Por unha Galicia meritocrática

Lia hai pouco que hai duas vias de mellora individual que poden percorrer as persoas, por un lado a via do nepotismo, amiguismo, compadreo, ou enchufismo, e por outro lado a via da meritocracia, en determinados paises. Aqueles paises cuxo modelo está sendo posto en ridículo por esta crise, predomina a primeira via de ascenso social, neses Paises, dentro do noso continente, os paises do sul, non importa demasiado o brillante, traballador e innovador que sexa un, ou mesmo chega a importar en negativo, xa que os méritos obxectivos dun individuo poñen ante un espello a mediocridade dos que deben a sua posición aos amiguismo, ao servilismo ou mesmo ao apelido o que fai que ese individuo destacado sexa apartado.




Non hai paises exclusivamente nepotistas nen exclusivamente meritocráticos, pero si hai paises predominantemente nepotistas e predominantemente meritocráticos, un exemplo do primeiro tipo seria Grecia, onde basta ver que  duas familias apelidadas Papandreu e Karamanlis levan décadas mandando no País para darse conta da falta de mobilidade social e do pouco que nesa sociedade axudan os méritos a progresar e do custo que para o País ten ese modus operandi. Un exemplo de sociedade meritocrática serian as do centro e norte de Europa e outros paises con culturas similares; Angela Merkel é filla dun pastor protestante e Obama naceu nunha familia de clase media.

Galicia é un País moi predominantemente nepotista ou amiguista, e iso explica moitos dos nosos problemas, un deles o feito de que o diferencial salarial entre universitarios e non universitarios é dos mais baixos da OCDE xa que non é o título o que determina en maior medida a colocación e conseguinte salario dunha persoa senón a sua rede persoal, o nepotismo tamén explica que o nivel medio humano e académico dos que se ven forzados a emigrar fóra de Galicia neste momento é comparativamente moi elevado, este perverso fenómeno dificulta enormemente o progreso social, políco e económico do País.

O modo nepotista e amiguista de concebir as relacións políticas e económicas explica tamén eventos realmente grotestos, vimos hai uns días como a web de Xornal de Galicia era literalmente borrada do mapa, o seu editor, Jacinto Rey, decidiu abandonar a edición en papel no verán, o que desde un punto de vista empresarial era perfectamente comprensible, xa que neste momento implantar un xornal nun mercado en franca regresión como o da prensa en papel rozaba o imposible, pero despois toma un decisión que só se pode entender desde a dinámica do compadreo co poder político, esta decisión é abandonar a versión en internet, versión que ocupaba o cuarto lugar entre as webs informativas en Galicia, e que fora viable durante nove anos antes de sair en papel, teria sido comprensible un redimensionamento da redación pero non a eliminación.

Quedan poucas dúbidas de que o señor Rey decidiu facer o que os axedrecistas chaman gambito, sacrificar unha peza pequena, por exemplo un peón, neste caso o Xornal, para salvar unha peza moito máis valiosa, por exemplo unha torre ou unha dama, neste caso a construtora San José que está moi necesitada dunha boa relación co PP para seguir recibindo adxudicacións de obra pública que como todo o mundo sabe neste País, non son demasiado limpas.

Para contentar a quen dentro de menos dun mes gobernará España con case total probabilidade non bastaba nen sequera con liquidar a edición electrónica, era necesario mesmo eliminar todo rastro de todas aquelas novas e artigos críticos co PP de internet, estamos perante un exemplo dun servilismo total ante un poder que se sabe que se exercerá con total arbitrariedade. Con todos os defectos e virtudes que puidera ter Xornal é dificilmente discutible que era entre os medios críticos co poder conservador o de máis audiencia e polo tanto, o que máis dano podia facer aos conservadores centralistas do Partido Popular.

Só nun País onde o amiguismo e o intercambio de favores é lei, se explica que un Xornal de capital privado tivese como orixe e fin decisións políticas, xa que se Xornal morreu polo PP, tampouco podemos esquecer que naceu polo BNG. É o compadreo do editor con Quintana e moi probablemente a concesión dos muiños o que está na orixe da saida en papel e é a foto de Rajoy nun barco de narcotraficantes na ria de Arousa o que plausiblemente decide a saida do director José Luis Gómez e o peche do medio. Alguén me pode explicar como demo pode progresar un País que funciona asi?

Outro bo exemplo da Galicia amiguista é o do IGAPE, lembro a percepción que tiñamos hai dez anos varios alumnos da escola de negocios de Caixanova, de que o IGAPE servia en realidade para financiar e axudar ao empresario que xa estaba establecido e en moi poucos ou ningún caso servir para que agromasen novas realidades empresariais no noso País. A «operación campeón» alimenta esa percepción do IGAPE como medio para axudar aos «amigos» que ao mesmo tempo e como contrapartida axudarán aos partidos políticos do statu quo a que nada cambie.

Mencionarei un terceiro exemplo, o das caixas de aforro e as remuneracións multimillonarias dos seus incompetentes xestores, só nun Páis nepotista alguén pode estar mais de trinta anos nun posto de responsabilidade sen dar explicacións a ninguén, como os directivos das caixas galegas, os tres partidos do statu quo formaban parte do consello de administración das duas caixas, e da entidade fusionada, sabían portanto as remuneracións e as indemnizacións que a alta dirección tiña fixadas, e calaron por amiguismo, porque había devolución de favores, o financiamento dos partidos, dos negocios paralalelos necesarios e das institucións que gobernaban.

PP, PSOE e BNG alimentan e alimentanse dunha serie de grupos de presión e de lobbies nunha relación amiguista de defensa de intereses, tratando de garantir coa sua forma de actuar nepotista a sua permanencia nun poder que só traballa para os intereses das suas organizacións e dos seus amigos e en ningún caso para facilitar o marco meritocrático que a nosa sociedade e calquera sociedade precisa para progresar, só se facilitamos as condicións para que na nosa sociedade as persoas poidan progresar en base aos seus méritos teremos futuro, só se logramos dar o salto dunha sociedade nepotista a unha meritocrática teremos futuro.

Converxencia XXI representa na política galega o xérmolo dunha concepción meritocrática da nosa sociedade que pula por emerxer, un partido formado por xente libre e comprometida co País, mentres a Galicia amiguista, dominante neste momento, non nos vai facilitar as cousas, os tres de sempre saben que entre eles son alternancia pero que Converxencia pode chegar a ser unha alternativa que ubique a Galicia á altura dos paises máis avanzados do mundo, pero isto non lles interesa, están máis cómodos nunha rexión acomplexada e atrasada do confin de Europa, o próximo 20N a nosa papeleta estará nos colexios electorais, con só dous anos de vida seremos, á marxe do BNG, o único partido galego con presenza, tivo moito mérito o traballo dos nosos afiliados que conseguiron 4.000 firmas, un 40% mais das necesarias para que os cidadáns poidan escoller nos colexios electorais unha opción xenuinamente progresista, a opción da meritocracia e das novas ideas, a opción que Galicia precisa para gañar o futuro.

No comments:

Post a Comment

podes deixar aqui a tua opinión,