Nacionalista, galeguista ou galego?

Hai quen di que o liberalismo é oposto ao nacionalismo debido a  que o liberalismo focaliza no individuo, na liberdade individual, e o nacionalismo na colectividade. Nada que obxectar se o que entenden como nacionalismo é a subordinación total e involuntaria do individuo a un proxecto colectivo, se entenden como nacionalismo a afirmación do propio a costa do desprezo do alleo ou se entenden por nacionalismo a construción dun proxecto colectivo non definido democraticamente. 

O PP, o PSOE e o BNG son nacionalistas exactamente neste sentido, nacionalistas de estado os dous primeiros e nacionalista dun territorio que non ten estado, o terceiro. Non concordo cos conceptos esencialistas de nación, que definen a nación como un elemento incontrovertible con lexitimidade na historia ou  nunha serie de elementos obxectivos como unha lingua, un territorio e unha cultura. Estes elementos son moi importantes porque conforman a base dunha nación da vontade, quer dicir, forman a base para que a cidadanía poida manifestar democraticamente a súa vontade de constituir realmente sobre estes elementos unha nación definida democraticamente. 

Tampouco comparto criterios historicistas, igualmente esencialistas e antidemocráticos, representados no arcaico centralismo que aquí padecemos, e que pasan polo arco do triunfo a vontade democrática dos pobos afirmando que a existencia durante cincocentos anos dun estado-nación, como España, de límites invariables proba automaticamente a existencia dunha única nación no mesmo territorio.

Sen embargo, se ser nacionalista é defender o dereito e a vontade democrática dunha maioría de cidadáns dun pobo asentado nun territorio a manifestar a seu desexo libre de se agrupar, autoorganizar e decidir democraticamente cal é o marco xurídico do que se quere dotar, incluíndo a decisión de compartir ou non a súa soberanía non me importaría en absoluto definirme como nacionalista.

Porén, e como de momento, a miña definición do que significa nacionalismo é francamente minoritaria en relación ao nacionalismo que, coa única diferenza do nome da nación (España ou Galicia), exercen o 100% dos deputados da cámara galega, hai algún tempo que decidín deixar de definirme como nacionalista e comezar a facelo como galeguista ou simplemente como galego.
   
O liberalismo e a defensa política da existencia dunha nación son perfectamente compatibles e mutuamente enriquecedores. O individuo libre ten unha tendencia natural a agruparse en comunidades nacionais e as  posibilidades de desenvolvemento individual dependen enormemente do desenvolvemento dunha determinada comunidade nacional. As liberdades individuais, incluíndo os dereitos humanos que o liberalismo proclamou,  son papel mollado onde a colectividade fracasa, onde non hai unha colectividade de individuos libres capaces  e se dotar dun estado que funcione. Moitos lugares de África son un bo exemplo, polo que debo concluír que o colectivismo democrático e liberal é imprescindible para a plena realización do individuo en liberdade e democracia.

Aínda mais, os que cremos na liberdade individual como un valor supremo simpatizamos con aquelas nacións forxadas polo devir da historia –as nacións naturais- que non foron froito de decisións directas de construción colectiva antidemocrática. Ninguén decidiu nun despacho ou nunha reunión que se falase o mesmo idioma de Ribadeo á Guarda ou de Ponteceso á Mezquita, mentres que que se fale o mesmo idioma desde A Coruña ata Murcia, desde Girona a Huelva ou desde Brest a Perpiñán responde a unha decisión construtivista e intervencionista tomada en despachos de forma antidemocrática, esta si, unha verdadeira imposición autoritaria contra a liberdade dos cidadáns e esta si,unha forma de nacionalismo abertamente oposta ao liberalismo. 

Na dicotomía da nación natural vs. nación construída os amantes da liberdade sempre nos identificaremos coa primeira, compartindo, desta maneira, os anceios de liberdade individual cos anceios de liberdade colectiva.

Artigo publicado orixinalmente na revista Chorima, Boletín oficial de Converxencia XXI.

Ónega: "Los hijos de perra de los mercados"

A deriva populista da sociedade española vai tomando corpo, o sorprendente seria o contrario, as sociedades latinas foxen da responsabilidade e o populismo fornecelles de chivos expiatorios, de culpables alleos que lles evita asumir responsabilidades propias, son os mesmo chivos expiatorios que no seu día usou o populismo sudamericano, os políticos populistas de esquerda e dereita que para tapar a sua corrupta e neglixente xestión da cousa pública preferiron atacar aos mensaxeiros, aos que cuestionaban a sua fiabilidades, aos que puñan en dúbida (con acerto) a sua absoluta falta de seriedade e responsabilidade; o FMI e os mercados. 

