Intervención no pleno do 31/05/2012



2.- Dictame da Comisión Informativa de Urbanismo, obras, contratación e servizos municipais sobre aprobación inicial da Ordenanza Municipal Reguladora de Terrazas na vía pública.

Desde CXXI somos moi críticos con esta proposta, para sermos moi claros, parécenos un argucia para favorecer os intereses de determinados negocios, casualmente, negocios de persoas afíns ao PP en detrimento doutros negocios, doutros bares. Outro exemplo de como o estado, o poder público, neste caso, un concello, non é neutral, non é un ente benéfico que está ai para axudarnos, coa aplicación das diversas regulacións, senón que serve de intermediario para a defensa de determinados intereses en detrimento dos intereses de outros cidadáns.

Pero porque digo eu todo isto? Porque lanzo unhas acusacións tan graves? Porque hai varios elementos na sua proposta de ordenanza que lles deixan a vostedes a discrecionalidade para facer o que queiran na aplicación da norma, é dicir, é unha norma moi restritiva que xa lles adianto que non cumprirán, pero que lles servirá como elemento disuasorio, como ameaza velada contra aqueles que protesten.



Comezarei analizando a proposta polo seu artigo 12.1, é dicir aquel no que están reflectidas as condicións xerais da ubicación, segundo di ai autoridade municipal competente denegará a autorización destas instalacións temporais no suposto de que para a sua atención supoña cruzar a calzada, ou sexa, para facernos unha idea do que isto implica, podemos por un exemplo, se vostedes aproban e despois cumpren a sua proposta de ordenanza, dos negocios que instalan terraza na contorna do palco da música, que se as miñas contas non fallan son 4, so un non ten que cruzar nengunha calzada, é dicir, bonita forma de outorgarlle un monopolio a alguén que, como todo o mundo sabe, está moi ben relacionado con vostedes. Ai que ver como lles gusta aos partidos intervencionistas, disfrazar a arbitrariedade de legalidade.

É moi posible que despois vostedes incumpran a norma que hoxe aprobarán, pero claro, xa estarán en posición de poder para venderlle o favor e para ter coaccionados a tres pequenos negocios que precisan cruzar calzadas para atender terrazas nesa zona, ao que poderiamos sumar un cuarto moi próximo, o que ten a terraza na praza dos xulgados e algúns outros no casco urbano. Os calificativos que se me ocorren son demasiado fortes para dicilos no pleno, digamos só que me lembran un video que vin hai pouco en Youtube onde se defendia que o estado era pior que a mafia.

Ademáis nos artigos 6.1 e 6.2 vostedes introducen unha limitación de mesas en función dos metros de fachada que perxudicarían gravemente a algún establecemento en concreto para beneficiar a outro que aspira a usar a mesma zona. Establecen uns ratios de número de mesas relacionados cos metros de fachada que desde CXXI cremos que está tamén pensado para perxudicar a uns en beneficio doutros, bares especialmente perxudicados serian aqueles con pouca fachada pero unha zona ampla onde poder pór unha terraza. Casualmente ou non tan casualmente os mesmos tres que na actualidade cruzan a calzada para atender as suas terrazas. Para, por expor un exemplo, un local con sete metros e medio de fachada poderia colocar nunha fila catro mesas e se puidera colocar duas filas serían 7 mesas, na actualidade hai algún negocio con eses mesmos metros de fachada que pode colocar un máximo de 22. Neste tema haberá un voto particular de CXXI para suprimir eses arbitrarios ratios que vostedes fixan.

Non obstante, e como non podia ser doutra maneira coñecendoos a vostedes, introducen un elemento de discrecionalidade máis, no artigo 12.2.d din que excepcionalmente e previo informe técnico, poderase permitir que a liña de fachada do establecemento, é dicir, ai teñen o elemento de discrecionalidade para acabar de convertir esta ordenanza nun elemento coercitivo e de control social e non de regulación limpa e obxectiva dunha faceta da vida cidadá.

A boa regulación aporta seguridade xurídica, a mala regulación aporta incertidume, e esta ordenanza só aportará incertidume e inseguridade xurídica a un número importante dos bares que actualmente rexentan unha terraza en Tui e vostedes fano a mala fé.

Evidentemente Converxencia XXI votará negativamente esta ordenanza.

VOTOS PARTICULARES:
No artigo 6.1 establecen un factor para as terrazas cunha fila. (voto particular CXXI) .
No artigo 6.2 establecen un factor para as terrazas con duas filas. (voto particular CXXI).


3.- Dictame da Comisión Informativa de Urbanismo, obras, contratación e servizos municipais sobre aprobación inicial da Ordenanza Municipal Reguladora da Convivencia Cidadá nos espazos públicos do Concello de Tui.

