España, "o Estado Gruyere"


E chegados a este punto cabe preguntarse, como vamos sair do pozo no que nos meteron en estreita colaboración, por un lado, a expansión crediticia xerada polos baixos xuros do BCE, expansión crediticia que financiou o despropósito da burbulla inmobiliaria, e por outro lado a cleptocracia española de PP e PSOE? 

Lamento dicir que non vexo saidas fáciles, nen sequera saidas que non sexan moi duras; os niveis de endebedamento público e privado, a contumacia do estado (PP e PSOE) evitando o seu necesario redimensionamento á baixa, co obxectivo de salvagardar intereses partidistas, as selvaxes subas de impostos que van asfixiar ainda máis a actividade produtiva, o mantimento de todo tipo de privilexios e inflexibilidades na economía. 

Todo isto non me permite albiscar nengunha saida de nengún tunel e si me permite afirmar que estamos nun pozo, no que agora PP e antes PSOE continuan sachando a destallo para facelo máis profundo. O cúmulo de ineficiencias e de buracos é aterrador, por iso comparo no título, ao Estado español cun queixo gruyere, que por unha confusión co emmental se cria que tiña moitos buracos.

Emmental, confundido co Gruyere cando se lle chamaba asi a todos os queixos franceses


Hai buracos para todos os gustos, a partitocracia creounos para fomentar intereses espurios do propio estado e dos grupos de interese que sustentan a PP e PSOE, a situación de bancarrota actual fai que non se poidan seguir ocultando ou obviando eses buracos e haxa que ir buscando fórmulas para voltalos a encher o polo menos para paren de medrar, precisamento no peor momento é cando os cidadáns e empresas non nos poderemos beneficiar dunha das consecuencias secundarias que normalmente acompañan ás recesións e que permiten sobrelevalas con algo máis de alivio, estou a falar da deflación ou baixada de prezos que adoita acompañar ás recesións e en maior medida ás depresións, como a que estamos atravesando.

En España este fenómeno de deflación non se produce, ao menos en certa medida, porque agora o estado vese obrigado a compensar, obviamente con cargo aos contribuintes e consumidores, os desequilibrios que eles mesmos xeraron; o pufo das caixas de aforro, que se estima nuns 60.000 millóns de euros, a débeda que o estado ten coas compañías eléctricas, o que se coñece como déficit tarifario ascende a 22.000 millóns de euros, o buraco da sanidade estímase en 17.000 millóns de euros, AENA, a empresa pública que xestiona os aeroportos é o operador aeroportuario máis endebedado do mundo, a sua débeda ascende a 14.000 millóns de euros, as televisións públicas entre orzamento e débeda supoñen case 5.000 millóns de euros, as autoestradas de peaxe radiais que saen de Madrid en paralelo ás autovias gratuitas, pasan dos 3.000 millóns de euros de débeda. 

É dicir o estado español, ao servizo da sua megalomania, da sua incompetencia e da sua corrupción acumulou un défice só nestes grandes buracos que menciono do 12% do PIB español, é dicir, fai falta un 12% de todo o que se produce en España nun ano para encher só eses buracos, pero porque foron creados eses buracos? Foron acaso creados na procura do noso benestar, serian creados acaso na procura dunha maior eficiencia? Hai algún fin louvable que agachan os buracos na sua profundidade?

Repasemos un por un seguindo a orde do tamaño do buraco, de maior a menor, comecemos polo megaburaco das caixas de aforro, do que obviamente podemos responsabilizar a quen as xestionaba (consellos de administración controlados por PP e PSOE) e a quen supostamente as debía controlar, o Banco de España (cuxos directivos tamén foron nomeados por PP e PSOE), na actualidade e mentres os directivos apoiados pola partitocracia estarán no caribe desfrutando das indemnizacións millonarias cobradas por quebrar as entidades que dirixian, os contribuintes-consumidores xa estamos tapando a sua xestión con rescates públicos e con enganos como o das preferentes, non esquezamos que o das preferentes foi unha manobra deliberada para captar fondos non liquidos, o común dos clientes tamén estamos pagando a nosa parte através de subas de comisións, é dicir, outro aumento de prezo, neste caso dos servizos bancarios, xerado pola ineficiencia estatal.

