De liberalismos, etiquetas e fraudes.

Todos os conceptos ideolóxicos están sometidos a evolución e transformación pero a carencia de partidos demócratas liberais nos países latinos, tanto europeos como americanos deixou ao concepto “liberalismo” non sinxelamente sometido á evolución senón sometido a un manoseo, manipulación indecente e ás veces apropiación indebida tanto por parte dos socialistas como por parte dos conservadores.

Os socialistas e comunistas acuñaron o termo neoliberalismo e aplicáronlle máis ou menos as características seguintes: beneficio dos amigos desde o poder, insensibilidade social, desenvolvemento de políticas que fan máis ricos aos ricos e máis pobres aos pobres, protección dos monopolios e oligopolios e de todos os privilexios en xeral.

Ao non ser o liberalismo políticamente forte nas nosas sociedades e non ter capacidade, polo tanto, de defenderse desa burda manipulación, esa mensaxe foi callando en amplas camadas da poboación. Simultaneamente, algúns membros de partidos conservadores, no caso español, do PP, comezaron a dicir que eran liberais, e non houbo ninguén con poder político ou mediático que estivese interesado en destapar esa fraude: os da esquerda encantados para poder reforzar a sua satanización do neoliberalismo e os conservadores tamén contentos ao fagocitar, ante a falta de competencia, ese espazo político e ideolóxico.

Pois ben, resulta que o liberalismo non ten nada que ver coa imaxe distorsionada que difunde a esquerda coa etiqueta “neoliberalismo”. Etiqueta que se ve reforzada coa apropiación do termo “liberal” que fai parte da dereita conservadora, (que ademais tende a comportarse segundo a caracterización pexorativa de socialistas e comunistas). O liberalismo que defende a Internacional Liberal e as organizacións demócrata liberais do centro e o norte de Europa é unha
ideoloxía de raigame progresista, e foi a principal impulsora do sistema democrático do que agora desfrutamos.

O liberalismo cre nas bondades da economía de mercado porque afirma que é a mellor forma de crear riqueza e asignar os recursos de forma eficiente, tamén cre no control por parte do Estado dos monopolios e oligopolios, que ao non funcionar como mercados competitivos tenden a abusar subindo prezos e baixando calidades. O liberalismo defende a igualdade de oportunidades como mecanismo de mobilidade social a través dun ensino accesible ás persoas en función da sua valía e interese e non dos recursos e dunha sanidade universal de calidade que pode ser de provisión
pública e/ou privada pero sempre garantindo o acceso universal.


O escrupuloso respecto aos dereitos humanos tamén forma parte do cerne do liberalismo. Uns medios libres (nunca financiados con diñeiro público para garantir o seu control antidemocrático, como fan PP, PSOE e BNG) que exerzan un control efectivo sobre o Poder. O Estado de Dereito, a igualdade ante a lei e a separación efectiva de poderes son principios básicos para nós. A historia demostra que a concentración de poder leva ao abuso e só a ideoloxía liberal prevé este problema e propón a adopción de controis e equilibrios para evitar eses abusos. O control político do poder xudicial español por parte de PP e PSOE é un exemplo de como non se deben facer as cousas en democracia. Os liberais cremos no papel subsidiario da administración pública, nuns impostos baixos e na importancia crucial da sociedade civil e da libre empresa.

O liberalismo abomina dos privilexios, que non molestan nin a socialistas nin a conservadores e tamén abomina do intervencionismo de ambos os dous, como o de Esperanza Aguirre con Caja Madrid e os partidos representados no Parlamento Galego coas caixas, ou o de Aznar asegurándose de que en Telefónica mandase un amigo seu da escola como Villalonga. O liberalismo é tamén pioneiro nunha loita polos dereitos civís á que despois se apuntou a esquerda: o dereito a unha morte digna libremente decidida polo individuo, á unión homosexual, á pertenza ao ámbito do privado da relixiosidade de cada persoa, á tolerancia entre distintas relixións e ideoloxías políticas, ao respecto ás minorias raciais, relixiosas, linguísticas, etc...

O liberalismo é, en fin, a ideoloxía causa e consecuencia da democracia liberal, que é un sistema que chegou aos países latinos despois da exitosa experiencia dos países máis avanzados do mundo, que apostaron pola democracia liberal como forma de gobernación. A inexistencia, ata a nosa chegada, dunha opción liberal no noso sistema político impide o máximo aproveitamento das bondades dun sistema que en mans de socialistas, comunistas e conservadores non pasa de burda copia feita polos que se encontraron con esta realidade sen crer, de principio, nela.