Visita ao agredido polo alcalde

Aproveitando estes días de agosto achegueime a visitar, para expresarlle o meu apoio e a miña solidariedade, a José Fontán Gómez, veciño de San Bartolomeu, parroquia de Rebordáns que fora agredido fisicamente polo alcalde á saida dun pleno. A única culpa do señor Fontán foi dicirlle a verdade ao alcalde, dicirlle que en Tui praticamente só pode construir él, ou a promotora do seu fillo da que o alcalde é apoderado, que ven sendo o mesmo.


A arbitrariedade do señor alcalde nas cuestións urbanísticas é incrible, ata o punto de crear unha situación moi próxima ao monopolio no noso concello, unha porcentaxe moi elevada das vivendas á venda no noso concello corresponden a promocións do entramado de construtoras e promotoras controladas polo alcalde. O señor Rocha tamén xoga coa paralización do Plan Xeral de Ordenación Municipal no seu beneficio persoal, xa que mentres o Plan está paralizado ten máis posibilidades de que as suas promocións se vaian vendendo porque non hai onde escoller. Hai que ver que liberais son estes señores.

Ese foi o pecado do señor Fontán, atreverse a dicirlle a verdade ao señor alcalde, non teño palabras para describir a situación na que un señor fai trampas e se aproveita da sua situación no poder para favorecer os seus negocios privados a costa do resto de cidadáns e empresas de Tui, xa isto é terriblemente grave de por si que inda por riba quen se atreve a dicilo recibe como premio unha agresión física. O señor Rocha está conseguindo que unha cidade nobre e histórica como Tui que non merece este desprestixio se pareza cada vez menos a Alemaña ou Francia e cada vez mais a Zámbia ou ao Congo.

Esperemos que o señor Rocha e o Partido Popular de Tui non caian na senda do radicalismo e na tentación de seguir utilizando a violencia para fins políticos, os tudenses somos xente pacífica, tranquila, moderada e civilizada e non llo perdoaríamos.

Deixo dous vínculos a novas aparecidas na prensa en relación a este suceso da agresión física do alcalde ao señor Fontán:

Juzgado el alcalde de Tui por agredir a un jubilado

Un vecino denuncia en el juzgado la agresión del alcalde de Tui

O imperio da lei

O imperio da lei ou o que os anglosaxons deron en chamar “rule of law” forma un dos primordiais pilares da democracia liberal, e consiste en que absolutamente ninguén é inmune perante a lei.

Segundo a sacrosanta Constitución do 1978 sobre a que non me puiden pronunciar porque tiña cinco anos cando se votou, España é un Estado democrático de dereito; un concepto que designa calquera Estado que se aplica a garantir o respecto das liberdades civis, ou sexa, o respecto polos dereitos humanos e polas liberdades fundamentais através do establecemento dunha proteción xurídica. Nun estado de dereito, as propias autoridades políticas están suxeitas ao respecto da regra de dereito.

Pero unha cousa é o que manifeste a Constitución e outra ben distinta é a realidade que emana da posta en práctica da norma máxima do noso ordenamento xurídico trinta e dous anos despois, penso que é xeralizada a sensación de impunidade ante a xustiza de parte importante da nosa clase política que despreza de forma constante, pola via dos feitos, un suposto imperio da lei con gravísimas deficiencias.

Unha xustiza independente e eficaz é a base dun entorno previsible no que se debe sustentar o desenvolvemento social e económico, con seguridade xurídica, da actividade de cidadáns e empresas; tamén é a base para que os cidadáns, incluindo os cargos públicos, que decidan buscar atallos para o seu enriquecemento persoal de forma ilícita encontren límites ás suas accións. En definitiva unha sociedade sometida ao imperio da lei é unha sociedade que terá posta a base para o seu progreso.

Resulta que España, moi lonxe da autocompracencia e autobombo oficiais, non anda moi ben nen na separación de poderes nen na imparcialidade dos seus tribunais, o think tank canadense Fraser Institute publica con periodicidade anual un informe sobre a liberdade económica no mundo no que analiza a 141 paises en grande cantidade de parámetros entre os que están o da independencia e a imparcialidade xudicial, pois ben, España está no posto 52 en independencia xudicial, xusto detrás de Hungría e diante de Nixeria, nun ranking que encabeza Nova Zelanda seguida de numerosos paises do norte e centro europeo, estamos un chisco mellor en imparcialidade dos tribunais, no lugar 42, xusto detrás da India e xusto diante de Ghana e Belice, nun ranking que encabezan os paises do norte (Dinamarca en primeiro lugar) e centro de Europa e paises como Singapur, Australia, Hong Kong e Nova Zelanda. O informe completo podese consultar na web www.freetheworld.com.

Isto a min non me extraña nada, como tudense podo constatar como na realidade prática da miña cidade o “imperio da lei” non existe cando se consinte que un alcalde que despreza a lei durante tantos anos continue no posto, e estou convicto de que nun dos vinte primeiros paises de calquera dos dous rankings anteriores o alcalde Rocha estaria fora de combate político, a falta de igualdade efectiva ante a lei en España e a forte politización da xustiza fan que ainda poida ter longa vida política, se os votantes llo consinten, mentres tanto somos os contribuintes os que lle pagamos os moitos millares de euros que leva consumidos en avogados, por certo, para quen non o saiba os avogados do alcalde do PP de Andratx, nas Baleares, basearon a sua defensa na sentenza do Tribunal Supremo sobre o caso Beira Miño en Tui.

