As motivacións da política.

É sabido que todas as accións humanas responden a unha motivación, algo que nos move a facer o que facemos, por exemplo traballamos ou ben porque esa actividade nos fai sentir ben e/ou porque o precisamos para cubrir as nosas necesidades de aloxamento, alimentación, sanidade, educación ou diversión.

Particularmente na política podemos ver varios tipos de motivación, os que nos diriximos á política con verdadeira vocación de servizo aos cidadáns e ao noso País facemolo motivados pola nosa ideoloxía, temos unha determinada idea de cara onde consideramos que debe camiñar a sociedade á que diriximos a nosa mensaxe política, ofrecemos un determinado curso de acción á sociedade que será a que posteriormente decida democraticamente se ese curso de acción, se ese camiño que se lle propón lle resulta máis ou menos atractivo que os camiños alternativos.

Somos, polo tanto, idealistas, xa que son as nosas ideas as que nos incentivan a actuar politicamente, os idealistas queremos chegar ao poder para aplicar as ideas que nos moven a actuar, non concebimos ao poder como un fin en si mesmo, senón como un medio para chegar a un fín, que é o da aplicación da nosa ideoloxía a través dunha serie de políticas públicas que consideramos que crearán unha sociedade máis rica no material e no espiritual.

Pero desgraciadamente as ideas non son a única fonte de motivación para todas as persoas que están implicadas na actividade política, desgraciadamente na política non hai só idealistas, é máis, os idealistas somos probablemente minoria, hai outros aos que lles motivan máis os intereses económicos, e hainos mesmo, como o alcalde de Tui, que se dedican a perseguir exclusivamente o seu beneficio persoal, o lucro, o poder polo poder, baixo o paraugas protector do Partido Popular, esta clase de persoas non están nos cargos públicos para traballar pola sociedade, non están en política para servir aos cidadáns, só están ao servizo deles mesmos.

Como idealista reinvidico a importancia dos valores e dos principios e como liberal considero lexítimo, positivo e necesario nunha sociedade o ánimo de lucro dos individuos e un valor que debemos ter claro como demócratas é que o enriquecemento persoal só pode ter como escenario o desenvolvemento dunha actividade na empresa privada nun entorno competitivo onde os contratos e os negocios se fagan por intelixencia e traballo e non por favores, o uso da administración pública financiada cos impostos de todos, para o lucro indirecto dos responsables políticos ou de pseudoempresarios que viven do favor supón unha conduta despreciable e que nos empobrece a todos material e espiritualmente sen que lle importe nen a conservadores nen a socialistas que non toman medidas para frear a crecente vaga de casos de corrupción nas suas filas.

A administración pública, desde o papel subsidiario que defendemos, ten que se centrar en xerar o marco e as condicións máis favorables para que a iniciativa privada floreza, infraestruturas, sanidade, educación, contención da presión fiscal, axilidade administrativa para non paralizar a actividade económica como acontece en Tui, etc.

Alguén que considera o idealismo como algo negativo teria, inmediatamente despois que explicar cales considera que deben ser as motivacións para dedicarse á actividade política, o rencor?, o enriquecemento persoal ilícito?, o medre social?. A quen considera negativo e síntoma de inmadurez o idealismo gustaríame preguntarlle cales cre el que deben ser as motivacións para decidir implicarse en política.

Así conciben os provincianos a comunicación de Galicia.