Que dicir do défice tarifario, o custo da electricidade en España é un dos catro máis altos da UE, xunto co de Irlanda, Malta e Chipre, sí, efectivamente, todas son illas, o que encarece a distribución da electricidade, pois ben, o custo do kilowatio en España está á par do das illas e por riba do resto, pero non dubiden en que serán continuadas as subas do recibo da luz que nos agardan, porque a pesar de que somos os que máis pagamos, segundo nos din desde o Estado, non chega para cubrir os custos de xeración, dai a débeda do Estado coas eléctricas, esta débeda foi xerada polo intervencionismo público no sector, fixando os prezos e fundamentalmente polas primas ás renovables e as axudas ao carbón español. Desde logo, un moito de compadreo entre varios lobbies e os gobernos de PP e PSOE existiu, non é casual que Felipe González esté no consello de administración de Gas Natural e que Aznar e Elena Salgado estean no de Endesa. Sairanos moi caro.

Que podemos dicir da sanidade? hai tempo que as farmacias non cobran da administración cun mínimo de puntualidade e aturano porque gozan doutro privilexio estatal, a de ser un mercado pechado ao que só se entra por concesión estatal ou por traspaso multimillonario dunha farmacia, un caso claro de intercambio de favores a custa do funcionamento eficiente dunha sociedade; "eu manteñote o privilexio e ti financiasme". Aqui non se buscou tampouco xamais a racionalidade e eficiencia, o lobby farmaceutico e o Estado intercambiaron favores e a mentira goebbeliana, unha mentira repetida un millón de veces por PP, PSOE, IU, BNG, etc, de que a sanidade é gratuita pasou a considerarse unha verdade incuestionable, cando o seu custo, de media, é de 1.900 euros por ano, para cada cidadán. Preparen as suas carteiras se é que ainda están con fondos, estamos comezando a pagar isto tamén.

AENA, o modelo megálomano do centralismo aeroportuario, único caso no mundo de centralización nunha empresa pública única dun sistema aeroportuario da importancia do español, e todo para permitir que os políticos puidesen meter os fuciños no reparto do pastel, decidir que aeroportos se priman a custa de cales e en definitiva por en prática unha política arbitraria e corrupta de ampliación aeroportuaria, en número, capacidade e instalacións, absolutamente ineficiente, irracional e innecesaria. As tarifas aeroportuarias xa están subindo para pagar a débeda e continuarán facendoo, mentres tanto e para "consolarnos" poderemos observar a magnitude dos aparcamentos vacios de Peinador e Alvedro. 

E as TV's públicas?, RTVE e as autonómicas, pois podemos dicir que custan fortunas do diñeiro dos contribuintes en aras a manter o control da comunicación e portanto o control de como pensan os votantes, ferramenta fundamental para manterse no poder e evitar que os cidadáns coñezan as propostas alternativas ao statu quo, cousa que tamén garanten subsidiando aos medios privados. Parte das brutais subas de impostos á que nos someten son para pagar isto, para pagar que sigan tratando de controlar o que pensamos e como pensamos, non dubidarán en arruinarnos para manterse nun poder parasitario.  A Xunta acaba de anunciar publicidade en medios privados por valor dun millón de euros, as eleccións autonómicas están ai e hai que asegurarse o apoio, naturalmente co diñeiro dos demais.

Enfin, estes son só algúns dos buracos, seguro que hai máis que irán aparecendo e supondo que vostede non sexa vítima da estafa das preferentes, co que o seu caso seria máis sangrante, a partir de agora cobraranlle máis comisións nas ex-caixas, tamén será máis caro enchufar unha estufa ou cociñar, coller un avión, ir ao médico, apañar as autoestradas, as subas de impostos repercutirán fortemente na suba dos prezos, incluindo o dos combustibles e alimentación, que non lle conten mentiras, que non lle digan que é culpa do capitalismo, nengunha empresa privada teria sobrevivido a semellante cúmulo de ineficiencias, e xusto no momento, en que un mercado libre estaria reaccionando á perda de poder adquisitivo cunha baixada xeral de prezos, por obra e graza do estado e da intervención pública de PP e PSOE e dun estatismo corrupto e atroz, encontrámonos con subas de prezos, xusto cando a capacidade adquisitiva de cidadáns e empresas máis debilitada está, teremos que pagar a factura dos favores que PP e PSOE se fixeron a si mesmos e aos seus amigotes para manterse nun poder parasitario. Por obra e graza do "Estado Gruyere" agárdanos a estanflación, un escenario terrorífico que combina estancamento económico con subas de prezos.

