Constitución ou lei do funil?

Estes días estase organizando un rebumbio fenomenal en relación á reforma da Constitución Española (C.E.), eu persoalmente concordo coa limitación constitucional do défice pero penso que a C.E. ten que ser sometida a unha reforma moitísimo mais ampla para reformar de cabo a rabo a estrutura territorial do estado e unha estrutura institucional controlada por unha partitocracia que domina de forma transversal os tres poderes do estado (o executivo, o lexislativo e o xudicial), e resúltame grotesco que algo que o PP e o PSOE consideraban hipocritamente sagrado e inmutable como a Constitución sexa reformado agora pola via express e sen consultar aos cidadáns. Resulta simpático, ainda que a min non me sorprende, escoitar ao BNG defendendo con uñas e dentes a soberania española, xa que é evidente que a reforma ven imposta desde Alemaña e nas circunstacias actuais non deixa de ser tranquilizador para calquera cidadán sensato que Alemaña detente certo nivel de soberania sobre a moi pouco fiable España da partitocracia turnista de PSOE e PP.

En relación á cuestión do défice o rexime partitocratico que nos domina perpetrou o tipo de trapallada á que tan habituados nos teñen PSOE e PP, co obxectivo evitar que a reforma os comprometa de verdade a unha política seria e responsable de recurte da débeda e do gasto público, que debería estar baseada principalmente en reformas en profundidade de reorganización do entramado institucional español, coa supresión das deputacións e a concentración masiva de concellos, así como a redución da administración autonómica e especialmente da central, o que afectaria de cheo ás redes clientelares e políticas de ambos partidos que viven a custa do País e que é o que realmente lles preocupa e non a cohesión social da que falan, de feito só hai un camiño sustentable para poder manter a sanidade e a educación tal e como as coñecemos e ese camiño pasa por eliminar moitos millares de postos de “colocados” de PP e PSOE que nada aportan á sociedade, polo tanto e para asegurarse a defensa do seu benestar, que nada ten a ver co benestar do conxunto da sociedade, o que fan é fuxir como poden dun compromiso concreto, unha cifra concreta e remiten a concreción de cifras a un compromiso de lei orgánica que tampouco é vinculante de facto xa que ademais de conter unha enumeración de excepcións poderá ser sometida a revisión por calquera das duas partes (é dicir o PP ou o PSOE) no 2015 e no 2018, en definitiva, moito teatro para unha mera declaración de intencións que non compromete praticamente a nada.

Neste momento pedirlle aos mercados financeiros que se fien de España é como pedirlle a Tito Vilanova que se fie de Mourinho e a consecuencia lóxica desta zarzuela mal interpretada que non obriga a case nada, será o aumento da prima de risco, o ridículo é espantoso, PP e PSOE son conminados desde Alemaña a fixar un límite máximo de defice na Constitución, debeu pensar Merkel na sua inxenuidade, que farian como Alemaña e serian serios e responsables marcando un criterio claro a cumprir como se fixo na Constitución Alemana, pero en España con demasiada frecuencia quen fai a lei fai a trampa, como veremos a continuación.

Na teoría do estado moderna a Constitución é o piar dun sistema legal dun estado e un texto obxectivo ao que se deben someter por igual todos os poderes do propio estado e os seus cidadáns, as democracias liberais, grupo ao que supostamente debería pertencer España, teñen como un dos seus principios básicos a igualdade perante a lei. Temos ademais moitos exemplos de como a partitocracia turnista española, PSOE e PP, mencionan con moita frecuencia a Constitución Española do 1978 como se dun texto sacro e inamovible se tratase, ten a sua lóxica que sexan precisamente as forzas conservadoras da nosa sociedade, as forzas que non queren que o seu statu quo privilexiado resulte afectado, os que sempre parecen agarrarse como un cravo ardendo a un texto legal con cada vez mais síntomas de envellecemento e obsolescencia sobre o que os menores de 51 anos non puidemos opinar co noso voto por sermos naquela altura menores de idade ou non ter ainda nen nacido.


