O PP tamén caerá

Son moi evidentes e sinxelas de ver as consecuencias negativas da crise, porén, a crise tamén ten consecuencias positivas xa que crea contradicións no seo do statu quo conservador do País, non ten prezo ler como Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG),  pide o vaciado de contido das deputacións e a Louzán, como resposta, atacando á patronal polas elevadísimas axudas públicas que recebe, o que pon de manifesto con claridade un factor que no sucesivo vai ser determinante no debilitamento do proxecto político do Partido Popular, o pilar bipartidista que ainda está forte, o PP é un catch-all-party, partido atrapalotodo en castelán ou apañatodo en galego, duas das características fundamentais deste tipo de partidos, que aspiran a chegar a grandes maiorias que lles permitan gobernar en solitario é a redución da bagaxe ideolóxica e garantir o aceso a diversos grupos de interese de tal maneira que no aspecto ideolóxico búscase máis non causar rexeitamento que provocar adesión, e por outro lado, tratan de sumar á maior cantidade de grupos de interese co obxectivo de crear unha simbiose co partido, de mutuo interese para partido e lobby pero que perxudica ao conxunto da sociedade, ao condicionar as políticas públicas dese partido en favor dese grupo de interese ou de presión.


Para manter unha tupida rede de intereses que abarca todo o sector público e que penetra con moita profundidade no sector privado, contribuindo coa creación de incentivos non ligados á competitividade nos mercados libres, a dificultar o progreso económico dos individuos dese territorio, hai que dispor de moitos recursos económicos procedentes dos impostos para manter engraxadas as enormes redes clientelares do PP, en tempos de bonanza, hai para todos, hai tres anos a Louzán e a Fontenla, non se lles pasaría pola cabeza ter un enfrentamento público polos recursos fiscais que un ou outro consomen, pero se isto trascende á prensa, podemos imaxinar o que está acontecendo nas catacumbas do poder popular e o que cada vez acontecerá con máis forza ao estarmos ainda lonxe da fin da crise, estamos portanto ante un indicador de que está comezando a desatarse unha loita entre todos os sectores orgánicos, administrativos e de lobbies afins ao PP polos escasísimos recursos públicos.

Sinxelamente, comezan a escasear os recursos para colocar nas administracións a todos os afíns, para manter un carísimo e ineficiente entramado administrativo que PP e PSOE queren conservar a toda costa por interese propio, xa non chegan os cartos para seguir untando igualmente a todos os lobbies afins a uns e outros, hai que recurtar e todos saben que hai que recurtar, pero todos loitarán para non ser os danificados dos recurtes e non nos enganemos, esta será a única lóxica que guiará as decisións de políticas públicas do Partido Popular, igual que antes foi a única lóxica que guiou ao PSOE, ata que Merkel tomou cartas no asunto, antes os dirixentes do PSOE e agora os do PP non se farán a pregunta correcta que máis ou menos seria a seguinte; onde podo recurtar focalizando na eliminación de ineficiencias, privilexios e despilfarro? moi lonxe desta sensata e liberal pregunta plantexarán unha interrogante similar a esta outra; onde podo recurtar para non cabrear a quen me apoia porque defendo os seus intereses ou privilexios?

Desde logo, coa que está caendo, só alguén que se fai a segunda pregunta e non a primeira pode gastar seis millons de euros do erario público en campañas publicitarias institucionais (La Xunta encarga cuatro campañas de publicidad por seis millones de euros), o que acontece é que encontrar unha resposta plenamente satisfactoria á segunda pregunta é imposible coa míngua de ingresos das administracións e coa sua dificultade para se endebedar ainda máis, por exemplo, o PP coa sua selvaxe suba do IRPF acaba de incomodar ás clases medias, moitos deles votantes do PP, pero preferiu facelo antes de afectar ás suas bases de poder (por exemplo as deputacións), a gravidade da crise fai que preguntándose so á segunda pregunta vaian ter imposible non enfadar a cada vez máis individuos e grupos afíns ao mesmo tempo que ao evitar decisións necesarias pero lesivas para os seus intereses egoistas de partido, vaian contribuir a agravar a crise e/ou atrasar a saida da mesma.

