CONSTRUINDO UNHA NOVA CULTURA

Cando o que se pretende é construir un novo proxecto político é imprescindible dotalo dunha cultura propia e diferenciada se se quere que este proxecto teña unha continuidade no tempo máis alá das persoas concretas que o dirixen en cada momento, ese constructo cultural de grupo cumpre duas funcións primordiais; por un lado diferenciar ao partido dos seus competidores ou adversarios políticos e por outro lado cohesionalo e fortalecelo a nivel interno.

Unha das grandes probas que o noso país ainda ten pendente de superar para estar na vangarda das nacións hispánicas e europeas é a capacidade de autoorganización política, sermos capaces de demostrar que non nos teñen que vir de fora para organizarnos e para indicarnos como malgastar o noso capital democrático en apoiar intereses que non son os nosos. O noso partido, CXXI responde precisamente a esta necesidade que sentimos de que os galegos poidamos enfocar o noso capital democrático na xeración de valor e peso político, de autoestima colectiva e de benestar económico para o noso pobo.

Para crear esta ferramenta ao servizo de Galicia hai que preparala e dotala dunha determinada cultura que a faga apta para este propósito e a cultura que queremos crear en Converxencia para que o noso sexa un proxecto con posibilidades de permanencia e de éxito configurase entorno a unha serie de piares ou valores e principios fundamentais: a apertura ao exterior, o compromiso, a liberdade de opinión, a humildade, a asertividade, o respecto, a tolerancia, o espirito positivo, o espirito construtivo, o consenso, as maiorías e a disciplina.

O galeguismo político precisa dunha ferramenta con vocación maioritaria, con vocación de facer país, con vocación central e estabilizadora da radicalizada política galega e con vocación de apertura á sociedade, con seguridade en si mesma para xerar, cultivar e manter unha dialéctica enriquecedora entre a sociedade e a organización, isto plásmase en primeiro lugar nunha política de afiliación totalmente aberta, co único requisito do pagamento dunha pequena cota que indique de forma indiscutible a existencia de compromiso co proxecto. En C.XXI ninguén poderá vetar a ninguén, non haberá exames, non haberá desconfianza e non haberá sectarismo de ningún tipo, todo o mundo que teña compromiso é benvido en Converxencia XXI. Para quen non queira afiliarse tamén haberá un espazo de participación como simpatizante, colaborador local, figura pensada para aquelas persoas que queren botar unha man ao partido pero só a nivel local ou doante económico para aquelas persoas que queiran contribuir simplemente ao sostimento económico do partido, todas as posibilidades de interrelación estarán abertas para que a comunicación do partido coa sociedade sexa o máis fluida posible.

Non hai nin haberá censura dentro de CXXI, non se reprimiran as opinións libremente expresadas de ninguén, é sempre bo que sexamos capaz de expresar as nosas opinións con humildade e asertividade, é exixible que sempre falemos co debido respecto e tolerancia polas opinións diverxentes e as persoas que as sosteñan e defendan, no debate e no intercambio de opinións sempre debe prevalecer un espirito construtivo que busque sumar, que focalice no que temos en común e no que nos une e non no que nos separa, un espirito positivo que reflexe a vontade que todos temos de sumar, de xuntar forzas en beneficio de Galicia.

Estes debates e intercambios de opinións buscarán con determinación o consenso e cando este non sexa posible serán as maiorías as que marquen a liña a seguir e desde ese momento será exixible unha disciplina a todos no cumprimento ou transmisión do decidido nese consenso ou, no seu defecto, no decidido pola maioría.

Aspiramos a dotar ao noso País dunha ferramenta ao seu servizo que sexa eficaz, potente e sólida pero ao mesmo tempo sexa aberta, tolerante e flexible para que a ilusión e motivación que xa estamos comezando a crear encontre os cauces para o seu crecemento e expresión, e cremos que na procura deste obxectivo todos temos que compartir e asumir como propios unha serie de elementos culturais como os devanditos.

2 comments:

  1. Estou de acordo na meirande parte, moi ben espalladas as ideas, ireite seguendo con atención e desexoso de que as ideas de liberdade e galeguismo poden ser defendidas.
    Viva galiza e a Libertade

    ReplyDelete
  2. Eu tamén voto por mín!

    Nas próximas eleccións que cada un vote por sí mesmo, unha ideia antiga e anarquista que nunca pasará de moda.

    ReplyDelete

podes deixar aqui a tua opinión,