Discurso de @carlosvpadin nos mitins das xerais

Boas noites queridos amigos converxentes. Era necesario que Converxencia XXI estivese nestas eleccións xerais, e era necesario por unha cuestión de responsabilidade cos nosos afiliados, simpatizantes,  votantes e con todos os cidadáns deste País, na parte que nos tocaba, non podiamos permitir que o 20N non estivese nos colexios electorais a papeleta da forza que Galicia precisa para gañar o futuro.

Os converxentes somos persoas que cremos en que Galicia necesita un  proxecto político propio que consiga mudar o rumbo da política no noso País. Unha forza centrada que introduza  novidades no, ata agora, inmobil e anticuado panorama político galego. Unha forza cuxo único fin sexa o progreso das persoas, o progreso dos galegos.  Unha forza con visión de longo prazo e que cre que a máis xenuina fonte de prosperidade é a liberdade.

Os galegos temos que tomar as nosas propias decisións e construír, todos xuntos, o noso futuro nun marco de respecto e tolerancia. Temos que ser responsábles dos nosos éxitos e dos nosos fracasos. Mais isto só é  posíble se Galicia conta cos mecanismos de decisión adecuados. Só así poderemos entre  todos construír un futuro de ilusión e esperanza. Sen escusas. Sen vitimismos. Europa é o contexto do noso futuro como individuos e como pobo. Europa ten que  consolidarse como o prototipo da sociedade aberta e global, coa que Converxencia XXI está profundamente comprometida desde este recanto do vello continente. O noso  galeguismo europeísta motiva a nosa confianza nunha Europa integrada e diversa.  
 
En Converxencia XXI afirmamos que son as persoas nunha sociedade libre as que co seu esforzo e emprendemento xeran prosperidade para eles mesmos e para os outros. As sociedades atenazadas polo  servilismo están abocadas ao fracaso, nelas a sumisión e o clientelismo substitúen, aos méritos e ao traballo útil. As sociedades subvencionadas non  son as dos homes libres.

O Goberno debe realizar o seu papel creando o marco axeitado para que se  desenvolva a iniciativa individual. Esta é unha transcendental labor, xa de por si difícil e  complicada. Mais non é o Goberno quen innova e quen crea riqueza. Non son as  subvencións a sectores ineficientes as que xeran progreso. Non é a defensa dos 4 privilexios de certos grupos o que produce xustiza. É a interacción de individuos libres  procurando o seu propio beneficio a que consegue un mundo mais xusto e próspero.

E sentimos o deber de estar o vindeiro 20 de novembro nos colexios electorais precisamente porque somos a única forza que nestas eleccións representa o modelo da democracia liberal do centro e do norte de Europa, e non podiamos faltar  xa que é precisamente a falta de forzas que propoñan este modelo á nosa sociedade o que explica a grave decrepitude dos estados do sul de Europa, que pesima e irresponsablemente xestionados por  socialistas e conservadores estámos atravesando unha crise de dramáticas consecuencias.

Conservadores e socialistas, que acapararon e acaparan cotas case absolutas de poder en España teriannos que explicar que é o que fixeron tan mal para que só aqui de entre todos os estados membros da OCDE  teñamos un desemprego de máis do 20% e un desemprego xuvenil do 45%. Algo terán eles que ver cando son os que gobernan o estado e a inmensa maioria das autonomias, incluindo Galicia, desde hai xa case trinta anos. Dirannos que a crise é mundial para tratar de esquivar as suas responsabilidades o que non nos dirán é que aqui temos unha taxa de desemprego que multiplica por 4 á dos paises do norte e do centro de Europa.

E como eles non nolo van explicar vamolo ter que explicar nós; conservadores e socialistas gobernan en Galicia e España co propósito principal, diría que na prática, único, de fomentar e protexer os seus propios intereses e aos grupos de interese que lles son afins, é escandalosa a connivencia duns e doutros coa banca ou os sindicatos por só mencionar dous grupos de presión que fan todo o posible para condicionar a gobernación na defensa dos seus intereses, ainda que a protección destes intereses acaben por prexudicar ao conxunto da cidadanía, incluindo por suposto aos propios traballadores.

O estado español está próximo da quebra porque gasta moito máis do que ingresa e PSOE e PP recortaron e recortarán onde a eles menos lle doe e non onde aos cidadáns menos nós doe, en lugar de eliminar as deputacións, de concentrar concellos, de eliminar delegacións dos gobernos centrais. Sabedes que faráns os do PSOE e PP?

Pois farán tres cousas: subirnos os impostos, baixar as pensións e recurtar en servizos básicos como educación e sanidade e todo isto para non recurtar onde terian que facelo, para non recurtar as suas inmensas e custosísimas redes clientelares de millares de persoas afins, colocadas en postos políticos improdutivos que non aportan nada á cidadanía pero que si aportan aos intereses partidistas de PP e PSOE. 

