O PP tamén caerá

Son moi evidentes e sinxelas de ver as consecuencias negativas da crise, porén, a crise tamén ten consecuencias positivas xa que crea contradicións no seo do statu quo conservador do País, non ten prezo ler como Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG),  pide o vaciado de contido das deputacións e a Louzán, como resposta, atacando á patronal polas elevadísimas axudas públicas que recebe, o que pon de manifesto con claridade un factor que no sucesivo vai ser determinante no debilitamento do proxecto político do Partido Popular, o pilar bipartidista que ainda está forte, o PP é un catch-all-party, partido atrapalotodo en castelán ou apañatodo en galego, duas das características fundamentais deste tipo de partidos, que aspiran a chegar a grandes maiorias que lles permitan gobernar en solitario é a redución da bagaxe ideolóxica e garantir o aceso a diversos grupos de interese de tal maneira que no aspecto ideolóxico búscase máis non causar rexeitamento que provocar adesión, e por outro lado, tratan de sumar á maior cantidade de grupos de interese co obxectivo de crear unha simbiose co partido, de mutuo interese para partido e lobby pero que perxudica ao conxunto da sociedade, ao condicionar as políticas públicas dese partido en favor dese grupo de interese ou de presión.


Para manter unha tupida rede de intereses que abarca todo o sector público e que penetra con moita profundidade no sector privado, contribuindo coa creación de incentivos non ligados á competitividade nos mercados libres, a dificultar o progreso económico dos individuos dese territorio, hai que dispor de moitos recursos económicos procedentes dos impostos para manter engraxadas as enormes redes clientelares do PP, en tempos de bonanza, hai para todos, hai tres anos a Louzán e a Fontenla, non se lles pasaría pola cabeza ter un enfrentamento público polos recursos fiscais que un ou outro consomen, pero se isto trascende á prensa, podemos imaxinar o que está acontecendo nas catacumbas do poder popular e o que cada vez acontecerá con máis forza ao estarmos ainda lonxe da fin da crise, estamos portanto ante un indicador de que está comezando a desatarse unha loita entre todos os sectores orgánicos, administrativos e de lobbies afins ao PP polos escasísimos recursos públicos.

Sinxelamente, comezan a escasear os recursos para colocar nas administracións a todos os afíns, para manter un carísimo e ineficiente entramado administrativo que PP e PSOE queren conservar a toda costa por interese propio, xa non chegan os cartos para seguir untando igualmente a todos os lobbies afins a uns e outros, hai que recurtar e todos saben que hai que recurtar, pero todos loitarán para non ser os danificados dos recurtes e non nos enganemos, esta será a única lóxica que guiará as decisións de políticas públicas do Partido Popular, igual que antes foi a única lóxica que guiou ao PSOE, ata que Merkel tomou cartas no asunto, antes os dirixentes do PSOE e agora os do PP non se farán a pregunta correcta que máis ou menos seria a seguinte; onde podo recurtar focalizando na eliminación de ineficiencias, privilexios e despilfarro? moi lonxe desta sensata e liberal pregunta plantexarán unha interrogante similar a esta outra; onde podo recurtar para non cabrear a quen me apoia porque defendo os seus intereses ou privilexios?

Desde logo, coa que está caendo, só alguén que se fai a segunda pregunta e non a primeira pode gastar seis millons de euros do erario público en campañas publicitarias institucionais (La Xunta encarga cuatro campañas de publicidad por seis millones de euros), o que acontece é que encontrar unha resposta plenamente satisfactoria á segunda pregunta é imposible coa míngua de ingresos das administracións e coa sua dificultade para se endebedar ainda máis, por exemplo, o PP coa sua selvaxe suba do IRPF acaba de incomodar ás clases medias, moitos deles votantes do PP, pero preferiu facelo antes de afectar ás suas bases de poder (por exemplo as deputacións), a gravidade da crise fai que preguntándose so á segunda pregunta vaian ter imposible non enfadar a cada vez máis individuos e grupos afíns ao mesmo tempo que ao evitar decisións necesarias pero lesivas para os seus intereses egoistas de partido, vaian contribuir a agravar a crise e/ou atrasar a saida da mesma.