Ademáis a crise coloca outra dificultade aos partidos apañatodo; a tremenda complicación para manter a indefinición ideolóxica, nun momento de bonanza pódese pasar de puntillas sobre determinados asuntos sen que isto teña consecuencias negativas pero nun momento como o actual os cidadáns queren escoitar propostas claras que se acheguen á sua forma de interpretación da realidade, é dicir, queren escoitar e ver como o partido que votaron aplica receitas que encaixen co seu paradigma interpretativo, por exemplo, segundo a doutrina liberal subir impostos é negativo per se, o PP levaba anos dicindo que subir impostos era unha barbaridade, un grave erro, moitas persoas de orientación liberal votáronos por iso, e agora estes estafados votantes encóntranse á semana da toma de pose, cun subidón de impostos progresivo, é dicir cunha política agresivamente socialdemocrata.

A crise deixou xa moi tocado ao PSOE, que non puido contentar á sua clientela, e agora deixará en non moito tempo moi tocado ao PP, que tampouco poderá contentar a toda a sua clientela, no barómetro de xaneiro do CIS, o PP xa caia dous puntos e o PSOE, lonxe de beneficiarse disto, continua caindo, un 0,8%, esta é unha situación praticamente sen precedentes na democracia española (salvo quizá o periodo 82-89 onde o lixeiro desgaste do PSOE non beneficiaba a AP por estar estes lonxe do centro político), os sistemas bipartidistas baseanse nunhas dinámicas que provocan que cando un dos dous elementos se desgasta o outro se beneficie, pero a crise que atravesamos desgasta ao que manda e impide recuperarse por falta de lexitimidade e credibilidade ao que mandou. 

O "bipartidismo apañatodo" sustentado nunhas enormes redes de clientes do estado e na indefinición ideolóxica está sofrendo e vai continuar sofrendo, o PSOE está inmerso nun xiro á esquerda, obrigado a dar respostas ideolóxicas á crise, o que contribuirá a desgastalo máis como opción de goberno e o que o achegará a competir no terreo de IU, que sairá beneficiada, pola sua maior "credibilidade" como opción de esquerdas. Á deriva esquerdista do PSOE poderiamoslle sumar unha deriva dereitista do PP se fracasa nesta lexislatura e recibe un forte castigo electoral, vexo un claro perigo de polarización , como xa comentei hai uns meses, as duas Españas, como nos mostra o caso Garzón e as reaccións ao mesmo, seguén ai.

O PP, pola sua parte, deixa o flanco liberal cada vez máis descoberto polas suas políticas de carácter estatista e intervencionista, xunto coa escasez de recursos que os leva e continuará a levar a subidas de impostos para financiar as suas políticas de favorecemento clientelar e de defensa de interesese (non creo que pase este ano sen unha suba do IVE) e a recurtes, como unha degradación da atención sanitaria, que afectarán inevitablemente tamén a grupos afins de todo tipo e nomeadamente a cidadáns empobrecidos que tamén votan PP, e que abundan en Galicia. 

A crise abre fendas no "benestar do estado" e no benestar dos amigos do estado (patronal, sindicatos, prensa pro-stablisment, partidos do statu quo, lobbies). O PP merece cair, igual que antes o mereceu o PSOE, isto non nos debe impedir avaliar con certo temor cal pode ser ese escenario pos-bipartidismo, no Pais Basco e Cataluña hai un sistema de partidos propio e de superior nivel ao español o que non nos debe extrañar xa que Euskadi e Cataluña están nun nivel superior en case todo, e que está saindo reforzado, no resto de España temos motivos para estar máis preocupados, o escenario está politicamente máis aberto que nunca desde a transición, neste momento os grandes beneficiados poden ser dous partidos de corte populista como IU e UPyD, o que non ten nada de tranquilizador, desde logo o perigo dunha deriva populista está ben presente, aos liberais galegos compétenos seguir traballando para ofrecer alternativas para tratar de evitar que o desgaste do statu quo no noso País, se vaia polo barranco suicida do populismo.

