Nacionalista, galeguista ou galego?

Hai quen di que o liberalismo é oposto ao nacionalismo debido a  que o liberalismo focaliza no individuo, na liberdade individual, e o nacionalismo na colectividade. Nada que obxectar se o que entenden como nacionalismo é a subordinación total e involuntaria do individuo a un proxecto colectivo, se entenden como nacionalismo a afirmación do propio a costa do desprezo do alleo ou se entenden por nacionalismo a construción dun proxecto colectivo non definido democraticamente. 

O PP, o PSOE e o BNG son nacionalistas exactamente neste sentido, nacionalistas de estado os dous primeiros e nacionalista dun territorio que non ten estado, o terceiro. Non concordo cos conceptos esencialistas de nación, que definen a nación como un elemento incontrovertible con lexitimidade na historia ou  nunha serie de elementos obxectivos como unha lingua, un territorio e unha cultura. Estes elementos son moi importantes porque conforman a base dunha nación da vontade, quer dicir, forman a base para que a cidadanía poida manifestar democraticamente a súa vontade de constituir realmente sobre estes elementos unha nación definida democraticamente. 

Tampouco comparto criterios historicistas, igualmente esencialistas e antidemocráticos, representados no arcaico centralismo que aquí padecemos, e que pasan polo arco do triunfo a vontade democrática dos pobos afirmando que a existencia durante cincocentos anos dun estado-nación, como España, de límites invariables proba automaticamente a existencia dunha única nación no mesmo territorio.

Sen embargo, se ser nacionalista é defender o dereito e a vontade democrática dunha maioría de cidadáns dun pobo asentado nun territorio a manifestar a seu desexo libre de se agrupar, autoorganizar e decidir democraticamente cal é o marco xurídico do que se quere dotar, incluíndo a decisión de compartir ou non a súa soberanía non me importaría en absoluto definirme como nacionalista.

Porén, e como de momento, a miña definición do que significa nacionalismo é francamente minoritaria en relación ao nacionalismo que, coa única diferenza do nome da nación (España ou Galicia), exercen o 100% dos deputados da cámara galega, hai algún tempo que decidín deixar de definirme como nacionalista e comezar a facelo como galeguista ou simplemente como galego.
   
O liberalismo e a defensa política da existencia dunha nación son perfectamente compatibles e mutuamente enriquecedores. O individuo libre ten unha tendencia natural a agruparse en comunidades nacionais e as  posibilidades de desenvolvemento individual dependen enormemente do desenvolvemento dunha determinada comunidade nacional. As liberdades individuais, incluíndo os dereitos humanos que o liberalismo proclamou,  son papel mollado onde a colectividade fracasa, onde non hai unha colectividade de individuos libres capaces  e se dotar dun estado que funcione. Moitos lugares de África son un bo exemplo, polo que debo concluír que o colectivismo democrático e liberal é imprescindible para a plena realización do individuo en liberdade e democracia.

Aínda mais, os que cremos na liberdade individual como un valor supremo simpatizamos con aquelas nacións forxadas polo devir da historia –as nacións naturais- que non foron froito de decisións directas de construción colectiva antidemocrática. Ninguén decidiu nun despacho ou nunha reunión que se falase o mesmo idioma de Ribadeo á Guarda ou de Ponteceso á Mezquita, mentres que que se fale o mesmo idioma desde A Coruña ata Murcia, desde Girona a Huelva ou desde Brest a Perpiñán responde a unha decisión construtivista e intervencionista tomada en despachos de forma antidemocrática, esta si, unha verdadeira imposición autoritaria contra a liberdade dos cidadáns e esta si,unha forma de nacionalismo abertamente oposta ao liberalismo. 

Na dicotomía da nación natural vs. nación construída os amantes da liberdade sempre nos identificaremos coa primeira, compartindo, desta maneira, os anceios de liberdade individual cos anceios de liberdade colectiva.

Artigo publicado orixinalmente na revista Chorima, Boletín oficial de Converxencia XXI.

No comments:

Post a Comment

podes deixar aqui a tua opinión,