Ademáis a crise coloca outra dificultade aos partidos apañatodo; a tremenda complicación para manter a indefinición ideolóxica, nun momento de bonanza pódese pasar de puntillas sobre determinados asuntos sen que isto teña consecuencias negativas pero nun momento como o actual os cidadáns queren escoitar propostas claras que se acheguen á sua forma de interpretación da realidade, é dicir, queren escoitar e ver como o partido que votaron aplica receitas que encaixen co seu paradigma interpretativo, por exemplo, segundo a doutrina liberal subir impostos é negativo per se, o PP levaba anos dicindo que subir impostos era unha barbaridade, un grave erro, moitas persoas de orientación liberal votáronos por iso, e agora estes estafados votantes encóntranse á semana da toma de pose, cun subidón de impostos progresivo, é dicir cunha política agresivamente socialdemocrata.

A crise deixou xa moi tocado ao PSOE, que non puido contentar á sua clientela, e agora deixará en non moito tempo moi tocado ao PP, que tampouco poderá contentar a toda a sua clientela, no barómetro de xaneiro do CIS, o PP xa caia dous puntos e o PSOE, lonxe de beneficiarse disto, continua caindo, un 0,8%, esta é unha situación praticamente sen precedentes na democracia española (salvo quizá o periodo 82-89 onde o lixeiro desgaste do PSOE non beneficiaba a AP por estar estes lonxe do centro político), os sistemas bipartidistas baseanse nunhas dinámicas que provocan que cando un dos dous elementos se desgasta o outro se beneficie, pero a crise que atravesamos desgasta ao que manda e impide recuperarse por falta de lexitimidade e credibilidade ao que mandou. 

O "bipartidismo apañatodo" sustentado nunhas enormes redes de clientes do estado e na indefinición ideolóxica está sofrendo e vai continuar sofrendo, o PSOE está inmerso nun xiro á esquerda, obrigado a dar respostas ideolóxicas á crise, o que contribuirá a desgastalo máis como opción de goberno e o que o achegará a competir no terreo de IU, que sairá beneficiada, pola sua maior "credibilidade" como opción de esquerdas. Á deriva esquerdista do PSOE poderiamoslle sumar unha deriva dereitista do PP se fracasa nesta lexislatura e recibe un forte castigo electoral, vexo un claro perigo de polarización , como xa comentei hai uns meses, as duas Españas, como nos mostra o caso Garzón e as reaccións ao mesmo, seguén ai.

O PP, pola sua parte, deixa o flanco liberal cada vez máis descoberto polas suas políticas de carácter estatista e intervencionista, xunto coa escasez de recursos que os leva e continuará a levar a subidas de impostos para financiar as suas políticas de favorecemento clientelar e de defensa de interesese (non creo que pase este ano sen unha suba do IVE) e a recurtes, como unha degradación da atención sanitaria, que afectarán inevitablemente tamén a grupos afins de todo tipo e nomeadamente a cidadáns empobrecidos que tamén votan PP, e que abundan en Galicia. 

A crise abre fendas no "benestar do estado" e no benestar dos amigos do estado (patronal, sindicatos, prensa pro-stablisment, partidos do statu quo, lobbies). O PP merece cair, igual que antes o mereceu o PSOE, isto non nos debe impedir avaliar con certo temor cal pode ser ese escenario pos-bipartidismo, no Pais Basco e Cataluña hai un sistema de partidos propio e de superior nivel ao español o que non nos debe extrañar xa que Euskadi e Cataluña están nun nivel superior en case todo, e que está saindo reforzado, no resto de España temos motivos para estar máis preocupados, o escenario está politicamente máis aberto que nunca desde a transición, neste momento os grandes beneficiados poden ser dous partidos de corte populista como IU e UPyD, o que non ten nada de tranquilizador, desde logo o perigo dunha deriva populista está ben presente, aos liberais galegos compétenos seguir traballando para ofrecer alternativas para tratar de evitar que o desgaste do statu quo no noso País, se vaia polo barranco suicida do populismo.

No comments:

Post a Comment

podes deixar aqui a tua opinión,