Os que levan 30 anos gobernando ininterrumpidamente o Reino de España deben ser claramente responsabilizados dos desequilibrios xerados, hai que ver o carísimos que nos saen o PSOE e o PP e seguilos votando incrementaria os custos que xa nos provocan.

"Supermercados Gordillo"

O deputado por Sevilla de Izquierda Unida no parlamento andaluz, Sánchez Gordillo, roubou, xunto con outros sindicalistas e políticos de ideoloxía comunista, algúns supermercados en Andalucia a semana pasada. Eles cren que están lexitimados para roubar, porque segundo a sua ideoloxía, estanlle roubando a un "explotador" para entregarllo á xente necesitada. Algunhas persoas de esquerdas xustifican o roubo de Sanchez Gordillo en que en España os ladróns de luva branca saen sempre impunes, é dicir, xustifican un roubo polo feito de que hai outros roubos que non son castigados, en lugar de defender a igualdade ante a lei e o sometimento de todos aos principios xerais do dereito, como facemos os liberais, distinguen entre roubos lexítimos e non lexitimos segundo lles informa o seu dogma, ben, isto fálanos claro de cal é o tipo de principios morais dalgúns, precisamente aqueles que cren que a sua moralidade é superior á dos demais. 


Sánchez Gordillo, deputado de Izquierda Unida no parlamento de Andalucia

Algúns incluso se atreven a comparar a Gordillo con Robin Hood, cando o inglés roubaballe ao rei, que abrasaba a impostos aos súbditos, é dicir roubaballe ao estado para combater a opresión fiscal deste, opresión fiscal que aos marxistas lles parece maravillosa, Robin Hood roubáballe a un parásito que, aproveitándose do seu monopolio tiránico da violencia, roubaba aos contribuintes, Sanchez Gordillo estalle roubando aos que traballan os campos de arroz, aos empregados do supermercado, aos empresarios do aceite, etc. 

Hai quen se atreve a comparar a Gordillo con Robin Hood.

Os marxistas están cegados polo seu paradigma interpretativo que divide a sociedade e o sistema económico entre bos e malos, entre explotados e explotadores, os seus lentes con orelleiras cónicas fai que sexan incapaces de entender que se se rouba o aceite, a fariña ou o leite, acabarán desincentivando a produción de aceite, cereal e leite e acabarán conseguindo xustamente o fin contrario do que din perseguir, é dicir, en lugar de combater a pobreza o que lograrán é crear pobreza. 

Supermercado soviético. É este o obxectivo de Gordillo?

Se os alimentos son roubados dos estantes dos supermercados e o supermercado non lle paga os alimentos ao produtor, o produtor terá cada vez máis dificultades para vender e para cobrar o vendido, co que acabará arruinado, se desaparecen os incentivos para producir aceite, cereal e leite, posto que non llos van pagar a quen os produce, ao final haberá moitos máis desempregados; os que traballaban neses sectores e os postos de traballo indirectos que dependen deses sectores, como os fornecedores e os clientes, se os supermercados deixan de ser rentables porque son saqueados, deixaranse de construir supermercados, e os empregados dos mesmos perderán o seu traballo e por se fora pouco, todo isto acabaría cunha escasez xeralizada de alimentos o que daría como resultas que cada vez fosen máis caros e máis dificiles de conseguir. Pero que ninguén se preocupe, os marxistas seguirian dicindo que a culpa é do capitalismo.

Filas para comprar pan en Bulgaria na época comunista.

O que tampouco entenden os marxistas é que grazas ao sistema capitalista ou de libre empresa, se xera riqueza, mediante a libre e espontanea organización dos factores de produción en persecución do incentivo de lucro, cando a liberdade económica se sustitue pola planificación que defenden os marxistas e desaparecen os incentivos para producir e para vender o que acaba pasando é o que se ve nas seguintes imaxes tiradas nos paises da Europa do leste durante a época comunista onde non era o mercado, senón o estado, o que organizaba a produción e distribución de alimentos e dos demais produtos.

Desabastecemento de supermercados na Unión Soviética

Escasez nunha carniceria da URRS
Sapataria en Polonia perto do final do periodo comunista, nos anos 80.


BASTA DE OPRESIÓN FISCAL

O Partido Popular evitou coa sua maioria absoluta no concello de Tui o debate e a posible aprobación desta moción de urxencia presentada por Converxencia XXI.


