Existe un espazo político para Converxencia?

O presente artigo visa respostar unha pergunta à que algúns lle levamos um tempo dedicando moitas horas de pensamento; existe ou non existe un espazo político galeguista ou nacionalista galego non comunista ou socialista suficientemente grande e suficientemente sólido como para que sexa viable a sua existencia organizada, independente e como alternativa de poder en Galicia?.

Para tentar ubicar máis claramente o terreno de xogo actual podemos botar man do inquerito que o CIS fixo en Galicia con motivo das eleccións autonómicas http://www.cis.es/cis/opencms/-Archivos/Marginales/2780_2799/2783/e278300.html os dous datos que tirei dai foron o do posicionamento do conxunto do electorado galego e dos tres partidos con representación parlamentaria, en dous eixos; o esquerda – dereita e o eixo identitario galeguismo – españolismo explicitado polo CIS como máis ou menos nacionalismo (para o CIS son só nacionalistas os galeguistas). Segundo este inquerito e nunha escala de 0 a 10 os galegos situanse e situan ás tres forzas políticas nas seguinte puntuación segundo o eixo identitario (galeguismo – españolismo) e o ideolóxico (esquerda – dereita). Tamén se engade unha área de influencia de cada forza e o lugar que aspira a ocupar Converxencia XXI, o gráfico sería o seguinte:

Chama moito a atención o lonxe que das percepcións políticas do galego medio están tanto o BNG como o PP, partido que goberna a Xunta de Galicia con maioria absoluta, vese claramente como existe terreno de xogo para un partido que represente a aqueles cidadáns non de esquerdas pero máis galeguistas que o PP (situado pola cidadania nun antigaleguismo claro) e aqueles cidadáns máis galeguistas pero non tan de esquerda como o BNG (situado pola cidadanía moi próximo á estrema esquerda). É tremendamente chamativo o espazo que no eixo esquerda – dereita encontramos entre o PP e o PSOE, do 7.92 do primeiro ao 4,09 do segundo, encontramos un “oceano” de case catro puntos no que non aparece ningunha forza política de ámbito parlamentario cando hai unha maioria de galegos que se autoubican nese espazo ideolóxico do centro e do centro – dereita. No eixo identitario hai un oceano case tan grande entre o PSOE e o BNG, estando o PSOE situado no 4,73 e o BNG no 7,99 máis de tres puntos, outro espazo enorme no que tampouco aparece ningunha organización política con representación no Parlamento de Galicia.

Tanto a análise dos posicionamentos identitarios como os do eixo esquerda-dereita poñen de manifesto a existencia dun espazo grande que non ten reflexo a dia de hoxe nas institucións autonómicas. Poderíamos engadir un terceiro eixo do que non temos datos demoscópicos do CIS que é o autoritarismo – liberalismo e que é independente da fratura esquerda – dereita, e que sí ten en conta a brúxula política http://www.politicalcompass.org/es/ pareceme claro que a política galega precisa unhas doses de liberalismo das que carece xa que o autoritarismo predomina nas políticas e atitudes das tres forzas con presenza.

Que hai un espazo de considerable tamaño para un partido como Converxencia XXI parece innegable, a esta análise podemoslle engadir datos procedentes da experiencia do, tan fugaz como espectacular, éxito de Coalición Galega, no ano 1985 o nivel de conciencia política no país non era evidentemente superior ao de hoxe e un partido ben financiado (Coren e CiU), con un bo lema “Galegos, fagamonos respetar” e un candidato presentable como Pablo González Mariñas conseguiu da noite para a mañá once deputados autonómicos, algúns en zonas nas que contaba con redes caciquis como Ourense pero outros nas provincias atlánticas onde non contaba con esas redes. A partir do esfarelamento de C.G. debido á sua falta de cohesión e bases ideolóxicas firmes e diferenciadas cando o seu procer Franqueira enfermou, todos os intentos de lanzar un proxecto no centro galeguista foron capitaneados por veteranos políticos en busca dunha segunda oportunidade o que lles restou credibilidade, tivemos o caso de Juan Fernández e Enrique Marfany con Democracia Galega, partido que non aportaba nada diferenciado ideoloxicamente do PP, despois vimos a aterraxe de Soto no Partido Galeguista con candidatos que se atreveron a facer o que non se atrevía ainda nese momento a facer o PP como chamarlle La Coruña á cidade herculina, despois tivemos o caso de Pablo Padín e Xoan Gato con Terra Galega. Enfin unha sucesión de intentos mal plantexados, carentes de horizonte biolóxico, de base ideolóxica, e por tanto da necesaria cohesión para enfrentar unha inevitable travesía no deserto de bastantes anos necesaria para colocar a un partido de centro galeguista de novo nas institucións máis importantes.

1 comment:

  1. Un gusto atopar esta entrada. Non sei se viras estoutro intento que fixen eu cos mesmos datos (é un pouco máis detallado xa que ten en conta a posición individual dos votantes e non únicamente a media de localización que, como verás, pode ser moi enganosa).

    ReplyDelete

podes deixar aqui a tua opinión,