Onte lin na Voz de Galicia un artigo titulado "Esta libertad de mercados, ¿para qúe?" o autor é Fernando Ónega, un histórico do xornalismo galego e español, que parece boa persoa, e é posiblemente esa bonhomía unido á sua profunda ignorancia económica, a que, perante unha situación sen dúbida moi preocupante lle fai soltar exabruptos como "los hijos de perra de los mercados", apostaría a que Ónega, como profesional de éxito, terá un  plano de pensións privado ou depósitos a prazo, pois nese caso estará insultando á sua nai no seu artigo, xa que o diñeiro tanto dos fondos de pensións como dos depósitos a prazo forma parte "dos mercados". Estou convencido que esta non é a intención do noso protagonista o que demostra que non sabe moito sobre o tema do que fala.

Coincidirán comigo que cando alguén caracterizado pola sua ponderación, para min unha das maiores encarnacións do tópico do galego na escaleira que non sobe nen baixa, solta frases dunha agresividade como "los hijos de perra del mercado", hai que se preocupar polos vieiros que a sociedade galega e española poden chegar a escoller como resposta á crise que atravesamos. 

Un dos ingredientes do populismo é exhibir unha fonda preocupación polo pobo, sinalar os culpables, e sinalar as vítimas, di Ónega "A estas alturas de la película de terror que estamos protagonizando, confieso que lo único que me preocupa es si habrá dinero para socorrer a tantas personas que están sin empleo y a tantas que se van a quedar sin empleo" é este un xogo de manipulación das masas, á que moitos ben intencionados se prestan sen sabelo, e que contribue a facer moralmente moi atractivo o populismo, xa que crea unha explicación moi simple da realidade, na que non hai matices, nen análise, hai só "bos" e "malos" e os malos fan sofrer inxustamente aos bos.

É un filme de terror, como di o egrexio xornalista, ou de vaqueiros, con bos e malos e polo tanto moi facilmente "comprensible", digamos que é unha patraña facil de tragar e que vai contaminando cada vez máis mentes ávidas de explicacións "fáciles de entender" ao calvario que cada vez máis persoas están pasando neste País, contodo non deixa de ser unha patraña, xa que calquera que entenda os mecanismos e os incentivos que moven unha economía de mercado sabe que os intereses dos investidores e da cidadanía, nunha economía de libre mercado (como a que temos a medias) non teñen porque ser en absoluto contraditorios, e que os investidores (mercados) só nos están dicindo que estamos doentes, que temos que pornos en cura, estannos advertindo do que os populistas non queren falar, ou sexa, que somos un desastre de País.

Cando alguén que, como articulista, ten unha non desprezable capacidade de influencia e de creación de opinión lles chama "hijos de perra" aos investidores polo simple "pecado" de buscar un destino seguro e rentable ao seu diñeiro, eu non podo evitar preocuparme; e é que no texto de Ónega non hai unha soa pinga de autocrítica nen de chamada á reflexión, o que si aparece de forma velada é outro dos ingredientes do populismo, a lexitimación da reacción violenta propia do autoritarismo populista "Si esto lo hubiera dicho una de esas agencias de rating que trabajan para quienes hacen negocio con nuestra ruina, yo estaría llamando a los guardias: ¡eh, guardias, que nos siguen queriendo robar!"

Se fosen Saénz de Ynestrillas ou Josu Ternera os que falasen así, non me preocuparía, pero que o faga alguén que aparentemente nunca rompeu un prato como Ónega é para pornos a tremar, esta crise ábrenos dous cursos de acción, o primeiro, o vieiro populista, o de buscar chivos expiatorios, o de fuxir de responsabilidades e da autocrítica, o segundo curso de acción posible e o único desexable é o liberal, baseado na responsabilidade, en preguntarnos cales son as causas de que chegásemos aqui e buscar respostas, simplemente preguntarnos porque o centro e o norte de Europa non ten os mesmos problemas que os paises latinos, e adoptar de verdade o seu modelo, comezando polo imprescindible cambio cultural e continuando por unha aposta pola liberdade (sempre unida a responsabilidade), polo emprendemento, polo aforro, pola austeridade, pola eficiencia, e pola produtividade.

De momento parece que o vieiro populista vai gañando, e na batalla das ideas non se debería, desde a responsabilidade, optar polo populismo ou a neutralidade, esa neutralidade e sentidiño que caracterizaba a Ónega ata que o virus do populismo o invadiu. Nesta loita das ideas entre populismo e liberalismo, os liberais temos todas as de perder na Europa do sul, pero que ninguén se engane, se gaña o populismo, as seguintes xeracións encontraranse cun País, cunha Galicia cada vez máis empobrecida e da que cada vez nos resultará máis dificil sentirnos orgullosos, o mesmo é aplicable para España, Portugal, Italia ou mesmo Franza, onde Hollande comeza a marcar esa deriva ao dicir que compite cos mercados e non con Sarkozy.