Pero todo o anterior con ser moi grave é moito menos grave que o carácter real que hoxe ten o uso ou “interpretación” que se fai da Constitución Española e que a convirte nunha verdadeira lei do funil, ancha para o rexime partitocrático (PSOE e PP) e moi pero que moi estreitiña para todos os demais. Poñamos algún exemplo, o artigo 3.1 “El castellano es la lengua española oficial del Estado. Todos los españoles tienen el deber de conocerla y el derecho a usarla” todos sabemos que o cumprimento deste artigo se leva estritamente, sen embargo o 3.3 “La riqueza de las distintas modalidades lingüísticas de España es un patrimonio cultural que será objeto de especial respeto y protección”, este outro punto, pola contra, pasase con moitísima frecuencia, especialmente en Galicia, polo arco do triunfo sen que iso teña nengunha consecuencia negativa para quen o fai.Vaiamos a outro exemplo sobre o que versara o que resta do artigo, a partitocracia española decidiu na recente reforma da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (LO.R.E.X.) contradecir varios principios constitucionais para limitar as posibilidades de escolla electoral e política dunha cidadania cada vez máis decepcionada con eles, non fose ser o demo, pensarían eles, que todas as barreiras tramposas para os novos partidos que xa tiñan establecido, como a distribucion de lugares onde colocar publicidade para a campaña (Art 56 L.O.R.E.X.), a utilización dos medios públicos reservada case en exclusiva á partitocracia (Art 59 a 67 da L.O.R.E.X.) e os reparto dos subsidios públicos aos partidos pensado para financiar exclusivamente á partitocracia (Art. 121 a 134 da L.O.R.E.X.), non fosen suficientes para garantir que o chiringuito do que viven a custa dos contribuintes e a corpo de rei (nunca mellor dito) estivese blindado da libre concorrencia electoral, introducen na reforma o artigo 169.3 que coloca unhas condicións que anteriormente non existian para a presentación de candidaturas dificultando enormemente o dereito de sufraxio pasivo (dereito a ser elixido sancionado no artigo 13,3 CE) dos cidadáns que non se integran nun dos partidos que xa ten presenza nas cortes, a pesar do que di o artigo 9.2 da CE “Corresponde a los poderes públicos promover las condiciones para que la libertad y la igualdad del individuo y de los grupos en que se integra sean reales y efectivas; remover los obstáculos que impidan o dificulten su plenitud y facilitar la participación de todos los ciudadanos en la vida política, económica, cultural y social.” esas novas condicións só lle son exixidas aos partidos que non teñen neste momento presenza nas cortes o que contraven frontalmente os principios de remoción de obstaculos para facilitar a participación do que fala o mencionado artigo da CE.

Se cadra algún pensa que isto se pode resolver cun recurso de inconstitucionalidade, pero a non ser que se lle ocurrise presentalo aos mesmos que aprobaron a lei, algo bastante improbable, xa que só os que ditan leis inconstitucionais poden presentar recursos de inconstitucionalidade, Art 162.1.A CE “Están legitimados para interponer el recurso de inconstitucionalidad, el Presidente del Gobierno, el Defensor del Pueblo, 50 Diputados, 50 Senadores, los órganos colegiados ejecutivos de las Comunidades Autónomas y, en su caso, las Asambleas de las mismas.”

O mencionado artigo 169.3 da L.O.R.E.X. exixe a presentación de avais do 0,1% da circunscripción, insisto, só para os partidos extraparlamentarios, e a estas alturas (30/08/2011) os afectados pola norma ainda non coñecemos os requisitos exactos que deben cumprir eses avais ainda que é previsible que serán leoninos polo simple feito de que serán os que crearon ese artigo para limitar o pluralismo democrático os que o interpreten, asi de simple e dramático, cunhas eleccións a menos de tres meses ainda non está claro os requisitos de recollida deses avais?, pois non, a Xunta Electoral Central dixo que non emitiria unhas instruccións ata setembro, no Art. 9.1 da L.O.R.E.X. podemos observar como é tamén a partitocracia de forma indirecta quen controla este organo hipoteticamente imparcial de forma directa (5 vocais son designados polo congreso) e indirecta (8 vocais do Tribunal Supremo designados polo Consello Xeral do Poder Xudicial) non fai falta dicir que o CXPX está composto por 9 vocais designados polo PP, outros tantos polo PSOE e cadanseu por CiU e PNV.

É dicir, a partitocracia lonxe de traballar no perfeccionamento, aprofundamento e melloramento do sistema democrático e de liberdades, contribue a deterioralo cada vez máis, blindándose ainda que para iso teña que pisotear a democracia, o pluralismo, a igualdade perante a lei, varios dos artigos da Constitución e o que faga falta, e os que teñen que xulgar se todo isto é un despropósito ou non tamén son eles, a partitocracia española está debilitando a democracia e a liberdade ata uns extremos que cada vez nos situan máis fora dos estándares europeos e occidentais.

Todos os medios de resposta pacífica a este e outros atropelos teñen que ser postos en marcha pola cidadania que queira defender a democracia e a liberdade, animo desde aquí aos lectores a enviar o pre-aval que se recolle na web www.yoavalo.org desde onde varias formacións extraparlamentarias, entre elas Converxencia XXI, recollemos datos de contacto de cidadáns dispostos a defender o pluralismo e a democracia contra os golpes de estado incruentos que PSOE e PP perpetran, esperemos que algún dia os gnomos lles gañemos aos trolls, depende da cidadanía. 

No comments:

Post a Comment

podes deixar aqui a tua opinión,