Contra os subsidios

Lía hai uns días nun xornal galego unha nova titulada El Reino Unido rechaza que Galicia tenga fondos de la UE en el 2014 , suponse que a reacción esperable ao ler esa noticia sería a de cabrearse moito coa pérfida Albión, porén eu pensei, que de acordo estou cos británicos!, ainda que intuo que eles non o din pensando no ben de Galicia, eu pensando precisamente no ben de Galicia estou absolutamente convicto de que o que precisamos é deixar de recibir subsidios.

Xa é dificil levar a conta da cantidade de anos que levamos recibindo subsidios por ser "rexión obxectivo número 1" da UE, tamén somos receptores dunha suposta solidariedade por parte das zonas máis ricas de España, da que falei nun artigo titulado  Solidariedade ou burla interterritorial?  sen embargo, non acabamos de converxer con España nen con Europa, pero isto é algo que non nos acontece só a nós, acontecelle en xeral a todas as rexións subvencionadas, lograron converxer, grazas ao maná de miles de millóns de Euros en subsidios, os PIGS (Portugal, Italy, Greece and Spain) con Alemaña, Dinamarca ou Holanda? lograron converxer Estremadura ou Andalucia despois de moitos anos de chuvia de millóns co Pais Basco, Navarra ou Cataluña? a resposta sen necesidade de aprofundar nas estatísticas oficiais é por todos sabida, é unha resposta clara e rotundamente negativa.

Algúns poderían argumentar que isto é así porque tal ou cal partido xestionou mal os fondos e abofé que os xestionaron mal pero é que os feitos mostran que non hai un só caso no que unha corrente constante de subsidios, condicionada a seguir sendo pobre, e que se transfiren por seguir sendo pobre, logran que ninguén deixe de ser pobre. Tiven hoxe un intercambio de opinións no facebook co meu apreciado ex-profesor de historia, Xosé Manoel Núñez Seixas, e el usou dous argumentos, un acusar ao PP do malbaratamento do diñeiro das subvencións e outro pór o exemplo do Plan Marshall, como proba do bo funcionamento do sistema de subsidios.

Na miña opinión o bipartito non foi mais responsable no uso de eses fondos que o PP, fixo un uso moi semellante, clientelismo e amiguismo por un tubo, non creo que o problema sexa das persoas ou dos partidos, case calquera faría o mesmo co mesmo sistema, o problema é do esquema. Eu como liberal e ainda que teño en alta estima ao meu partido e a capacidade intelectual e integridade humana dos seus integrantes non me atrevería a dicir que Converxencia XXI faría un uso excelente deses fondos, a esquerda, sen embargo, cre que eles son mellores persoas que os de dereitas ou os malévolos neoliberais pero isto non soporta a máis mínima análise, poderiamos falar do uso que a esquerda fixo deses fondos en Andalucia, Estremadura ou a Mancha.

                 


Alegreime de que o profesor sacase o exemplo do Plan Marshall, as axudas que os norteamericanos deron á Alemaña ocidental xusto despois da II Guerra Mundial para colaborar á reconstrución do País, sempre o uso, para argumentar que o sistema de subsidios só pode funcionar se desde o principio teñen un fin claro e determinado no tempo, é dicir, se o subvencionado sabe que ten un periodo moi limitado para aproveitalos e que se non os aproveita realmente ben, alá él, non haberá máis por pobre que continue a ser, ademais despois da destrucion dunha guerra as prioridades están claras; a reconstrución, mentres que noutras situacións as prioridades non están tan claras facilitando o esbanxamento do diñeiro.

Caso moi diferente é o das transferencias dentro de España ou de Europa, as transferencias consíguense sendo pobre e revisanse temporalmente en función de seguir sendo pobre, o que obviamente crea un incentivo para seguir sendo pobre, de feito aqui a prensa e os políticos do statu quo poñense moi contentes por seguir sendo pobres porque iso garante seguir recibindo diñeiro fresco dos alemáns a cambio de nada. Isto crea unha industria da caza do subsidio, que fomenta a corrupción e dana o funcionamento saudable da democracia e desincentiva a creación sustentable de riqueza.