"Lo que se pretende, y es lo importante, es que al final, un ciudadano que está en Madrid, en el aeropuerto de Barajas, y quiere coger un vuelo a Galicia, pueda venir de la forma más cómoda posible". Frase literalmente reproducida da edición de onte de La Voz de Galicia e posta en boca de Agustín Hernández, conselleiro de infraestruturas preocupado, en que sexa cómoda a viaxe de Madrid a Galicia e non preocupado porque os galegos teñamos un sistema aeroportuario que nos permita interrelacionarnos o mellor posible con España, Europa e o Mundo.
Claro, o 80% do tráfico aereo de Galicia é con Madrid e agora sabemos porqué, para a comodidade dos que están en Madrid e dentro duns anos teremos un Tren de Alta Velocidade tamén con Madrid que seguindo o mesmo patrón de pensamento significa que o que se busca é a comodidade dos que están en Madrid e non comunicar a Galicia co Mundo, tampouco importa ao PP e ao PSOE gastar centos de millóns de euros en crear unha infraestrutura cun servizo redundante co único para o que sirven os tres aeroportiños que temos que é comunicar a Madrid con Galicia.
Eu creo que os galegos queremos estar comunicados con Madrid e co maior número posible de sitios e a política de infraestruturas segue unha concepción ultracentralista só preocupada porque Madrid esté moi ben comunicada cos demais, o máis patético de todo isto é que sexa alguén que debería velar polos nosos intereses quen tamén vele polos intereses de Madrid.

CONSTRUINDO UNHA NOVA CULTURA

Cando o que se pretende é construir un novo proxecto político é imprescindible dotalo dunha cultura propia e diferenciada se se quere que este proxecto teña unha continuidade no tempo máis alá das persoas concretas que o dirixen en cada momento, ese constructo cultural de grupo cumpre duas funcións primordiais; por un lado diferenciar ao partido dos seus competidores ou adversarios políticos e por outro lado cohesionalo e fortalecelo a nivel interno.

Unha das grandes probas que o noso país ainda ten pendente de superar para estar na vangarda das nacións hispánicas e europeas é a capacidade de autoorganización política, sermos capaces de demostrar que non nos teñen que vir de fora para organizarnos e para indicarnos como malgastar o noso capital democrático en apoiar intereses que non son os nosos. O noso partido, CXXI responde precisamente a esta necesidade que sentimos de que os galegos poidamos enfocar o noso capital democrático na xeración de valor e peso político, de autoestima colectiva e de benestar económico para o noso pobo.

Para crear esta ferramenta ao servizo de Galicia hai que preparala e dotala dunha determinada cultura que a faga apta para este propósito e a cultura que queremos crear en Converxencia para que o noso sexa un proxecto con posibilidades de permanencia e de éxito configurase entorno a unha serie de piares ou valores e principios fundamentais: a apertura ao exterior, o compromiso, a liberdade de opinión, a humildade, a asertividade, o respecto, a tolerancia, o espirito positivo, o espirito construtivo, o consenso, as maiorías e a disciplina.

O galeguismo político precisa dunha ferramenta con vocación maioritaria, con vocación de facer país, con vocación central e estabilizadora da radicalizada política galega e con vocación de apertura á sociedade, con seguridade en si mesma para xerar, cultivar e manter unha dialéctica enriquecedora entre a sociedade e a organización, isto plásmase en primeiro lugar nunha política de afiliación totalmente aberta, co único requisito do pagamento dunha pequena cota que indique de forma indiscutible a existencia de compromiso co proxecto. En C.XXI ninguén poderá vetar a ninguén, non haberá exames, non haberá desconfianza e non haberá sectarismo de ningún tipo, todo o mundo que teña compromiso é benvido en Converxencia XXI. Para quen non queira afiliarse tamén haberá un espazo de participación como simpatizante, colaborador local, figura pensada para aquelas persoas que queren botar unha man ao partido pero só a nivel local ou doante económico para aquelas persoas que queiran contribuir simplemente ao sostimento económico do partido, todas as posibilidades de interrelación estarán abertas para que a comunicación do partido coa sociedade sexa o máis fluida posible.

Non hai nin haberá censura dentro de CXXI, non se reprimiran as opinións libremente expresadas de ninguén, é sempre bo que sexamos capaz de expresar as nosas opinións con humildade e asertividade, é exixible que sempre falemos co debido respecto e tolerancia polas opinións diverxentes e as persoas que as sosteñan e defendan, no debate e no intercambio de opinións sempre debe prevalecer un espirito construtivo que busque sumar, que focalice no que temos en común e no que nos une e non no que nos separa, un espirito positivo que reflexe a vontade que todos temos de sumar, de xuntar forzas en beneficio de Galicia.

