Frenemos o declive de Tui

A historia de Tui nos últimos dous séculos é a história dun declive moi acusado, é un declive que temos que ler en clave política, relixiosa, administrativa e económica.

En 1833 Tui perde a capitalidade de provincia que ostentara até aquela altura, nese momento o Governo español optou por imitar a estructura do estado centralista frances que dividia o Estado en departamentos, as provincias até entón non tiñan nengunha aparellaxe administrativa, nunca existiu a Deputación de Tui, e polo menos no caso de Galicia a división en sete provincias respondía en grande medida á división episcopal (salvo no caso de Betanzos e A Coruña) , hai quen di que Javier de Burgos, que era ministro do Goberno de Cea Bermúdez recebeu sobornos de alguén interesado en que Pontevedra fose capital, o caso é que nesa altura Pontevedra era un pouquiño mais grande que Tui, e Vigo que non pasaba dunha vila de pescadores no que hoxe coñecemos como o Berbés e tiña menos habitantes que Tui, Lavadores e Bouzas eran concellos independentes que mais tarde absorveu Vigo.

Teriamos que perguntarlle a algún historiador, por exemplo a Suso Vila, como se conformou esa decisión de politicas públicas en Madrid e se alguén podia ter feito algo para evitar a perda da capitalidade, por exemplo seria interesante saber se a igrexa, como estructura de poder que era e que pretende seguir sendo, fixo ou non fixo algún lobby para defender que Tui seguise a ser capitalidade.

A continuación a clasificación en miles de habitantes das cidades de Galicia en 2006 e en 1760.

2006

Vigo 293,255
Coruña (A) 243,320
Ourense 108,137
Santiago 93,458
Lugo 93,450
Pontevedra 80,096
Ferrol 76,399
Vilagarcía 36,519
Narón 35,664
Oleiros 31,264
Redondela 30,029
Carballo 29,985
Ribeira 27,053
Arteixo 26,739
Culleredo 26,547
Marín 26,190
Cangas 25,202
Ames 23,219
Cambre 22,092
Estrada (A) 22,013
Ponteareas 21,993
Lalín 20,779
Monforte 19,412
Boiro 18,554
Moaña 18,432
Nigrán 17,631
Teo 17,168
TUI 16,925
Sanxenxo 16,914
Porriño (O) 16,617


1760

Santiago 16,314
Coruña (A) 7,380
Pontevedra 4,734
Betanzos 3,286
TUI 3,250
Ourense 2,792
Lugo 2,552
Vigo 2,509
Mondoñedo 2,253
Ferrol 1,177


Tui perde 23 postos nesta clasificación, Tui perde e continua a perder todos os trens, o último a bonanza inmobiliaria dos últimos anos que tería permitido unha consolidación demográfica e a construcción dun ensanche modélico en Galicia baseado na prolongación cos mesmos criterios da urbanización do Chao Chao que con tan bon criterio executou o daquela alcalde Gelucho. Estes criterios están claros, ruas anchas que crean espazos e que facilitan a calidade de vida dos cidadans e melloran a estética da cidade. Baixo o mandato de Rocha o que pasou foi ben distinto, no que se fixo foise estragando a boa base que había, reducción clara de espazos e paralisación do desenvolvemento urbanístico para a defensa dos intereses particulares do alcalde e en perxuizo da cidadania.

Vemos a unha Ponteareas con 22.000 habitantes, todos sabemos que Ponteareas é moito menos atractivo que Tui en praticamente calquera sentido sen embargo captou un fluxo demográfico de Vigo porque tiña o plan aprobado. ¿non será que Rocha viu como varios alcaldes do PP perdian o poder pola entrada de xente nova no concello que non respondía á mesma lóxica?, vimos o que pasou en Salceda, Tomiño, Ames, está a piques de pasar en Ponteareas, etc. É bastante perverso pero é a realidade, quen manda en Tui sabe que o progreso e o dinamismo conlevaría inmediatamente a sua perda do control e portanto traballan activamente en contra do crecemento.

O caso é que ese declive continua até os nosos días, o Teatro mais antigo de Galicia, que formou parte desa grandeur pasada de Tui continua a cair en pedazos, os turistas pasan de longo e non conseguimos atraer o fluxo económico que estes poderían atraer cando temos potencial para facelo, o casco vello deteriorase a cada paso mais, etc. Só hai algo que salva a Tui da desfeita total: a sua ubicación privilexiada, na fronteira mais transitada entre o Estado español e Portugal, e perto dunha cidade dinámica e de tamaño medio como Vigo o que nos habilita como cidade dormitorio de Porriño e Vigo, ainda ben porque como tivesemos que vivir da dinámica económica que xera Tui por si mesma xa estaríamos nos catro mil habitantes como Mondoñedo.

¿Pero porque Tui non deixa de perder tren tras tren?, ¿sera acaso a mala sorte? ¿o mal fario?. Eu creo que non é unha cuestión de azar, eu penso que unha parte da nosa clase política, é a que permite, consinte e aplaude que nada se mova, que non haxa dinamismo, que non haxa progreso, esa parte da sociedade tudense prefire que nada pase, que non se avance que manden "los de siempre" que teñan patente de corso, que non importe o mal que o fagan.

Unha sociedade con cultura democrática non dubida en desaloxar do poder a quen se sirve deste exclusivamente para a persecución dos seus intereses privados, no 2011 ofertaremos a mellor alternativa posible porque cremos que Tui merece máis.

No comments:

Post a Comment

podes deixar aqui a tua opinión,