Desde Converxencia XXI e en primeiro lugar quixeramos subliñar o Informe da policia municipal, pondo de manifesto a insuficiencia de persoal para cumprila integramente

A ordenanza en xeral parécenos moi intervencionista e autoritaria, a norma que vostedes propoñen aqui deixa en varias ocasións á discrecionalidade do poder a interpretación de determinados acontecementos, esta ordenanza poderia moi ben servir, nun contexto social movido, do que poderiamos non estar moi lonxe como consecuencia da grave crise causada pola nefasta xestión do Reino de España comandada durante trinta anos por PP e PSOE, para cometer determinados abusos de autoridade sobre a cidadanía.

A norma é moi interpretable, como non podia ser doutra maneira vindo de vostedes, ao ser interpretable permitiralles exercer o poder con total discrecionalidade e arbitrariedade.

Comezarei comentando a frase na que CXXI, presenta conxuntamente co BNG, un voto particular, no parágrafo onde di: "Ao longo desta ordenanza tratanse os diferentes temas que alteran a convivencia cidadá: a concentración de persoas na via pública, a contaminación acústica, a degradación visual do entorno urbano, etc. A nós preocupanos que se poña asi sen matices que a concentración de persoas na via pública como algo que altera a convivencia cidadá, isto para nos revela un trasfondo autoritario e pode servir como excusa, para nun contexto determinado, limitar a liberdade de reunión.

Indo xa concretamente ao artigo 4 (páxina 5 do regulamento) onde se regula a concentración de persoas na via pública mencionan ao menos en tres ocasión a palabra bebida sen especificar se son as alcohólicas ou todas as que se restrinxen, "queda prohibida a permanencia ou concentración de persoas en espazos de dominio público consumindo bebidas de calquera tipo" é dicir, con este regulamento na man, se hai un grupo de deportistas ou peregrinos bebendo auga ou unha bebida isotónica vostedes poderian sancionalos, ou se diante do concello hai unha concentración de viciños que protesta por calquera motivo e están bebendo auga e refrescos pois tamén poderian sancionalos.

Tamén compre reseñar o aspecto do réxime sancionador que como tanto lles gosta a vostedes conten unha enormes doses de discrecionalidade e unhas inmensas posibilidades de ser arbitrario en función da sua comenencia política, a imposición das sancións previstas nesta ordenanza guiarase pola aplicación do principio de proporcionalidade e en todo caso terase en conta os criterios de gradación seguinte: a gravidade da infración, a existencia de intencionalidade, a natureza dos prexuizos causados, a transcendencia da infración, a reincidencia e o beneficio obtido. Claro, o marxe de discrecionalidade para aumentar ou diminuir a sanción en función das apetencias de que goberne no concello son enormes. Vostedes con esta ordenanza, igual que coa anterior e coa posterior o que crean é un entorno de inseguridade xurídica no que para non ter problemas co concello hai que levarse ben co PP, pois que queren que lles diga, isto é absolutamente intolerable e vergoñento.

Hai un voto particular conxunto de CXXI e do BNG: supresión da frase "concentración de persoas na vía pública"

Naturalmente e entendendo que esta ordenanza abre un campo para os abusos de poder do concello sobre os cidadáns e sobre a limitación das liberdades cidadáns, o voto de Converxencia XXI será negativo.

4.- Dictame da Comisión Informativa de Urbanismo, obras, contratación e servizos municipais sobre modificación do Regulamento de Venta Ambulante do Concello de Tui.

EN CXXI tampouico gostamos desta ordenanza, no gostamos do artigo 5, onde se lle volta a dar campo para a arbitrariedade do concello, onde se di: "fora do recinto destinado á venda ambulante non se permitirá a mesma, agás naqueles supostos, que de forma temporal e provisional, acorde conceder o alcalde da corporación, que o fará en cada caso de forma discrecional" ou sexa que vostede pode autorizar a venda exactamente no mesmo lugar que lla tivera denegado a outro solicitante e iso discrecionalmente, sen ter que dar nengunha explicación, sinxelamente de pena, señor alcalde, o que busca vostede é acumular poder discrecional e ese poder discrecional é inimigo da liberdade e da democracia e xa lle anuncio que CXXI fará o posible de combatelo.

Continuando o artigo 6, "queda prohibida a venda de produtos alimenticios en xeral, a excepción dos propios do campo da zona ou comarca" outra restrición da liberdade e da concorrencia máis, a a segunda decisión nesta no prazo dunha semana que favorece a unha empresa determinada, vostedes pasanlle un aceso por diante a un hiper e agora prohiben que se lles faga a concorrencia no mercado dos xoves. Isto é intervencionismo, isto é antiliberalismo e isto é arbitrariedade ao servizo de determinados intereseses.

É por isto que Converxencia XXI tamén votará negativamente este punto da orde do día.

5.- Dictame da Comisión Informativa de Urbanismo, obras, contratación e servizos municipais sobre proposta da Alcaldía sobre adopción de acordo en relación ó proxecto de reforma das actuais demarcacións xudiciais.