Estes debates e intercambios de opinións buscarán con determinación o consenso e cando este non sexa posible serán as maiorías as que marquen a liña a seguir e desde ese momento será exixible unha disciplina a todos no cumprimento ou transmisión do decidido nese consenso ou, no seu defecto, no decidido pola maioría.

Aspiramos a dotar ao noso País dunha ferramenta ao seu servizo que sexa eficaz, potente e sólida pero ao mesmo tempo sexa aberta, tolerante e flexible para que a ilusión e motivación que xa estamos comezando a crear encontre os cauces para o seu crecemento e expresión, e cremos que na procura deste obxectivo todos temos que compartir e asumir como propios unha serie de elementos culturais como os devanditos.

Existe un espazo político para Converxencia?

O presente artigo visa respostar unha pergunta à que algúns lle levamos um tempo dedicando moitas horas de pensamento; existe ou non existe un espazo político galeguista ou nacionalista galego non comunista ou socialista suficientemente grande e suficientemente sólido como para que sexa viable a sua existencia organizada, independente e como alternativa de poder en Galicia?.

Para tentar ubicar máis claramente o terreno de xogo actual podemos botar man do inquerito que o CIS fixo en Galicia con motivo das eleccións autonómicas http://www.cis.es/cis/opencms/-Archivos/Marginales/2780_2799/2783/e278300.html os dous datos que tirei dai foron o do posicionamento do conxunto do electorado galego e dos tres partidos con representación parlamentaria, en dous eixos; o esquerda – dereita e o eixo identitario galeguismo – españolismo explicitado polo CIS como máis ou menos nacionalismo (para o CIS son só nacionalistas os galeguistas). Segundo este inquerito e nunha escala de 0 a 10 os galegos situanse e situan ás tres forzas políticas nas seguinte puntuación segundo o eixo identitario (galeguismo – españolismo) e o ideolóxico (esquerda – dereita). Tamén se engade unha área de influencia de cada forza e o lugar que aspira a ocupar Converxencia XXI, o gráfico sería o seguinte:

Chama moito a atención o lonxe que das percepcións políticas do galego medio están tanto o BNG como o PP, partido que goberna a Xunta de Galicia con maioria absoluta, vese claramente como existe terreno de xogo para un partido que represente a aqueles cidadáns non de esquerdas pero máis galeguistas que o PP (situado pola cidadania nun antigaleguismo claro) e aqueles cidadáns máis galeguistas pero non tan de esquerda como o BNG (situado pola cidadanía moi próximo á estrema esquerda). É tremendamente chamativo o espazo que no eixo esquerda – dereita encontramos entre o PP e o PSOE, do 7.92 do primeiro ao 4,09 do segundo, encontramos un “oceano” de case catro puntos no que non aparece ningunha forza política de ámbito parlamentario cando hai unha maioria de galegos que se autoubican nese espazo ideolóxico do centro e do centro – dereita. No eixo identitario hai un oceano case tan grande entre o PSOE e o BNG, estando o PSOE situado no 4,73 e o BNG no 7,99 máis de tres puntos, outro espazo enorme no que tampouco aparece ningunha organización política con representación no Parlamento de Galicia.

Tanto a análise dos posicionamentos identitarios como os do eixo esquerda-dereita poñen de manifesto a existencia dun espazo grande que non ten reflexo a dia de hoxe nas institucións autonómicas. Poderíamos engadir un terceiro eixo do que non temos datos demoscópicos do CIS que é o autoritarismo – liberalismo e que é independente da fratura esquerda – dereita, e que sí ten en conta a brúxula política http://www.politicalcompass.org/es/ pareceme claro que a política galega precisa unhas doses de liberalismo das que carece xa que o autoritarismo predomina nas políticas e atitudes das tres forzas con presenza.