MOCIÓN DE URXENCIA. PLENO 26/07/2012
BASTA DE OPRESIÓN FISCAL

Dado:

-Que o goberno central do Partido Popular está sendo o que máis subiu os impostos da historia da democracia española.
-Que o Partido Popular enganou aos cidadáns prometendo que non subiría impostos e despois decidiu subas verdadeiramente selvaxes e confiscatorias de praticamente todos os impostos posibles.
-Que coa suba aprobada polo PP os tipos marxinais do IRPF están entre os máis altos do mundo.
-Que o Partido Popular subiu os impostos especiais e o imposto de sociedades, este mediante a eliminación de exencións.
-Que o Partido Popular subiu para algúns negocios o IVA, nalgúns casos do tipo reducido anterior (8%) ao normal novo (21%) dando un golpe fortísimo ás peluquerias, ópticas, funerarias, floristerias, etc
-Que o goberno central do Partido Popular subiu o IVA normal do 18% ao 21% e o reducido do 8% ao 10% o que afectara moitísimo e abocará ao peche a moitos comercios de Tui.
-Que o Partido Popular aprovou un aumento da retención do IRPF para os profesionais do 15% ao 21%.
-Que o Partido Popular de Tui mantén unha abusiva política impositiva, na que poderiamos destacar o recibo do lixo, os vados permanentes ou as licencias de apertura de novos negocios.
-Que a política impositiva do Partido Popular de Tui, de Galicia e de España vai contribuir a incrementar o desemprego e a xerar pobreza en todo o estado español, en Galicia e especialmente nunha localidade comercial como Tui.

Converxencia XXI propón:

-Que o concello revise á baixa todas as taxas municipais posibles e de forma inmediata para evitar que a entrada en vigor da bestial suba do IVA aprovada e que entrará en vigor en setembro provoque durante o outono o peche de ducias de comercios en Tui.
-Que inste ao goberno central do Partido Popular que rectifique inmediatamente e que deixe de confiscar, facendo gala dun estatismo selvaxe, e con inusitada agresividade o produto do esforzo dos traballadores, dos pequenos empresarios e dos autónomos en aras de manter o dispendio público insustentable que temos en España.


Asinado: Carlos Vázquez Padín
Voceiro municipal de Converxencia XXI





"Galeguismo e liberdade"

Preséntovos o meu libro, véndese a quince euros gastos de envio incluidos para España e Portugal, podes pedilo a info@converxencia.eu enviarancho contrareembolso e se así o solicitas, asinado por min.


GALEGUISMO E LIBERDADE  é un ensaio que publiquei en febreiro do 2011, nel recollense en forma de artigos a miña visión política que para o prologuista, Miguel Anxo Bastos, sitúame xunto aos liberais de corte anglosaxón, tamén hai unha formulación do galeguismo que trata de rachar coa tradición marxista que o domina desde o tardofranquismo. 


Capa de "Galeguismo e liberdade"
O indice do libro é o seguinte:

Prólogo de Miguel Anxo Bastos Boubeta
Limiar de Carlos Vázquez Padín

Os principios

De liberalismos, etiquetas e fraudes
Liberdade e responsabilidade
Sobre a igualdade
Politica e conciencia fiscal
As ideoloxias do atraso
Progresista ou socialista? I agree with Nick
Somos todos iguais?
O "Partido sen principios" e a "hora feliz"
O fomento da inxustiza e da ignorancia

A democracia

Separación de poderes
O imperio da lei
Liberdade de prensa
Límite antidemocrático ao autogoberno
O voto emigrante
A incultura da coalición
As dúas Españas
Presentación con E . Gimenez, Miguel Bastos e Fernando del Rio

A economía

Globalización, riqueza e liberdade
O negocio das prebendas
Marco legal e desenvolvemento económico
Reforma laboral e das pensións
Crise e Administración local
A sede da Caixa estará no EAG
Zapatero "o grego"
As medidas de Merkel para España

As políticas públicas

Por unha política galega de infraestruturas
Por unha política exterior galega
A importancia da educación
Reflexións sobre o modelo enerxético
Reforma do sistema electoral
Funcionarios e eficiencia da administración
Prostitución, que facer?
Prohibir as touradas?
A fin de ETA?
Solidariedade ou burla interterritorial
Unión Federal Europea

Galicia

As mentalidades obstaculizantes
Cosmopaletismo
A dimensión hispana
A dimensión iberica ocidental
A dimensión europea
A dimensión universal
Liberdade, nación e democracia
Galeguismo igual a esquerda: historia dunha anomalia
Totalitarismos e Galicia
Rajoy, o monolingüe
Bilingüismo restitutivo

Agradecementos