A diferenza entre o Plan Marshall e o sistema de transferencias dentro da UE ou de España é abismal, é unha cuestión de incentivos, imaxinemos que eu lle digo a un home que lle vou dar unha vez 100.000 euros e con iso ten que sair adiante, porque cando o acabe non lle vou dar máis, este vai pór a mente a funcionar a tope para maximizar eses 100.000 € porque está incentivado a facelo, precisa facelo, pola contra poñamos outro caso no que lle dou a outro tamén 100.000 € pero digolle que dentro de cinco anos avaliarei a sua situación e dependendo do pobre que sexa dareille máis ou menos cantidade, obviamente é unha forma de incentivar a pobreza, de premiar a pobreza, e abofé que funciona o incentivo, despois de moitos anos os territorios fortemente subsidiados non converxen e non só iso, logran que a mentalidade predominante sexa a de buscar eses subsidios que case sempre acaban nas mans do máis afin ao poder político de turno, para que os partidos e os políticos galegos do statu quo continuen a garantir fidelidades e a pagar favores con diñeiro alemán.

Rajoy, o monolingüe

A anédota do presidente do goberno central dicíndolle en castelán ao primeiro ministro finlandés que a reforma laboral lle ia custar unha folga, fíxome lembrar un artigo que escribira hai case tres anos onde falaba do monolinguismo do señor Rajoy, ou sexa, a sua capacidade, sen dúbida moi limitada para un presidente dun estado europeo  do século XXI, de se expresar unicamente en castelán.

De costas o tradutor, enfrente Jyri Katainen e á dereita Mariano Rajoy.

Porén cando vin a imaxe na que el falaba co primeiro ministro escandinavo decateime que había unha terceira persoa e debo ser moi ben pensado porque inicialmente crin que seria outro alto cargo finlandés ou doutro estado presente na cimeira europea, tamén pensei nun primeiro momento que o rótulo que puñan nas televisións coa frase "la laboral me va a costar una huelga general" sería para facilitar a comprensión por parte dos televidentes porque Rajoy estaría falando en inglés, a miña mente negábase a aceptar que o ex-presidente da deputación de Pontevedra ainda non se tivese posto a aprender inglés, pero resultou que estaba errado, o terceiro home, o que está de costas é un tradutor e o letreiro só reproducía literalmente as palabras do presidente pronunciadas en correcta cervantina, entón lembreime do artigo titulado que publicara en abril do 2009 titulado "Rajoy, o monolingüe"  que reproduzo a continuación: 

O outro día decidín ver o programa “Tengo una pregunta para usted” de TVE, ademais de ser eu alguén bastante politizado este é un formato que me atrae especialmente xa que a espontaneidade e audacia dalgún participante pode chegar a meter nun apreto ao líder de turno, cousa que nunha entrevista xornalística normal en España é máis ben complicado, o que non acontece, por pór un exemplo, en Portugal ou no Reino Unido, onde os xornalistas son verdadeiramente incisivos nas entrevistas, como no Hard Talk da BBC onde, como o seu nome indica, o xornalista non anda con díxomes díxomes.
Pois ben, o convidado do outro día no programa da TVE era o noso paisano Mariano Rajoy Brey, aínda que non puiden tirar conclusións nada claras, por exemplo, de cales son as políticas públicas que o seu partido propón para contribuír desde as institucións do estado a saír da grave crise pola que atravesamos, si houbo unha pregunta que me fixo, por fin, entender todo o posicionamento lingüístico do líder do Partido Popular, e por ende, do seu partido. Un participante preguntoulle a Rajoy se sabía falar inglés, e a reposta foi negativa, ¡resulta que Rajoy non sabe falar inglés!, segundo el, porque na súa época o que se estudaba era o francés, o intrépido participante non quedou por aí e inquiriu ao presidente do PP se cría que sin saber inglés ía ser capaz de representar a España adecuadamente nos foros internacionais, o entrevistado non mostrou nin o máis mínimo asomo de vergoña ou de propósito de emenda. 


