Contra os subsidios

Lía hai uns días nun xornal galego unha nova titulada El Reino Unido rechaza que Galicia tenga fondos de la UE en el 2014 , suponse que a reacción esperable ao ler esa noticia sería a de cabrearse moito coa pérfida Albión, porén eu pensei, que de acordo estou cos británicos!, ainda que intuo que eles non o din pensando no ben de Galicia, eu pensando precisamente no ben de Galicia estou absolutamente convicto de que o que precisamos é deixar de recibir subsidios.

Xa é dificil levar a conta da cantidade de anos que levamos recibindo subsidios por ser "rexión obxectivo número 1" da UE, tamén somos receptores dunha suposta solidariedade por parte das zonas máis ricas de España, da que falei nun artigo titulado  Solidariedade ou burla interterritorial?  sen embargo, non acabamos de converxer con España nen con Europa, pero isto é algo que non nos acontece só a nós, acontecelle en xeral a todas as rexións subvencionadas, lograron converxer, grazas ao maná de miles de millóns de Euros en subsidios, os PIGS (Portugal, Italy, Greece and Spain) con Alemaña, Dinamarca ou Holanda? lograron converxer Estremadura ou Andalucia despois de moitos anos de chuvia de millóns co Pais Basco, Navarra ou Cataluña? a resposta sen necesidade de aprofundar nas estatísticas oficiais é por todos sabida, é unha resposta clara e rotundamente negativa.

Algúns poderían argumentar que isto é así porque tal ou cal partido xestionou mal os fondos e abofé que os xestionaron mal pero é que os feitos mostran que non hai un só caso no que unha corrente constante de subsidios, condicionada a seguir sendo pobre, e que se transfiren por seguir sendo pobre, logran que ninguén deixe de ser pobre. Tiven hoxe un intercambio de opinións no facebook co meu apreciado ex-profesor de historia, Xosé Manoel Núñez Seixas, e el usou dous argumentos, un acusar ao PP do malbaratamento do diñeiro das subvencións e outro pór o exemplo do Plan Marshall, como proba do bo funcionamento do sistema de subsidios.

Na miña opinión o bipartito non foi mais responsable no uso de eses fondos que o PP, fixo un uso moi semellante, clientelismo e amiguismo por un tubo, non creo que o problema sexa das persoas ou dos partidos, case calquera faría o mesmo co mesmo sistema, o problema é do esquema. Eu como liberal e ainda que teño en alta estima ao meu partido e a capacidade intelectual e integridade humana dos seus integrantes non me atrevería a dicir que Converxencia XXI faría un uso excelente deses fondos, a esquerda, sen embargo, cre que eles son mellores persoas que os de dereitas ou os malévolos neoliberais pero isto non soporta a máis mínima análise, poderiamos falar do uso que a esquerda fixo deses fondos en Andalucia, Estremadura ou a Mancha.

                 


Alegreime de que o profesor sacase o exemplo do Plan Marshall, as axudas que os norteamericanos deron á Alemaña ocidental xusto despois da II Guerra Mundial para colaborar á reconstrución do País, sempre o uso, para argumentar que o sistema de subsidios só pode funcionar se desde o principio teñen un fin claro e determinado no tempo, é dicir, se o subvencionado sabe que ten un periodo moi limitado para aproveitalos e que se non os aproveita realmente ben, alá él, non haberá máis por pobre que continue a ser, ademais despois da destrucion dunha guerra as prioridades están claras; a reconstrución, mentres que noutras situacións as prioridades non están tan claras facilitando o esbanxamento do diñeiro.

Caso moi diferente é o das transferencias dentro de España ou de Europa, as transferencias consíguense sendo pobre e revisanse temporalmente en función de seguir sendo pobre, o que obviamente crea un incentivo para seguir sendo pobre, de feito aqui a prensa e os políticos do statu quo poñense moi contentes por seguir sendo pobres porque iso garante seguir recibindo diñeiro fresco dos alemáns a cambio de nada. Isto crea unha industria da caza do subsidio, que fomenta a corrupción e dana o funcionamento saudable da democracia e desincentiva a creación sustentable de riqueza.

A diferenza entre o Plan Marshall e o sistema de transferencias dentro da UE ou de España é abismal, é unha cuestión de incentivos, imaxinemos que eu lle digo a un home que lle vou dar unha vez 100.000 euros e con iso ten que sair adiante, porque cando o acabe non lle vou dar máis, este vai pór a mente a funcionar a tope para maximizar eses 100.000 € porque está incentivado a facelo, precisa facelo, pola contra poñamos outro caso no que lle dou a outro tamén 100.000 € pero digolle que dentro de cinco anos avaliarei a sua situación e dependendo do pobre que sexa dareille máis ou menos cantidade, obviamente é unha forma de incentivar a pobreza, de premiar a pobreza, e abofé que funciona o incentivo, despois de moitos anos os territorios fortemente subsidiados non converxen e non só iso, logran que a mentalidade predominante sexa a de buscar eses subsidios que case sempre acaban nas mans do máis afin ao poder político de turno, para que os partidos e os políticos galegos do statu quo continuen a garantir fidelidades e a pagar favores con diñeiro alemán.

No comments:

Post a Comment

podes deixar aqui a tua opinión,