Galicia Hoxe: bágoas de crocodilo



Pero, porque non compraban o único diario que estaba escrito en galego os nacionalistas de esquerdas que tanto presumen de que lles preocupa o idioma? Porque non o compraban a pesar de que neste momento tiña unha liña editoral desde a esquerda á estrema esquerda?, o artigo máis destacado deste domingo era un de Beiras que ocupaba a terceira páxina completa, o máis dereitoso que vin foi o de Ceferino Diaz, deputado do PSOE no congreso, tamén vin un suplemento chamado Altermundo que se preguntaba polo comezo dunha revolución anticapitalista, ademais tamén colaboraba habitualmente Carlos Callón, presidente da Mesa ou Antón Losada, coñecido spindoctor da esquerda, etc. Desde logo un produto máis adaptado ao afiliado medio do BNG ou mesmo do PSOE que a min.

Todo isto abona a miña tese de que o que lle importa realmente ao nacionalismo marxista é a sua concepción sectaria da realidade e non o carácter nacional de Galicia, teño para min que a explicación está no sectarismo do mundo da esquerda nacionalista galega que por ser o GH propiedade dun grupo mediático conservador, preferían e prefiren comprar xornais integra ou maioritariamente en castelán por ser estes editados por empresas que eles consideran que son máis achegadas á esquerda, o que mostra con moita claridade cal é a sua xerarquia entre esquerda e Galicia, agora din, como se ese xornal que nunca compraron e case nunca leron lles importase moito, que é unha lástima a perda de GH, que a língua está en perigo e que a culpa é da Xunta por non subsidiar aos medios en galego, en definitiva parecerán tan desolados como se fosen lectores do periódico desaparecido.

O fracaso de Galicia Hoxe é unha alegoria do fracaso ao que están conducindo a Galicia as duas ideoloxias que explican, na miña opinión, o noso atraso, non só o fracaso do marxismo galego, senón tamén o fracaso cara o que nos leva a Galicia conservadora que coa sua política intervencionista encamiñada a fortalecer o seu control social e político á custa do diñeiro dos contribuintes, deu e dá orixe a proxectos como este que tivo a sua orixe nos subsidios á prensa e non nun plantexamento de mercado viable, calquera que coñecese este Pais sabería que o groso do mercado “interesado” en ler en galego non compraria un medio do grupo Correo tivese a liña editorial que tivese, calquera que coñecese este País tamén sabía que a Galicia centralista, fose está conservadora ou socialista e que vota PP ou PSOE, non tiña nen o máis mínimo interese ou mesmo capacitación para ler en galego, entón, ulos lectores para facer o proxecto viable?

O señor Feijóo e compañía son moi listos, din que son moi “austeros” cando lles interesa finiquitar algo que non é viable e que lles interesa que morra, pero son moi despilfarradores e intervencionistas cando o que é inviable é da sua comenencia que sexa viable, como algunha da prensa afín que tampouco le case ninguén, cabeceiras que todos sabemos que existen pero que non coñecemos a ninguén que as lea hai como mínimo un par delas neste País escritas en castelán e están sostidas igualmente con diñeiro público pero non acaban de quebrar, porque será?. Algúns manipularán desde a esquerda dicindo que Feijóo é liberal cando o liberalismo é oposto á concesión de privilexios e ás discrecionalidades e arbitrariedades baseadas en inconfesables intereses de parte ás que o presidente da Xunta nos ten tan habituados.

No sector dos medios de comunicación temos un exemplo moi claro do dano que o exceso de intervencionismo público compartido polos tres partidos con representación no Horreo lle fai ao noso País, creando ineficiencia e pobreza, controlando a opinión pública co diñeiro que os cidadáns que conformamos a propia opinión pública aporta cos seus impostos, deteriorando a calidade da nosa democracia pola falta de control do poder político por parte dunha prensa independente, levando a plantexamentos empresariais que non merecen tal nome xa que non dependen para a sua viabilidade da habilidade ou intelixencia dos seus xestores e do mercado libre senón do amiguismo e de que a liña editorial teña contente ou non ao poder, xusto o papel contrario ao que nas sociedades máis prósperas do mundo xoga a prensa, onde a dinámica de mercado exixe control ao poder para vender.

Os xestores do medio tamén teñen moita culpa, tiveron unha ocasión de ouro para lanzar un S.O.S despois da quebra de Vieiros e da Nosa Terra dicindo a todos os que se arrepiaban coa queda deses medios que eles, GH precisaban de vender para ter sustentabilidade como xornal, lástima, teriamos visto a reacción dos que agora derraman bágoas de crocodilo. Cabe preguntarse se este País ten bimbios para manter sen subsidios un medio diario en papel escrito integramente en galego, non están dispostas un 10% das 50,000 persoas que acudimos á mais multitudinaria das manifestacións de Queremos Galego a comprar diariamente un xornal en galego? A experiencia indica que non, só me resta preguntarme se empresarial e xornalísticamente se fixeron ben as cousas nos proxectos fallidos como única posible explicación que compre ainda descartar para a falta de resposta dos lectores.

Agora toca pasar pasar páxina, nunca mellor dito, non perder o tempo en analisar os nosos fracasos colectivos do pasado, porque hai tantos que non fariamos outra cousa, e pensar en que facer no futuro, facer máis e falar menos, eis a transformación que o País precisa, a prensa en papel tenderá a desaparecer cos anos, e hai que ir pensando en facer da necesidade virtude para posicionarse ben en internet, tiremos a moral imprescindible, a responsabilidade é a clave, se algo nos importa temos que promocionalo, compre tamén seguir pedindo que se eliminen por completo as axudas públicas a toda a prensa como único medio para contarmos cunha prensa libre e crítica co poder, e a crítica que compre facerlle á Xunta do PP para inflixirlle o dano político que merecen é a crítica da sua arbitrariedade tramposa no uso do diñeiro público, esa crítica pode facerlle un dano transversal, mesmo no seu electorado, a crítica de que é moi austero, ademais de ser falsa, só logrará reforzalo e a de que quere atacar ao galego, sendo certa, só deixará moi autosatisfeitos aos “defensores do galego” que nunca compraron o único xornal en galego. 

No comments:

Post a Comment

podes deixar aqui a tua opinión,