Eu sempre crera, ata ese fatídico día, que Rajoy fora practicamente o único deputado da historia do Parlamento de Galicia que nunca falara galego porque simplemente desprezaba a nosa lingua, pero agora doume conta que estaba nun erro, e todo se debe a que na súa época o que se estudaba era o castelán, o problema de Rajoy co galego resulta que é que non o sabe falar, hai que ver o mal pensado que son. 


Parece que, ao menos, desde o punto de vista lingüístico, quen aspira a presidir España e quen supoño que aspirará a representar ao estado en todos os foros internacionais, non evoluiu nadiña desde que ía ao instituto. Rajoy cando acabou o instituto foi á Universidade onde estudou dereito, ao rematar a carreira preparou as oposicións para Rexistrador da Propiedade, que segundo os entendidos é unha das oposicións máis complicadas, o noso protagonista pasou esta difícil proba con tan só vintecatro anos, polo que hai dúas cousas que lle teremos que presupor, a capacidade memorística e a de traballo. 


Para aprender calquera cousa dúas son as condicións necesarias: capacidade e interese, Rajoy tiña interese en ser rexistrador, pero parece que non tiña nin ten un interese nin parecido nas linguas, ao menos, en ningunha lingua que non sexa o español, venme á mente o caso do andaluz José Montilla que preside a Generalitat toma clases de catalán a diario, é un exemplo dun home con pouco tempo, como Rajoy, pero que si ten interese en aprender algo que considera imprescindible para o exercicio do seu cargo. 


Voltando ao programa da tele e vendo a cantidade de veces que usou os termos nación, patriotismo, mesmo con frases como; “España es una gran nación” e outras similares podemos facer unha análise psicolingüística para averiguar cal é a fonte desa desmotivación para non estudar idiomas, todo apunta na mesma dirección: a súa ideoloxía. ¿Non pode ser que a falta de interese de Rajoy por ampliar a súa capacidade de intercomunicación na casa e fora non teña algo que ver coa súa ideoloxía españolista ou nacionalista española?, ¿non pode ser a cerrazón e falta de horizontes desa ideoloxía a que provoque que Rajoy aspire a ser o único presidente do goberno ou primeiro ministro dun estado da UE que non saiba inglés?, ¿non era esa ideoloxía a que informaba os contidos educativos na “época” de Rajoy?, ¿e a que ordenou a dobraxe de todas as películas para evitar a contaminación dos españois coas linguas estranxeiras como literalmente rezaba o correspondente decreto da ditadura?. 


E é que o españolismo non só rexeita as linguas domésticas que non son o castelán, acabamos vendo que tamén rexeita, aínda que dunha forma máis disimulada, as linguas que máis poden facilitar a intercomunicación a nivel internacional e que, no seu foro interno, consideran competencia da súa lingua nacional, o español. O estado español pecha todas as clasificacións da UE no que a dominio de linguas foráneas se refire e a pauta repítese; Suárez, Felipe González, Aznar, Zapatero non sabían inglés cando ocuparon ou ocupan o cargo de presidentes e Rajoy quere ser presidente no 2012 sin saber inglés. Que contraste con Arzalluz e Pujol, de xeracións similares ou anteriores que saben falar inglés, francés, alemán, español e vasco nun caso e catalán no outro, ¿quen é o cerrado?, ¿quen é o falto de miras?, ¿quen é o que ve fronteiras en todas partes?. 


Lémbrome da famosa nena de Rajoy da última campaña das xerais, seguro que o seu peor pesadelo seria que esa nena falase galego, e poida que non tivese moito interese en que falase inglés, a min gustaríame que se algún día teño unha nena fale galego con naturalidade e sin complexo de parecer “un gallego profundo” termo acuñado polo secretario de Relacións Internacionais do PP Jorge Moragas, e que ademais saiba falar español e inglés, isto se non ten moito interese polas linguas, porque son dos que creo que o ensino obrigatorio galego ten que garantir o dominio universal destas tres linguas para que no futuro a nosa cidadanía teña a liberdade real de escoller en que idioma quere expresarse na casa e fora, algo que ao españolismo nunca lle preocupou, ¿non señor Feijóo?.