Neste punto contará co apoio de CXXI e non simplemente pola demagoxia facil e localista, se nalgo cremos, desde un punto de vista liberal, que o estado debe fornecer un servizo de moita mellor calidade que o actual é precisamente na administración de xustiza, xa que unha xustiza axil e eficaz é un elemento fulcral para o desenvolvemento económico, este pleno e as propostas que o PP trae a él é un magnífico exemplo de como a administración pública se mete en moitos sitios onde non se debería meter, como a restricion de determinadas liberdades, como non poder vender por exemplo queixo manchego na feira dos xoves, segundo o regulamento que acaban de aprobar, ou non poder atender unha terraza se hai unha calzada no medio e sen embargo non se mete na modernización pendente e urxente dunha administración de xustiza cun nivel de axilidade e de informatización actualmente terceiromundista.

Pola información que nos temos, nen Porriño, nen Ponteareas, nen Tui teñen un edificio que puidese permitir concentrar os xulgados que actualmente están nas tres localidades, polo que as suas enerxias, señor Rodriguez Pérez, deberíanse concentrar en fornecer unha alternativa neste sentido, e ofrecer simplemente uns terreos non é unha alternativa efectiva, posto que non hai diñeiro para facer edificios novos cando todas as obras faraónicas feitas recentemente ou que ainda se están a facer están sen pagar. Polo tanto poña a sua imaxinación a funcionar a ver que se lle ocorre para que os xulgados non marchen de Tui e pense nalgo que marque a diferenza non simplemente en enviar cartas ou tratar de presionar politicamente xa que os alcaldes de Ponteareas e Porriño, concellos que hoxe teñen mais habitantes que Tui por culpa da sua nefasta xestión urbanística de Tui nos últimos catorce ou quince anos nos que vostede compartiu co señor Rocha o poder en Tui.

6.- Dictame da Comisión Informativa de Urbanismo, obras, contratación e servizos municipais sobre proposta de Alcaldía sobre a ratificación da acta de Irmandade con Concello de Versmold, Alemania.

Neste punto contará tamén co apoio de CXXI, simplemente porque entendemos que todo o que sexa establecer vínculos e intercambios de todo tipo cun concello como Versmold non pode ser nunca negativo, se ben é certo que nos tememos que isto quede en auga de castañas, estaria ben que nos informase de como van as xestións en relación ao intercambio laboral entre Tui e Versmold tanto a nivel dos concellos como a nivel das empresas alemás.

7.- Dictame da Comisión Informativa de Urbanismo, obras, contratación e servizos municipais sobre proposta de Alcaldía en relación a escrito presentado polo grupo Infotransxénicos Tui, en relación ó apoio dunha agricultura libre de transxénicos.

En primeiro lugar desde C.XXI quixeramos agradecer a sua iniciativa a Luis Marquez a á Plataforma Antitransxénicos, grazas a esta proposta tiven a oportunidade de adentrarme, sequera superficialmente, na análise desta interesante e relevante cuestión, lin bastante estes días en relación á agricultura transxénica, tanto dos seus detractores como dos seus defensores, e non puiden chegar a ningunha conclusión tan determinante que me leve a apoiar a declaración de Tui como concello libre de transxénicos, nen tampouco a estar completamente convencido de que os transxénicos son a panacea, a conclusión á que cheguei é que non hai evidencia científica, como lin nun artigo na prestixiosa revista Nature, de que os transxénicos sexan nocivos para a saude.

O máis fácil para min tería sido votar que si sen informarme e quedar ben cunhas persoas a quen aprecio, e máis sabendo que o voto de C.XXI, dada a composición do pleno, non será en ningún caso decisivo, non obstante, se estamos en política é para nos conducir con responsabilidade, o feito de que eu como consumidor prefira os produtos ecolóxicos non me autoriza a impedir que outras persoas ou agricultores poidan usar as sementes transxénicas, frente á proibición, un partido liberal como CXXI debe propor transparencia, información e liberdade.

Apoio, non obstante, algunha das observacións dos promotores, nomeadamente aquela referida ao dereito a saber o que consumimos, obviamente debese exixir que as persoas que non queren consumir transxénicos saiban sempre se o que compran nos mercados procede ou non, de forma directa ou indirecta, de cultivos transxénicos.

Tiven oportunidade de ler que había restricións postas polo estado ao libre comercio de sementes entre os agricultores o que os condicionaba a comprar sementes transxénicas, obviamente, de ser isto asi, estariamos ante outro exemplo do mal que fai a hiperregulación estatal en tantos campos, tamén na agricultura. Preocupanos tamén o monopolio dunha soa empresa sobre as sementes, pero insisto, iso non nos da dereito a prohibilo, en todo caso a non sementalo ou a non consumilo.

É por todo isto que apoiando unha parte da iniciativa pero non a sua parte principal, a de declarar Tui como zona libre de transxénicos, decidimos en asemblea local de CXXI absternos neste punto.

8.- Dictame da Comisión Informativa de Urbanismo, obras, contratación e servizos municipais sobre proposta de Alcaldía sobre dedicación dunha rúa aos Olímpicos Tudenses.

CXX votará a favor neste punto, reseñando que Enrique Míguez merece a dedicación dunha rúa só para él, sen prexuizo de que poida haber outra para todos os Olímpicos Tudenses.