Que hai un espazo de considerable tamaño para un partido como Converxencia XXI parece innegable, a esta análise podemoslle engadir datos procedentes da experiencia do, tan fugaz como espectacular, éxito de Coalición Galega, no ano 1985 o nivel de conciencia política no país non era evidentemente superior ao de hoxe e un partido ben financiado (Coren e CiU), con un bo lema “Galegos, fagamonos respetar” e un candidato presentable como Pablo González Mariñas conseguiu da noite para a mañá once deputados autonómicos, algúns en zonas nas que contaba con redes caciquis como Ourense pero outros nas provincias atlánticas onde non contaba con esas redes. A partir do esfarelamento de C.G. debido á sua falta de cohesión e bases ideolóxicas firmes e diferenciadas cando o seu procer Franqueira enfermou, todos os intentos de lanzar un proxecto no centro galeguista foron capitaneados por veteranos políticos en busca dunha segunda oportunidade o que lles restou credibilidade, tivemos o caso de Juan Fernández e Enrique Marfany con Democracia Galega, partido que non aportaba nada diferenciado ideoloxicamente do PP, despois vimos a aterraxe de Soto no Partido Galeguista con candidatos que se atreveron a facer o que non se atrevía ainda nese momento a facer o PP como chamarlle La Coruña á cidade herculina, despois tivemos o caso de Pablo Padín e Xoan Gato con Terra Galega. Enfin unha sucesión de intentos mal plantexados, carentes de horizonte biolóxico, de base ideolóxica, e por tanto da necesaria cohesión para enfrentar unha inevitable travesía no deserto de bastantes anos necesaria para colocar a un partido de centro galeguista de novo nas institucións máis importantes.

É NECESARIA CONVERXENCIA XXI?

Galicia precisa ter unha ferramenta de futuro propia, un partido que deseñe un proxecto de País no que o progreso, a autoestima e a modernidade sexan compatibles cun exercicio de dignidade, orgullo e galeguidade. Sin embargo cando aparece un novo partido político despois de máis de trinta anos de democracia parece lóxico preguntarse cal é a necesidade á que responde.

Pois ben, a nosa motivación proven da necesidade insatisfeita que vemos en Galicia dunha formación política propia e integradora que translade unha mensaxe positiva, de autoestima, constructiva e de centralidade; unha forza política capaz de construir un discurso atractivo para a maioria da nosa cidadania e un discurso que sendo compatible coas percepcións políticas da maioria, traslade un proxecto ambicioso de país, que acabe con complexos e sumisións a intereses alleos tan presentes noutras forzas galegas. Estamos convencidos de que isto é unha necesidade do país, unha necesidade que moita xente ve e que outra moita non ve a dia de hoxe pero que, chegado o caso, se sentiria atraida por unha oferta destas características unha vez que esta se fixese visible.

O sistema partidario galego actual representa un problema para o noso desenvolvemento democrático, político, social e económico actual e futuro, encontramonos con dous bloques ou compartimentos con capacidade para formar maioria, por un lado o bloque monopartito de dereitas representado polo PP e por outro lado, o bloque bipartito das esquerdas formado por PSOE e BNG. Comezando por este último acabamos de visualizar nestes últimos anos na Xunta e continuamos a ver en moitos concellos a distancia ideolóxica e cultural que separa a estas duas opcións o que dificulta enormemente e de forma obxectiva, o seu entendimento e a formación de coalicións estables e cooperativas ademáis de meramente competitivas como é e foi o caso dos bipartitos PSOE –BNG.

O PSOE ao non ser unha organización exclusivamente galega e non ser capaz de xerar unha opción propia medianamente consistente como seria o caso do PSC en Cataluña, sempre subordina e subordinará o interese galego ao doutros grupos territoriais ou de presión con máis capacidade ou máis autoestima, este feito constatable desde o ano 1982 no que o PSOE accedeu ao poder estatal revelan que o Partido Socialista non é, e por motivos estruturais e non conxunturais, non poderá chegar a ser un instrumento eficaz na defensa dos nosos intereses colectivos, xa non só como país, senon tan sequera como territorio con intereses diferenciados.

