TUI IS DIFFERENT

O venres pasado cando chegaba de traballar encontreime cunha novidade, o concello tiña situado en puntos estratéxicos dun cada vez mais deteriorado casco vello letreiros de Información Xeral supostamente orientados precisamente a informar aos turistas que, nomeadamente durante o verán, chegan á nosa moi nobre e moi leal cidade (título que cada vez merecemos menos).

Tratase de facer que se fai mentres o maior patrimonio de Tui e un dos mais destacados de toda Galicia, vai caindo progresivamente a cachos perante a indiferencia dun poder político-económico para o que o casco vello chega a ser mesmo un estorbo, pensará o señor alcalde.......se o casco vello se convirte nunha alternativa residencial atractiva terei mais problemas en vender as miñas promocións no resto de Tui, por tanto non me interesa o casco vello. Algo tan simple e patético como isto, sen embargo moitos tudenses parecen satisfeitos, a xulgar polo resultado eleitoral, con que alguén que mistura claramente política municipal con negocios privados siga a ser quen rixa os destinos do noso municipio. Pomos ao raposo a cuidar das galiñas e así nos luce o pelo. Cando estou con alguén de fora no Parador ou entrando en Tui desde Valença, sempre fago o mesmo, sinalo as ruinas do Teatro Principal e digolle a quen me acompaña que é o Teatro mais antigo de Galicia e preguntolle se de onde el procede isto é posible, de momento fixeno cun sueco que dixo que iso en Suecia seria impensable, e cun madrileño afin ao PP, que se sentiu avergoñado cando lle dixen que o alcalde de Tui era do PP e que o seu antecesor, outro ex alcalde do PP sen intereses na construcción propuña tiralo e facer un aparcamento no mesmo lugar.

Moita xente non quere ver o impulso económico que dun potenciamento do casco vello, através do Plan Especial do Casco Histórico, a candidatura a patrimonio da humanidade en conxunto con Valença, as axudas á rehabilitación, etc se lle podería dar á hosteleria e ao comercio da cidade e portanto ao conxunto da nosa economía, o turismo pode e debe ser unhas das principais fontes de riqueza do noso concello pero compre por en valor os recursos e non estragalos como o estamos a facer nos. Recordo a alguén do BNG dicir que o verdadeira riqueza proviña das actividades agrícolas e mariñeiras e que o Turismo non era fonte de riqueza, claro que esta mesma persoa dicia que o Euro só valería para ir á feira de Valença, cando alguén proven do resistencialismo da esquerda antisistema notase, teño curiosidade por coñecer a política do BNG á frente da Dirección Xeral de Turismo da Xunta.

Hai unha frase feita que di: "o nacionalismo curase viaxando", e eu pregunto ¿como se cura o palurdismo de quen despreza o seu idioma e non sabe que o inglés é hoxe a lingua franca para calquera cousa incluida o turismo?, ben, os letreiros de sinalización do casco vello só están en castellano, nen rastro de galego, nen rastro de ingles. Voltamos á doutrina linguistica do Franquismo que reprimia o galego e que impedia que os españois se "contaminasen" de linguas alleas como o francés e o inglés, isto foi o que levou a Franco a ordenar a dobraxe ao castellano das peliculas que emitia TVE e esta ideoloxia e a que está na base de que España sexa o membro da Unión Europea con peor nivel de linguas extranxeiras. Se cadra pensan os coitados que son moi cosmopolitas por usar o castellano, cando as suas miras non pasan do marco das suas leiras.

Os nosos gobernantes locais son provincianos, incultos e parece que non viaxaron nunca por Europa, nen sequera a Portugal onde esta e unha das poucas cousas que podemos aprender deles, é o primeiro caso que vexo, ¿non sei se vos tendes visto algo igual? na que unha rotulación turísitica exclue o inglés, sempre está no idioma ou idiomas locais e despois o inglés, en Portugal; portugués e inglés, en Franza, francés e inglés, en Cataluña, catalán, castellano e inglés, en Gales, galés e inglés. etc. Pero Tui is different. Somos tamén practicamente o único concello dos 316 de Galicia onde no Nadal o letreiro luminoso financiado polo concello pon Feliz Navidad e é que o Corte Inglés respeta mais o idioma de Rocha que o propio Rocha, vaya por dios!!.

O lóxico, normal e que calquera técnico turístico aprobaría seria usar o galego, lingua propia de Galicia, o castellano, lingua de moitos galegos e lingua falada por unha porcentaxe moi significativa dos turistas que visitan Tui e finalmente en inglés lingua que pode ler grande parte dos turistas non españois que visitan ou que deberían visitar Tui.

Alguén que despreza e infravalora as suas orixes nunca poderá construir nada en positivo, só será capaz de destruir, o futuro e o progreso só se poden construir sabendo que compre mellorar e tendo apertura cara o exterior pero esta apertura ao exterior non debe partir do desprezo do propio. Un exemplo para min é Xapón onde foron capaces de adaptar elementos alleos como o capitalismo occidental sen renegar do seu pasado e combinando o mellor deles co mellor de fora conseguiron convertir unha illa relativamente pequena (mais pequena que España) con escasez de recursos mineiros e naturais e no medio da nada (durante o desenvolvimento económico de Xapón desde finais do século XIX Asia non pintaba nada na escena económica mundial) na segunda potencia económica do mundo.

Pero como sempre hai que ser positivo vou propor un novo tipo de turismo que podería ser unha boa fonte de publicidade e de riqueza para Tui, que nos visiten estudantes de distintas faculdades de Ciencias Políticas de Europa, unha especie de Erasmus da infrapolítica europea, para analisar politicamente o que acontece en Tui, a ver se eles son capaces de explicar como pode gañar unhas eleccións nunha democracia europea occidental alguén como Rocha porque eu non son capaz.

No comments:

Post a Comment

podes deixar aqui a tua opinión,