É unha percepción xeralizada que Ruiz Mateos, Mario Conde ou Jesús Gil, sen ser “hermanitas de la caridad”, non eran peores que moitos outros aos que o sistema político-xudicial español non consideraba ameaza para o status quo e tamén é unha percepción xeralizada para os cidadáns de conciencia democrática que fenómenos de corrupción urbanística praticamente calcados ao de Marbella, ainda que a unha escala cuantitativamente menor, hai varios moito máis perto, o caso de Tui tamén merece unha suspensión do concello, como a que se lle aplicou a Marbella.

Os responsables desta desfeita son os que implementaron a Constitución e aplicaron na prática os principios que emanan dela, PP e PSOE, partidos responsables no goberno de España e na oposición nos últimos vinteoito anos son os culpables, os mesmos que se preocuparon de dotar, por exemplo, á facenda pública de todos os medios informáticos, de persoal e de xestión necesarios para financiar a administración pública non consideraron igual de importante que España fose, de verdade, e non só no papel, un Estado de dereito.

Lamentablemente hoxe ninguén se estraña cando escoita barbaridades, que criamos propias de paises subsaharianos cos que de facto competimos en independencia e imparcialidade xudicial, saindo da boca de Mariano Rajoy como: “diga lo que diga la justicia Camps será candidato”, ao PP, como demostra o seu Presidente nesta afirmación, traille sen cuidado o estado de dereito como se encarga de demostrar en cada unha das numerosisímas ocasións nas que ampara a políticos presunta ou demostradamente corruptos do seu partido, como no caso da miña cidade ou no caso do presunto financiamento ilegal do PP, coñecido como trama Gürtel e que toca de cheo ao PP da era de Manuel Fraga através do número dous da trama corrupta, Pablo Crespo, Secretario de Organización do PP en Galicia nos anos 90.

Ideas para o casco histórico de Tui

A clave de bóveda da recuperación do casco pasa pola aprobación do PECH, e quero insistir nisto por unha cuestión de xustiza e de responsabilidade, o PP foi incapaz de sacalo adiante en 20 anos, hai un conflito de intereses moi claro, ao noso alcalde interesalle que o casco vello caia a cachos para vender os pisos que el promove en rexime de monopolio de facto na zona nova (neste momento promoción da rua colón). Unha vez asignadas as responsabilidades da desfeita coa que nos encontramos e que se denuncian dunha forma extraordinariamente completa e ben documentada no blogue http://cascovellotui.blogspot.com/ pasemos ás propostas en positivo:

-Plan Especial do Casco Histórico: é unha ferramente imprescindible para que a propia oficina de rehabilitación do concello non lle teña que pedir permiso a patrimonio para cada obra que autoriza e poida axilizar moito mais as cousas e o acceso a subvencións.

-Toma de contacto coas persoas propietarias de casas en mal estado e deshabitadas (isto é importante porque alguén que viva ai e non teña medios para rehabilitar pois hai que deixalo), dar un prazo o suficientemente amplo (un par de anos) para que as vendan ou as rehabiliten, isto é moi intervencionista e como liberal non me fai sentir ben pero pareceme que é imprescindible.

-O concello paga medio millón de euros ao ano pola limpeza á empresa Orballo, é evidente que do casco vello non se preocupan en absoluto, o casco require un mantenimento. Ou o concello negociou mal ou non fai control.

-Teatro Principal, hai que rehabilitalo por dignidade e buscar unha formula que non lle resulte gravosa ao concello que non anda moi ben de cartos a pesar de que non fan nada. É un polo de atracción para a zona mais morta do casco.

-Inicio dos tramites para a declaración de patrimonio da humanidade Tui-Valença. O PP de Tui, ante a desesperación dos viciños valencianos, non moveu nen un dedo neste asunto. Isto leva anos de traballo conseguilo pero no momento que se consega o boom turístico e as posibilidades de negocio limpo conseguintes son enormes. Estamos a falar dun casco vello onde gran parte dos baixos poidan estar ocupados con locais de hosteleria e comercio coa conseguinte xeración de emprego e riqueza.

-Unha vez que o casco deixe de dar pena, hai que investir en promoción turística e publicitaria pero antes hai que gastar todo en adecentar, seria absurdo promocionar o desastre actual por moitos favores que lle debamos aos que oculten as nosas vergoñas. A posibilidade de atraer cruceiristas de Vigo a Tui-Valença pode ser unha mina de ouro pero claro, non lle podemos ensinar o desastre que temos agora.

-Aparcamento, a min gustame a idea dun parking subterraneo na corredoira que de servizo ao casco vello e á cidade nova. Habería que ver a viabilidade técnica e antes habería que abrir a Rua Ourense para desatascar a corredoira e non colapsar a cidade polas obras, por certo é o terceiro ano que a abertura da rua Ourense aparece nos presupostos anuais do noso querido concello, como todos podemos ver está sen executar.