O BNG é, a día de hoxe, a única forza propia de Galicia con representación no Parlamento autonómico e nos concellos das sete principais cidades, a historia recente do noso país fixo que o nacionalismo galego politicamente actuante se nuclease a partir dos anos oitenta arredor dun partido autodefinido como marxista-leninista e doutros grupos de estrema esquerda, foi este grupo quen o conseguiu e ese mérito hai que llo recoñecer pero esta realidade histórica conseguiu tamén colocar ao nacionalismo político excesivamente lonxe das percepcións ou obxectivos políticos dunha inmensa maioría da nosa sociedade, esa identificación da defensa política do país con posturas estremistas de esquerdas fixolle e estalle a facer mal ao proxecto de construcción nacional que Galicia precisa. Desde posturas tan esquerdistas, sectarias, defensivas e negativas demostrouse imposible achegar o galeguismo político a amplisimos sectores sociais que simplemente non son de esquerdas, nin altermundistas, etc. Tampouco é agora viable mudar ese posicionamento na esquerda socialista e comunista do BNG para atraer a novos sectores como Quintana tentou, o único que esta táctica conseguiu foi disgustar a unha parte significativa dos seus apoios tradicionais sin lograr atraer, alén dalgúns votos clientelares no rural, novos caladoiros electorais.


O outro compartimento estanco do sistema de partidos galego é o da dereita concentrado en torno a unha única organización, o Partido Popular, este partido está situado tanto no eixo identitario, que marca o seu crecente desprezo pola nosa identidade, como no eixo esquerda dereita cada vez máis lonxe do centro, é posible que isto sexa a consecuencia da evolución dunha parte importante da sociedade galega pero tamén é certo que un PP tan forte representa unha anomalia que poderíamos considerar preocupante en calquera democracia occidental avanzada que é o que nós pretendemos ser.

A existencia destes dous compartimentos estancos tan alonxados entre si introduce unha tremenda inestabilidade política na nosa terra, cando se produce unha alternancia no poder, como acaba de acontecer, ou como aconteceu no 2005 un dos dous compartimentos cuestiona unha parte fundamental das políticas públicas e do traballo lexistativo do anterior, vemos agora ao PP de Feijóo cuestionar a política sanitaria, a enerxética, a educativa, a lingüística, a de infraestruturas e un longo etcétera. A carencia de consensos básicos e de sentido e responsabilidade de País arredor de asuntos cruciais e esenciais para o noso desenvolvemento condenannos a un continuo facer e desfacer, a unha continua inestabilidade e a un continuo fracaso como tamén exemplificou outro tren que se perdeu, o do novo estatuto, as políticas públicas requiren para ser efectivas dun tempo e dunha estabilidade, pero claro, e aquí está o problema, que van consensuar unha das dereitas mais rancias, e conservadoras como a do PP cunha das esquerdas máis anacrónicas de Europa occidental como é o BNG?, que vai consensuar un partido cada vez mais orgulloso da sua desgaleguización como o PP cun partido cun discurso caduco na cuestión identitaria, pero galeguista ao fin e ao cabo, como o BNG?. Ademáis no medio temos un PSOE máis capacitado para a consecución de consensos pero que non ten proxecto para este País e que ao estar inmerso na dinámica de Compartimentos estancos non pode facer nada para mellorar ou fluidificar este problema.

Esta dinámica tan dañina de compartimentos alonxados só pode ser rota para beneficio de Galicia por un partido que ocupe un espazo central, un espazo de consenso, un espazo construtivo que é o que demanda a maioría da sociedade galega pero que non ten a día de hoxe a sua plasmación na política partidaria institucional. Este partido lubrificaría os comportamentos estremistas de PP e BNG ao poder pactar en ambas direccións obrigando aos extremos do sistema a buscar un consenso en beneficio do país se é que queren gobernar, Converxencia nunca sería refén de ningún outro partido porque sempre tería unha alternativa de pacto. Imaxinemos por exemplo unha Cataluña na que os posibles gobernos fosen un PP con maioria absoluta ou un pacto PSC-ERC, todos coincidiriamos en que estarían perante un problema grave na construcción do seu futuro, pero Cataluña ten un gran partido central como é CiU mentres que ERC e o PP son partidos marxinais dos extremos do sistema e que non poden condicionar demasiado o que acontece no país. Este é o referente de Converxencia XXI, sermos capaces de construir unha CiU adaptada ás peculiaridades de Galicia pero que xogue o mesmo papel na construcción de futuro para o seu país.




