O concello de Tui, referencia europea

Na miña traxectoria profesional e política sempre tentei identificar referentes positivos, fixarme nos mellores nunha determinada area, algo que os gurús da xestión empresarial chaman benchmarking, un anglicismo moi altisonante que significa algo moi sinxelo; ver o que fai o mellor nun terreno e tratar de imitalo, na medida do posible.

O problema do benchmarking é que moitas veces non se ten fácil acceso aos mellores ou a saber como traballan, e a vida colocate en moitas ocasións en contacto con referentes negativos, é dicir, con auténticos desastres no seu desempeño profisional, político, etc. Como sempre crin que era moi prático facer da necesidade virtude, propuxenme aprender tamén dos que fan as cousas rematadamente mal. Con estes, a cousa non consiste na imitación, con estes do que se trata é de ver o que fan para facer exactamente o contrario, nunha empresa na que traballei recordo un comercial que dependía de min, que non visitaba aos clientes, que non lles collía o teléfono, que non lles explicaba as tarifas, nen as posibilidades do produto, entre outras cousas, porque non se tiña tomado a molestia de estudialas, enfin, máis ou menos todo o contrario do que habería que facer, ese comercial era interesante tamén para aprender, porque praticamente sen matices, todo o que facía él era o que non se debía facer.

Da xente moi mala tamén se pode aprender, esa é a valiosísima lección que me ensinou aquel comercial, e desde aquela, aplico esa lección a outras areas da miña vida, como por exemplo a política ou a xestión pública. Cando falo do casco vello de Tui moita xente comeza a mencionar como referencia positiva, referencia polo tanto a imitar, as vilas portuguesas da beira do miño, como Valença, Cerveira, Monção, Caminha ou Melgaço e a dicir que están moito mais cuidadas e mellor conservadas que Tui, neses comentarios todo o mundo coincide en que son núcleos, salvo o de Valença, con moita menos categoría que o de Tui, pero que están postos en valor e que, como consecuencia, esas localidades saen beneficiadas tamén no aspecto económico.

Eu crieime no casco historico de Tui, polo que esa referencia é unha constante na miña vida, ademáis das vilas miñotas, un ia escoitando falar de Allariz, de Santiago, de Pontevedra, de Ourense, de Santillana del Mar, de Ubeda e Baeza, e un longo etc, a medida que pasaban os anos ianse sumando máis e máis localidades como referente positivo de cómo había que cuidar e potenciar un casco histórico, ata que hai uns meses deime conta que o casco vello de Tui xa era como ese comercial que eu tivera ao meu cargo, é dicir, a referencia perfecta de cómo non se deben facer as cousas. É un logro que lle hai que recoñecer ao Partido Popular de Tui, despois de vinte anos ininterrumpidos na alcaldía con maiorias cómodas de goberno, non queda nen un só casco histórico, non só en Galicia, senón en Portugal, no resto de España ou en toda Europa occidental (Franza, Alemaña Ou Reino Unido) da importancia do de Tui nun estado de conservación tan deplorable como o de Tui.

O que precisa o casco histórico é xusto o contrario do que os nosos gobernantes fixeron nos últimos vinte anos, a semana pasada caiulle definitivamente a cuberta ao Teatro Principal, o único teatro de toda España incluido no Plan director de infraestruturas culturais do ano 1986 que ainda está sen rehabilitar, o casco histórico de Tui, é tamén o único de España, dunha categoría similar, que carece dun Plan específico de protección, o que é coñecido como PECH, Plan Especial do Casco Historico, os nosos gobernantes tampouco consideraron que nunha localidade que é a vixésimo oitava (28) de Galicia en poboación e ten o segundo casco en importancia, regular e potenciar o casco fose unha prioridade. O casco en Tui non só non recibiu un tratamento prioritario senón que foi tratado como o patito feo, cando resulta que é un cisne. Pensemos se hai que facelo rematadamente mal para que sendo, segundo voces expertas, o segundo casco histórico de Galicia non aparezamos nen entre as 29 candidatas dun concurso para escoller as 10 marabillas de Galicia.

Cando saia algún inocente ben intencionado escaldado, con razón, coa nosa clase política ou algún listillo interesado en que nada cambie (que dos dous tipos hai), dicindo o de que todos somos iguais, non lle falarei de min, recordareille simplemente que ninguén en Europa occidental xestionou dunha forma tan desastrosa un casco histórico e direille que varios centenares de gobernos municipais de Europa occidental de todos os signos políticos xestionaron mellor os seus cascos históricos que os señores do Partido Popular de Tui, que teñen o mérito de ternos convertido na referencia continental de cómo non hai que facer as cousas, e ainda lle direi máis, que todos nos equivocamos e que rectificar é de sabios; o tempo acábase é son demasiados os trens que levamos perdidos, os cascos históricos son en toda a península fonte de riqueza e de emprego e quen continue apoiando aos peores xestores municipais de Europa terá que preguntarse porqué o fai e se a sua xustificación é válida.

Aproveito para felicitar a iniciativa cidadá, allea a calquera partido político, que desenvolven desde o blogue Intra Muros , estes sí que son unha referencia positiva, fagamos todos benchmarking con eles, pero do de verdade. Esta iniciativas demostra que a nosa sociedade é capaz tamén de ser un referente positivo, encargemonos de que os referentes negativos non nos poidan seguir avergoñando, en maio teremos unha oportunidade, se a deixamos escapar todos seremos responsables, ainda que uns máis que outros.



No comments:

Post a Comment

podes deixar aqui a tua opinión,