Ónega: "Los hijos de perra de los mercados"

A deriva populista da sociedade española vai tomando corpo, o sorprendente seria o contrario, as sociedades latinas foxen da responsabilidade e o populismo fornecelles de chivos expiatorios, de culpables alleos que lles evita asumir responsabilidades propias, son os mesmo chivos expiatorios que no seu día usou o populismo sudamericano, os políticos populistas de esquerda e dereita que para tapar a sua corrupta e neglixente xestión da cousa pública preferiron atacar aos mensaxeiros, aos que cuestionaban a sua fiabilidades, aos que puñan en dúbida (con acerto) a sua absoluta falta de seriedade e responsabilidade; o FMI e os mercados. 

Onte lin na Voz de Galicia un artigo titulado "Esta libertad de mercados, ¿para qúe?" o autor é Fernando Ónega, un histórico do xornalismo galego e español, que parece boa persoa, e é posiblemente esa bonhomía unido á sua profunda ignorancia económica, a que, perante unha situación sen dúbida moi preocupante lle fai soltar exabruptos como "los hijos de perra de los mercados", apostaría a que Ónega, como profesional de éxito, terá un  plano de pensións privado ou depósitos a prazo, pois nese caso estará insultando á sua nai no seu artigo, xa que o diñeiro tanto dos fondos de pensións como dos depósitos a prazo forma parte "dos mercados". Estou convencido que esta non é a intención do noso protagonista o que demostra que non sabe moito sobre o tema do que fala.

Coincidirán comigo que cando alguén caracterizado pola sua ponderación, para min unha das maiores encarnacións do tópico do galego na escaleira que non sobe nen baixa, solta frases dunha agresividade como "los hijos de perra del mercado", hai que se preocupar polos vieiros que a sociedade galega e española poden chegar a escoller como resposta á crise que atravesamos. 

Un dos ingredientes do populismo é exhibir unha fonda preocupación polo pobo, sinalar os culpables, e sinalar as vítimas, di Ónega "A estas alturas de la película de terror que estamos protagonizando, confieso que lo único que me preocupa es si habrá dinero para socorrer a tantas personas que están sin empleo y a tantas que se van a quedar sin empleo" é este un xogo de manipulación das masas, á que moitos ben intencionados se prestan sen sabelo, e que contribue a facer moralmente moi atractivo o populismo, xa que crea unha explicación moi simple da realidade, na que non hai matices, nen análise, hai só "bos" e "malos" e os malos fan sofrer inxustamente aos bos.

É un filme de terror, como di o egrexio xornalista, ou de vaqueiros, con bos e malos e polo tanto moi facilmente "comprensible", digamos que é unha patraña facil de tragar e que vai contaminando cada vez máis mentes ávidas de explicacións "fáciles de entender" ao calvario que cada vez máis persoas están pasando neste País, contodo non deixa de ser unha patraña, xa que calquera que entenda os mecanismos e os incentivos que moven unha economía de mercado sabe que os intereses dos investidores e da cidadanía, nunha economía de libre mercado (como a que temos a medias) non teñen porque ser en absoluto contraditorios, e que os investidores (mercados) só nos están dicindo que estamos doentes, que temos que pornos en cura, estannos advertindo do que os populistas non queren falar, ou sexa, que somos un desastre de País.

Cando alguén que, como articulista, ten unha non desprezable capacidade de influencia e de creación de opinión lles chama "hijos de perra" aos investidores polo simple "pecado" de buscar un destino seguro e rentable ao seu diñeiro, eu non podo evitar preocuparme; e é que no texto de Ónega non hai unha soa pinga de autocrítica nen de chamada á reflexión, o que si aparece de forma velada é outro dos ingredientes do populismo, a lexitimación da reacción violenta propia do autoritarismo populista "Si esto lo hubiera dicho una de esas agencias de rating que trabajan para quienes hacen negocio con nuestra ruina, yo estaría llamando a los guardias: ¡eh, guardias, que nos siguen queriendo robar!"

Se fosen Saénz de Ynestrillas ou Josu Ternera os que falasen así, non me preocuparía, pero que o faga alguén que aparentemente nunca rompeu un prato como Ónega é para pornos a tremar, esta crise ábrenos dous cursos de acción, o primeiro, o vieiro populista, o de buscar chivos expiatorios, o de fuxir de responsabilidades e da autocrítica, o segundo curso de acción posible e o único desexable é o liberal, baseado na responsabilidade, en preguntarnos cales son as causas de que chegásemos aqui e buscar respostas, simplemente preguntarnos porque o centro e o norte de Europa non ten os mesmos problemas que os paises latinos, e adoptar de verdade o seu modelo, comezando polo imprescindible cambio cultural e continuando por unha aposta pola liberdade (sempre unida a responsabilidade), polo emprendemento, polo aforro, pola austeridade, pola eficiencia, e pola produtividade.

De momento parece que o vieiro populista vai gañando, e na batalla das ideas non se debería, desde a responsabilidade, optar polo populismo ou a neutralidade, esa neutralidade e sentidiño que caracterizaba a Ónega ata que o virus do populismo o invadiu. Nesta loita das ideas entre populismo e liberalismo, os liberais temos todas as de perder na Europa do sul, pero que ninguén se engane, se gaña o populismo, as seguintes xeracións encontraranse cun País, cunha Galicia cada vez máis empobrecida e da que cada vez nos resultará máis dificil sentirnos orgullosos, o mesmo é aplicable para España, Portugal, Italia ou mesmo Franza, onde Hollande comeza a marcar esa deriva ao dicir que compite cos mercados e non con Sarkozy.

No comments:

Post a Comment

podes deixar aqui a tua opinión,