Rajoy, O Monolingüe

O outro día decidín ver o programa “Tengo una pregunta para usted” de TVE, ademais de ser eu alguén bastante politizado este é un formato que me atrae especialmente xa que a espontaneidade e audacia dalgún participante pode chegar a meter nun aperto ao líder de turno, cousa que nunha entrevista xornalística normal en España é máis ben complicado, o que non acontece, por pór un exemplo, en Portugal ou no Reino Unido, onde os xornalistas son verdadeiramente incisivos nas entrevistas, como no Hard Talk da BBC onde, como o seu nome indica, o xornalista non anda con díxomes díxomes.

Pois ben, o convidado do outro día no programa da TVE era o noso paisano Mariano Rajoy Brey, aínda que non puiden tirar conclusións nada claras, por exemplo, de cales son as políticas públicas que o seu partido propón para contribuír desde as institucións do estado a saír da grave crise pola que atravesamos, si houbo unha pregunta que me fixo, por fin, entender todo o posicionamento lingüístico do líder do Partido Popular, e por ende, do seu partido. Un participante preguntoulle a Rajoy se sabía falar inglés, e a reposta foi negativa, ¡resulta que Rajoy non sabe falar inglés!, segundo el, porque na súa época o que se estudaba era o francés, o intrépido participante non quedou por aí e inquiriu ao presidente do PP se cría que sin saber inglés ía ser capaz de representar a España adecuadamente nos foros internacionais, o entrevistado non mostrou nin o máis mínimo asomo de vergoña ou de propósito da enmenda.

Eu sempre crera, ata ese fatídico día, que Rajoy fora practicamente o único deputado da historia do Parlamento de Galicia que nunca falara galego porque simplemente desprezaba a nosa lingua, pero agora doume conta que estaba nun erro, e todo se debe a que na súa época o que se estudaba era o castelán, o problema de Rajoy co galego resulta que é que non o sabe falar, hai que ver o mal pensado que son.

Parece que, ao menos, desde o punto de vista lingüístico, quen aspira a presidir España e quen supoño que aspirará a representar ao estado en todos os foros internacionais, non evoluiu nadiña desde que ía ao instituto. Rajoy cando acabou o instituto foi á Universidade onde estudou dereito, ao rematar a carreira preparou as oposicións para Rexistrador da Propiedade, que segundo os entendidos é unha das oposicións máis complicadas, o noso protagonista pasou esta difícil proba con tan só vintecatro anos, polo que hai dúas cousas que lle teremos que presupor, a capacidade memorística e a de traballo.

Para aprender calquera cousa dúas son as condicións necesarias: capacidade e interese, Rajoy tiña interese en ser rexistrador, pero parece que non tiña nin ten un interese nin parecido nas linguas, ao menos, en ningunha lingua que non sexa o español, venme á mente o caso do andaluz José Montilla que preside a Generalitat e toma clases de catalán a diario, é un exemplo dun home con pouco tempo, como Rajoy, pero que si ten interese en aprender algo que considera imprescindible para o exercicio do seu cargo.

