Visita a Versmold - Alemaña

Os pasados días 24 e 25 de febreiro formei parte dunha delegación do concello de Tui que se desprazou a Versmold , concello alemán sito no land de Renania do norte-Westfalia, o mais poboado de toda Alemaña con dezaoito millóns de habitantes e cunha extensión un pouco maior que a de Galicia. O billete de avión foi pago para cada un dos integrantes da comitiva e da estadia ali encargaronse os contribuintes alemáns.

Escudo de Versmold

A iniciativa para que Tui e Versmold iniciasen contactos correspondeu inicialmente a un cidadán da parroquia tudense de Paramos afincado na localidade alemá desde longa data, Oswaldo Fernández, arredor de duascentas persoas compoñen a comunidade española en Versmold, a grande maioria dos cales son galegos, distinguiría tres grupos, os que chegaron a Alemaña nos anos 70, os seus fillos, e xente nova criada en Galicia que está agora indo para alí en busca de traballo nomeadamente na potentísima industria charcuteira da localidade.

Monumento ao porco e aos charcuteiros


Versmold non é unha localidade histórica, pero o seu urbanismo é exemplar, de feito o cuidado urbanismo deu lugar a un par de chanzas dentro do ambiente distendido da visita, un concelleiro da oposición dixolle ao alcalde que se chegara por ali Provitui e fixera un par de mamotretos no medio da vila xa escarallaría todo, eu comenteille aos "populares" que formaban parte da comitiva que por máis que miraba e paseaba non daba encontrado un adoquin solto como os que en Tui podemos ver por doquer. Esta anédota sírveme para defender este tipo de visitas xa que deberían contribuir a ampliar a perspectiva dos gobernantes e a observar polos seus propios ollos que se pode xestionar moito mellor do que eles fan.


Taboleiro informativo do Partido Liberal Alemán 
Dentro do programa de actos destacaria unha reunión con concelleiros un dos cales, Heiner Kamp, une á sua condición de edil, a condición de membro do FDP (Partido Liberal Alemán) e deputado no Bundestag (parlamento nacional) no que se dedica fundamentalmente a cuestións de tipo laboral.  Nesa reunión tiven oportunidade de agradecer aos alemáns ali presentes  no meu nome e no dos liberais galegos. o esforzo que están a facer para tratar de disciplinar aos paises do sul de Europa, ademáis de comentar que as poucas reformas de calado que tanto os gobernos de Zapatero como o de Rajoy fixeron foron debidas case en exclusiva á presión do goberno Merkel.


Nesa reunión tamén estaba un representante do empresariado da zona e acordouse comezar a traballar na liña de intercambiar información sobre os perfis laborais demandados en Versmold e os perfis curriculares dos desempregados de Tui e que poderían ser susceptibles de desprazarse a Alemaña para mellorar a sua situación. Pola parte que me toca estarei vixilante para que pola parte tudense se produza efectivamente este traballo, que non é tan sinxelo como parece, xa que tamén hai que explicarlle aos alemáns que coñecementos se corresponden na prática cos títulos españois.

Fixemos tamén unha visita a unha zona industrial, visitamos a fábrica de Nölke e o que máis me chamou a atención foi a concentración espacial dos fabricantes dos enchidos e dos seus fornecedores, desde o fornecedor de loxística, Nagel, a maior empresa europea de loxística de frio que ten a sua central en Versmold, e unha nave ao lado de cada fabricante de enchidos, tamén están moi perto, o fornecedor do sal, o das embalaxes, o da tripa sintética, etc. Un modelo industrial que aqui só coñecemos, e máis parcialmente, en sectores de industria pesada, como o do automóbil ou o do naval.



Tamén visitamos as excelentes instalacións deportivas, destacaria o pavillón polideportivo inaugurado recentemente e que se alimenta enerxeticamente de paneles solares fotovoltaicos e dunha caldeira de pellets, está patrocinado pola caixa de aforros local que lle pon nome a cambio dunha aportación anual de 75.000 €.



Como case todo nesta vida, esta visita pode ficar nunha anédota ou pode chegar a ser frutífera para ambas localidades, o alcalde de Versmold, o socialdemócrata Thorsten Klute, que ten tan só 32 anos e unha grande capacidade política, solicitou que se puidese comezar canto antes cun intercambio de bolseiros entre os dous concellos, outra boa idea que haberá que estar atentos para ver se efectivamente se implementa e non é dos alemáns dos que desconfio.


No comments:

Post a Comment

podes deixar aqui a tua opinión,