Dicia o outro dia Rajoy no debate con Rubalcaba, para xustificar o papel das deputacións en relación a cando el presidia a de Pontevedra: “yo inauguraba la luz en los pueblecitos de Pontevedra”, e dicia isto como proba da suposta utilidade das deputacións, cando calquera persoa con dous dedos de frente sabe que ese servizo poderia asumilo a Xunta ou, ainda mellor, que fusionando concellos pódese incrementar a eficiencia no uso dos recursos públicos e que eses concellos fusionados poderian dotarse a si mesmos deses servizos con menor carga para os contribuintes.

E ainda que non está ben presumir compre afirmar con modestia, mais con firmeza, que Converxencia aporta esa valentia que tan necesaria é nos tempos dificiles que atravesamos e que lles falta ás outras formacións políticas, porque hai que ser valente para estar nestas eleccións e porque hai que ser valente para propor a supresión das deputacións e a concentración de concellos, e nos facémolo porque sabemos que é imprescindible para garantir a sustentabilidade das contas públicas.

O estado español é o único caso en Europa onde se superpoñen unha estrutura centralizada (a provincial)  e unha descentralizada (a autonómica). Por exemplo, Franza é un modelo centralizado e Alemaña, que lembremos que é o pais mais forte da UE é un estado moi descentralizado, e este é precisamente o noso modelo, o modelo federal alemán. Que dicir dos concellos, Portugal, por exemplo, ten 308 concellos e Galicia 316, isto é ineficiente e insustentable, pero só Converxencia XXI se atreve a dicilo.

Converxencia XXI representa a mellor versión do sentidiño galego, e a mellor versión das políticas públicas postas en prática con éxito probado no centro e no norte de Europa, non só defendemos a traslación do sistema federal alemán, nomeadamente na sua vertente fiscal, onde os lander son os encargados da recadación de impostos, tamén propomos o modelo austriaco de relacións laborais e o modelo sueco do cheque sanitario e educativo.

Converxencia XXI é un  partido galego novo, moderno e  innovador. Un partido  constituído por cidadáns de a pé movidos pólo desexo de construír unha Galicia  de persoas  prósperas  e libres. Unha Galicia na que todas as persoas poidamos desenvolver o noso potencial no marco adecuado e no que ninguén se sinta excluído.

Agora ben, a vida é azarosa e os mercados tamén producen excluídos, vítimas do infortunio.  Algunhas políticas redistributivas e de seguros poden corrixir os  avatares do destino. Resolver as contradicións entre estas e os incentivos fornecidos polo mercado é unha das transcendentais tarefas ás que se enfronta unha sociedade libre.

O seguros sociais cumpren o importante labor de protexer aos individuos dos caprichos  da fortuna. O noso espírito de equidade e xustiza comprométenos completamente  cos obxectivos do Estado do Benestar. Mais non desde unha perspectiva dogmática,  obcecada e conservadora, mesmo reaccionaria, e si desde unha perspectiva aberta e innovadora que abre os nosos ollos a novas alternativas, métodos e solucións que permitan un mellor funcionamento do Estado do Benestar.

Cremos que é posíble mellorar os mecanismos de decisión social e organizar a nosa  sociedade dun xeito mais eficiente e xusto, para sentar as bases da prosperidade individual e colectiva. Cremos en que temos que levar adiante este ideal desde a nosa condición de galegos no marco dunha Europa integrada e diversa.


Remato apelando a que non vos deixedes enganar pola patraña do chamado voto útil, que en realidade é o máis inútil de todos, xa que o votante emite unha mensaxe distinta do que prefire en realidade, e por tanto, nas futuras citas electorais, o sistema e os políticos poderán seguir actuando como si ese votante non tivera voz, dado que en realidade non a tivo.

O único voto realmente útil é o voto realizado por unha opción política que responda ás preferencias e necesidades do votante. O único voto útil é o realizado a favor de quen lle saia das narices ao votante, con total e absoluta independencia de calquera outra consideración.

O único voto útil é o realizado por unha forza política que se pareza ao votante, aceptando que na confrontación política esa opción pode ser ou non maioritaria, pero que o auténtico democráta aceptará os resultados cando sexan adversos, e tamén os aceptará cando a súa escolla sexa maioritaria. Só que, en ese caso, as medidas políticas que tomará a súa escolla política serán as que considere máis axeitadas para os seus intereses persoais, sociais e colectivos.

Remato pedíndovos o voso voto, o día 20, votade á forza das novas ideas, á forza que Galicia necesita para avanzar na historia, votade Converxencia XXI! Moitas grazas! 

No comments:

Post a Comment

podes deixar aqui a tua opinión,