Voltando ao programa da tele e vendo a cantidade de veces que usou os termos nación, patriotismo, mesmo con frases como; “España es una gran nación” e outras similares podemos facer unha análise psicolingüística para averiguar cal é a fonte desa desmotivación para non estudar idiomas, todo apunta na mesma dirección: a súa ideoloxía. ¿Non pode ser que a falta de interese de Rajoy por ampliar a súa capacidade de intercomunicación na casa e fora non teña algo que ver coa súa ideoloxía españolista ou nacionalista española?, ¿non pode ser a cerrazón e falta de horizontes desa ideoloxía a que provoque que Rajoy aspire a ser o único presidente do goberno ou primeiro ministro dun estado da UE que non saiba inglés?, ¿non era esa ideoloxía a que informaba os contidos educativos na “época” de Rajoy?, ¿e a que ordenou a dobraxe de todas as películas para evitar a contaminación dos españois coas linguas estranxeiras como literalmente rezaba o correspondente decreto da ditadura?.

E é que o españolismo non só rexeita as linguas domésticas que non son o castelán, acabamos vendo que tamén rexeita, aínda que dunha forma máis disimulada, as linguas que máis poden facilitar a intercomunicación a nivel internacional e que, no seu foro interno, consideran competencia da súa lingua nacional, o español. O estado español pecha todas as clasificacións da UE no que a dominio de linguas foráneas se refire e a pauta repítese; Suárez, Felipe González, Aznar, Zapatero non sabían inglés cando ocuparon ou ocupan o cargo de presidentes e Rajoy quere ser presidente no 2012 sin saber inglés. Que contraste con Arzalluz e Pujol, de xeracións similares ou anteriores que saben falar inglés, francés, alemán, español e vasco nun caso e catalán no outro, ¿quen é o cerrado?, ¿quen é o falto de miras?, ¿quen é o que ve fronteiras en todas partes?.

Lémbrome da famosa nena de Rajoy da última campaña das xerais, seguro que o seu peor pesadelo seria que esa nena falase galego, e poida que non tivese moito interese en que falase inglés, a min gustaríame que se algún día teño unha nena fale galego con naturalidade e sin complexo de parecer “un gallego profundo” termo acuñado polo secretario de Relacións Internacionais do PP Jorge Moragas, e que ademais saiba falar español e inglés, isto se non ten moito interese polas linguas, porque son dos que creo que o ensino obrigatorio galego ten que garantir o dominio universal destas tres linguas para que no futuro a nosa cidadanía teña a liberdade real de escoller en que idioma quere expresarse na casa e fora, algo que ao españolismo nunca lle preocupou, ¿non señor Feijóo?.

Problemas Internos

Onte achegueime polo pleno no concello de Tui, o asunto de mais relevancia política que se ia debatir era a cesión dos terrenos traseiros da Área Panorámica á Consellería de Sanidade para a construcción dun novo ambulatorio. A única intervención crítica foi a de José Manuel González número dous do T.U.I. partido máis coñecido para muitos como “LA ALTERNATIVA”, José Manuel criticou a ubicación baseándose, sobre todo, en que os accesos ao lugar non eran nada bos en caso dunha urxencia, especialmente en dia de feira, os xoves. O alcalde defendeu que ao estar céntrica muitos tudenses se poderían achegar a pé e non en vehículo supondo isto unha comodidade para muitos cidadáns. O PP, Acción Tudense e PSOE votaron a favor, o BNG abstívose e o T.U.I votou en contra. Resulta chamativo que cando “LA ALTERNATIVA” vota en contra dunha proposta do PP é precisamente cando ao PP non lle fan falta eses votos, ¿será por casualidade?.

No debate deste asunto voltouse a por de manifesto o baixísimo perfil político da oposición no Concello, ninguén aproveitou para criticar o retraso de muitos anos co que se busca unha ubicación ao ambulatorio, nin falar do empeñado que estaba o PP en que se comprase un terreno ao lado do actual ambulatorio para facer unha ampliación, nen de responsabilizar diso a Rocha, que lembremos que é alcalde desde o ano 98, ninguén aproveita para reprochar ao Partido Polpular que ese terreno leve feito un lamazal todo o seu periodo no goberno municipal, e que o Concello sega sen ningún tipo de planificación urbanística por culpa de que os nosos gobernantes teñen intereses lucrativos vinculados ao urbanismo e por tanto non ceden ás peticións da Consellería para sacar adiante o Plan Xeral. Un asunto que se presta como poucos para por en cuestión a desastrosa xestión urbanística do PP, sáldase cun debate sobre si as ambulancias van tardar muito en pasar polas lombas de Casal Aboy, así nos loce o pelo.