A vergoña das subvencións aos partidos

Hoxe saen no BOE as subvencións aos partidos políticos con representación no Congreso, isto non é todo o que reciben, é só a parte correspondente ao que eufemisticamente chaman "funcionamento ordinario", existen ademáis outras moitas vias de financiamento público dos partidos, nomeadamente a referida ás subvencións para as eleccións que están deseñadas para ir aos partidos do stablishment. Converxencia XXI foi o único partido dos que se presentaba ás xerais do 20-N en Galicia que levaba no seu programa a supresión total das subvencións públicas aos partidos. Tamén somos o único partido de Galicia que publica as suas contas.


Link ao BOE coa resolución das subvencións http://www.boe.es/boe/dias/2012/01/23/pdfs/BOE-A-2012-1019.pdf

Link ás contas de Converxencia XXI http://www.converxencia.eu/wp-content/uploads/2011/04/Contas-Converxencia.pdf

Programa Converxencia eleccións xerais http://www.converxencia.eu/wp-content/uploads/2011/04/Programa-electoral-xerais-definitivo.pdf

Fraga, a miña opinión no seu pasamento

Morreu Fraga, un persoeiro que require unha análise en profundidade dificil de facer nunha postaxe dun blogue, un persoeiro con luces e sombras pero que merece desde logo unha opinión para calquera que esté implicado na política galega, xa que estamos perante a que posiblemente, e xunto a Beiras, sexa a figura máis senlleira do tempo transcorrido desde a instauración da nosa autonomía.

No lado negativo destacaría a sua participación destacada na ditadura, no lado positivo o seu papel en sacar das cavernas à dereita española, en ver algo que moita xente na dereita española non via claro a finais dos sesenta e primeiros dos setenta,  a necesidade de ir cara a democracia. A democracia que saiu da transición é tan defectuosa, desde o punto de vista da sua arquitectura institucional, para os que temos a democracia liberal como referente, que como pai da Constitución non o podo lisonxear, pero naquel complicado contexto non era fácil aspirar a máis dados os bimbios sociais e politicos das duas Españas.

Desde o punto de vista galego luces e sombras, o lado positivo aparece con claridade cando o comparamos coa involución a todos os niveis que representa o señor Feijóo, e cando falo de todos os niveis, refirome tanto ao nivel ideolóxico como á enorme diferenza na talla política e intelectual dun e doutro, Fraga tomaba en serio a autonomía como unha institución de autogoberno, limitada e rexional, pero autogoberno, o señor Feijóo degrada a nosa autonomía pola via da prática á categoría dunha macro deputación, autolimitada polo provincianismo de quen a dirixe. No lado negativo debemos mencionar que Fraga interpreta o seu papel á frente da Xunta como un papel ao servizo dunha determinada visión centralista de España, xoga nese sentido un papel de sumisión a Madrid, desde a "terceira nacionalidade histórica" que desde o punto de vista do nacionalismo español, crea un cordón sanitario para a non extensión das reivindicacións nacionais do Pais Basco e Cataluña.

En definitiva subordina o interese e benestar de Galicia ao poder centralista e renuncia a usar o seu peso político, como fundador dun dos grandes partidos, en prol do noso País, cando chega Aznar ao poder en 1996, Fraga estaba en posición de ter reivindicado para Galicia unha compensación real en termos de investimento e de transferencia de competencias e simplemente non o fixo, lembremos que o goberno Aznar non tivo especial deferencia cara Galicia como mostran as cifras de investimento, máis alá daquel verdadeiro timo propagandístico de falar do "goberno amigo", Aznar non deu protagonismo a Galicia senón fundamentalmente a Madrid e Valencia ante o beneplácito de Fraga. Por certo, as cifras de investimento en Galicia do goberno de Zapatero foron moito maiores, ainda que ao servizo dunha nefasta política de infraestruturas compartida polo PP.  (O grande engano de J. Blanco)

Fraga era un home pragmático o que o levou a subordinar os seus instintos autoritarios á intelixencia política de ver que a democracia era a única aposta viable, non obstante nunca tivo ningún problema en manter unha estreita, case íntima relación, con ditadores de diversas pelaxes, como Gadafi ou Fidel Castro ou o Irán dos Ayatolás, tres dos referentes da estrema esquerda galega, era máis amigos de Fraga que deles, prova de que os estremos se tocan, recordo a grotesca situación que se producía e o bochornoso ridículo que esta situación lle facía pasar ao BNG, cando destacados dirixentes da ditadura cubana pedíron o voto para o PP. Fraga non tiña problema en incomodar a Aznar con estas cousas pero nunca o incomodou para o importante e determinante, para a defensa dos intereses de Galicia.