usa o concello con fins de lucro persoal sexa por catro anos mais o alcalde. Xa que logo parece que o T.U.I. prefire o nepotismo, a corrupción e que Tui siga sumido nunha terrible parálise económica para beneficio de catro amigos en perxuizo dos outros dezaseismil tudenses.
De todos modos o T.U.I pode redimir unha pequena parte da sua grave culpa se comeza a votar nos plenos xunto con AT, BNG e PSOE todas as medidas que tendan a unha maior limpeza dos procesos de contratación no concello, a que haxa un pleno ao mes pola tarde e con restitución do turno de rogos e preguntas, se obriga ao Alcalde, baixo ameaza dunha moción de censura, a admitir as modificacións no plan xeral que solicita a Xunta, e tantas e tantas medidas que en poucos meses nos van indicar a verdadeira natureza do compromiso entre Diz Guedes e Rocha. Se é verdade que non estaba todo precociñado e foi todo un burdo timo precisamente para que nada mudase vamolo saber enseguida. A oposición debe apresentar unha bateria de medidas deste tipo comezando polo pleno mensual pola tarde xa na primeira ocasión. Ainda pode haber unha pequena sombra de dúbida sobre a non honorabilidade de Diz Guedes pero axiña se vai despexar, espero que se esta dubida se despexa negativamente o meu amigo Pepe non afunda os pés na lama e demostre a independencia de carácter da que tantas veces fai gala e que non permita esa pantomima ou se marche para casa, un profesional de éxito como el non precisa enlamarse, espero e desexo que iso o deixe para os que fora da política non serían ninguén.


O FINANCIAMENTO

Se soubesemos quen financia as campañas teriamos moitas mais pistas dos intereses que hai detras de cada candidatura, nos Estados Unidos as doazóns aos candidatos son públicas e non hai límite de gasto https://contribute.hillaryclinton.com/form.html?sc=1 este é un link á paxina da campaña presidencial de Hillary Clinton onde pide diñeiro aberta e publicamente, o PP e o PSOE están de acordo nun modelo mais oscurantista e cínico, marcan un límite de gasto que ninguén respecta nin fiscaliza e non sabemos, por exemplo, quen pode estar interesado en gastar 200.000 € nunha campaña electoral nun concello como Tui e porque gasta esa cantidade de diñeiro, ¿será por idealismo?, ¿será un investimento?, ¿cal é o medio de retorno dese investimento?, ¿os 120 € das dietas dos plenos? ¿ou será o negocio urbanístico?. Se soubesemos quen financia se cadra atariamos mellor cabos e votariamos con mais información.


A INOPERANCIA DA ESQUERDA

A esquerda tudense demostrou, mais unha vez, a sua inoperancia, non sendo capaces de levar a iniciativa para a formación dunha alternativa (¿porque sera que cada vez que uso esta palabra me lembro do mesmo?) nucleada entorno á esquerda, o BNG e o PSOE asumen o seu papel de comparsas na política tudense, o PSOE foi quen puxo na alcaldia a Rocha na moción de censura do 1998 e ainda non deu unha rolda de imprensa para pedir desculpas por ese gravísimo erro histórico, podemos tamén falar de Sousa, do cabeza de lista do PSOE hai catro anos, en fin, o papel e o traballo da esquerda para que en Tui se produza a transición á democracia deixa moito que desexar até a data. Tanto o PSOE como o BNG teñense que convencer que ante individuos como Rocha&Company non valen panos quentes nen cobardias, ainda que é duro e desagradable terse que enfrentar nun lugar pequeno como Tui se non son capaces de o facer é mellor que se dediquen a outras cousas, só unha oposición incisiva pode coadxuvar un cambio en Tui, Capón, ainda que ten capacidade, non sabemos porqué, pero non a fai, vamos ver se os catro da esquerda son capaces. Con alguén como Rocha non se pode coleguear e espero que se lle empece a dar caña, se non seguiran sendo unhas comparsas dos tres Pepés. De continuar así a transición a democracia en Tui pode chegar con 30 anos de retraso , a Galicia chegou con 30 anos de retraso con respecto a España. 1975-2005, espero que non teñamos que esperar en Tui ao 2035. En todo caso a esquerda por si soa non ten capacidade de forzar unha mudanza en Tui e terá que ser un centro direita democrático quen de o empurrón definitivo.