O alcalde ten completamente dominados psíquicamente ao seus rivais, procura tratalos formalmente ben, chamaos polo nome de pila, é amable con eles, iso si, si se comportan como cordeiros degolados e non lle plantexan ningún prolema, en canto algún pretende facer un ataque minimamente consistente ameaza con retirarlle a palabra.

Carmen, a número dous do BNG, sacou a colación uns problemas en Areas coa nova vía rápida e mencionou un problema bastante grave, que o acceso ao Polígono de Areas era unha estrada parroquial e que isto supuña un grave estrangulamento para o Polígono e para os viciños especialmente agora coa abertura do Outlet. Outro asunto para poder atacar ao Alcalde pola sua corresponsabilidade na absoluta falta de planificación que supón esta chapuza de que sexa unha estrada dunha parroquia a que da acceso a un polígono, algo realmente terceiromundista e que permitiria un ataque forte e completamente merecido contra o alcalde que tampuco se produciu.

Despois do asunto de Areas mencionaronse polo Alcalde algúns problemas relacionados con expropiacións en Guillarei debidos ao paso do AVE Vigo-Porto, o PSOE dixo que Antón Louro, deputado dese partido e presidente da mesa de Infraestructuras no Congreso se pasaría a falar cos afectados en Guillarei, ¿tera algo que ver a proximidade das eleccións?. O PSOE tamén propuxo que o aparellador municipal José María Melero non continuase despois dos 65 anos para deixarlle o paso a alguen mais novo, o único argumento a favor desta renovación foi que esta medida podería paliar o desemprego, o voceiro nesta ocasión do PSOE, o seu número dous recordoulle tres ou catro veces, cunha sumisión e un servilismo absoluto ao Alcalde que él era o que tiña a potestade nesa decisión.

Laureano, do BNG no turno de rogos e preguntas sacou un par de cuestións de relevancia política, unha é que a numeración dos decretos tiña saltos no vacio, o que significa ou erros administrativos ou o que seria pior, ocultación de documentos, a resposta de Antonio Feliciano Fernández Rocha foi encollerse de hombros e isto pareceulle ben ao representante do Bloque que pediu humildemente e por favor que se tentase solucionar, nun tema onde xa se podía ter mordido en oso atacando a falta de transparencia e orden do goberno o Alcalde saiu, como sempre, de rositas. O mesmo grupo preguntou despois polos problemas do PP, Rocha respondeu que era católico e que, polo tanto, perdoaba aos seus compañeiros e engadiu que estes eran problemas internos do Grupo Popular e quen non ia responder a mais preguntas sobre o asunto, aquí a oposición tampouco aproveitou para recordarlle a todo o mundo que os “problemas internos do PP” perxudican e levan muito tempo perxudicando ao noso municipio e que cesar a dous concelleiros é un problema de Tui, non só un “problema interno do PP”, unha oportunidade perdida máis para deslexitimar ao partido político que leva vinte anos (desde que Diz Guedes propuxo a Capón para alcalde no seo do PP en 1989) sumido en “problemas internos” que están facendo que Tui esmoreza social e economicamente e que Tui non pode seguir outros vinte anos perdendo o tempo por culpa dos “problemas internos do PP”.

¿E que foi de Miguel Capón?, missing, perdido en combate e desexando voltar ao partido que o humillou xa en varias ocasións, só dixo que él tamén era católico e que para perdónar, o Catecismo del Padre Astete, que se lle ensinaba aos rapaces no franquismo, pedia catro requisitos. Esa nota de cultura xeral non compensa un silencio complice de quen se presta a negociar con calquera, sempre que sexa do PP, supoño que esta era outra norma do mesmo catecismo.