#soberaniagz

Onte asistín na facultade de Ciencias Políticas a unha palestra organizada polos Comites, para que non estea familiarizado coa vida estudantil, os Comités son o sindicato afin ao BNG, especialmente ao partido marxista-leninista que controla o BNG, a UPG.

A palestra trataba sobre a soberanía de Galicia; os convidados pertenciamos a partidos galegos, cinco de esquerdas (BNG, Anova, CXG, Nos-UP  e Causa Galiza) e un liberal (Converxencia 21). Decidin acudir porque unha organización política como a nosa non debe perder nengunha oportunidade de expresar as suas ideas mesmo sabendo que o partido se xogaba a domicilio e cun arbitro moi caseiro.

Comecei a miña primeira intervención agradecendo o convite e explicando a secesión desde un enfoque liberal, pero na segunda quenda quixen aproveitar para contrastar as grandes diferenzas entre o modelo socialista representado e defendido polos demáis e o modelo liberal. 

Mentres a maioria do resto de participantes presentaban a soberania como remedio de santo para todos os males eu manifestei que a soberanía per se non é garantía de nada, levei ao debate un listado cos vinte primeiros paises do mundo en PIB/per capita, moitos son pequenos, mesmo máis pequenos que Galicia, pero, salvo as monarquias petroleiras do golfo pérsico, todos teñen en común un elevado índice de liberdade económica, é dicir, unha aposta clara polo capitalismo como forma de organizar a produción.


Indice de liberdade económica Ranking PIB/per capita Estado Poboación
27 22  Iceland 320.060
- 7  Brunei 393.162
13 1  Luxembourg 524.900
19 3  Macau 568.700
25 2  Qatar 1.757.540
71 6  Kuwait 3.582.054
9 14  Ireland 4.588.252
40 5  Norway 5.067.600
2 4  Singapore 5.312.400
17 21  Finland 5.429.850
11 16  Denmark 5.599.665
1 9  Hong Kong 7.136.300
5 8  Switzerland 8.014.000
35 11  United Arab Emirates 8.264.070
28 13  Austria 8.458.023
21 15  Sweden 9.551.781
38 20  Belgium 11.139.292
15 12  Netherlands 16.775.273
3 18  Australia 22.897.392
6 17  Canada 35.002.447
26 19  Germany 81.923.000
10 10  United States 315.286.000


Logo dixen que Corea do Norte era soberana e non había liberdade, habia desnutrición infantil e pobreza mentras se gastan en armas case todos os escasos recursos do Páis, tamén dixen que de noite non se via luces en todo o País desde o espazo e que non era por ecoloxismo, e isto contrasteino co exemplo de que Suiza era soberana e que resultaba un lugar onde as persoas podian desenvolver unha vida moitísimo máis satistactoria. 

Non hai luz en Corea do Norte e non é por ecoloxismo

Deume a impresión que isto xerou grande incomodidade, pero non foi o único comentario meu que a causou; posteriormente argumentei que o liberalismo encaixaba mellor que o socialismo na defensa dos pequenos Estados e especialmente dun hipotético Estado galego, e isto por varios motivos; os pequenos Estados son por pura necesidade moito máis abertos xa que non posuen no seu interior todos os recursos e teñen que apostar polo comercio, polo intercambio pacífico de bens e servizos, e iso fomenta a sua prosperidade e tamén a paz, xa que o comercio internacional ao crear lazos de interdependencia desincentiva as guerras. 

Tamén dixen que Castelao era librecambista e que se queixaba do proteccionismo español que obrigaba aos gandeiros galegos a comprar cereal castelán e tecidos cataláns, no canto de poder comprar os tecidos e os cereais máis baratos a ingleses e americanos, respectivamente, o balbordo subíu, cuestionar a apropiación indebida que os marxistas galegos fan de Castelao é xa unha heresía intolerable.

As propostas socialistas máis próximas á autarquia condenan a todos os paises á pobreza pero especialmente aos paises pequenos, os paises autárquicos ao non comerciar buscan ampliar os seus recursos mediante a guerra, as analoxias "comercio=tendencia á paz" e "autarquia= tendencia á guerra", non resultaron agradables de escoitar para os marxistas. Relacionado directamente con isto tamén dixen que a globalización estaba permitindo un proceso de converxencia entre paises ricos e pobres sen precedentes, supoño que molesta que aos "campeóns autonomeados da solidariedade" se lles faga ver as facetas claramente insolidarias da sua ideoloxía como a crítica á globalización, a defensa do proteccionismo ou dos subsidios agrícolas nos paises ricos que impiden o desenvolvemento do sector primario nos paises pobres.

A continuación puxen de manifesto a fonda contradición entre marxismo e galeguidade, poucos pobos no mundo hai máis apegados á propiedade privada que o pobo galego, importar unha ideoloxía que desrespeita a propiedade privada é ir frontalmente en contra da esencia da galeguidade, aos "autoproclamados campeóns da galeguidade" tampouco lles sentou nada ben esta opinión. 

Naturalmente dixen que calquera proceso de secesión pasa por unha decisión democrática do pobo e portanto non hai outro camiño defendible que o da persuasión e o convencemento através do discurso. No das vias democráticas concordaron todos ainda que o representante de Anova non descartou ter que coller os fusís, alí non o dixen pero ese enfoque democrático que din defender non encaixa con cánticos moi frecuentes nas manifestacións do 25 de xullo como o de "que queiran que non, Galiza é unha nación!". 

Critiquei que non tivese sido utilizado o referente de enorme éxito de Irlanda, un excelente exemplo dun pais próximo e pequeno, máis periférico que Galicia e que comparte cultura de raigame celta connosco, ainda que agora cuestionado polo resgate á banca pero que lembremos que continua superando ao Reino Unido en PIB/ per capita, algo absolutamente impensable hai 25 anos, non foi utilizado por un nacionalismo marxista que prefería falar de Irán, Venezuela e Cuba. E naturalmente con eses referentes non é doado persuadir ao pobo galego da necesidade da soberanía, outra verdade que incomodou foi que o o éxito de Irlanda debiase á politica de impostos baixos que atraiu grandes cantidades de investimento exterior.

Ante esta serie de argumentos non foron emitidos contraargumentos ao fondo do que eu dicia, simplemente se acusou ao liberalismo de estar asociado á homofobia, esquecendo que os dereitos humanos e a defensa das liberdades individuais foi unha creación liberal e que hai reximes comunistas, como o de Cuba, claramente homófobos. Pero o gordo veu cando o representante de NOS-UP, e ante a absoluta falta de argumentos, dixo que eu facía apoloxía do terrorismo e que merecía ser botado a patadas dalí, foi unha persoa do público quen dixo que esas ameazas eran intolerables, o moderador, calou, se cadra estaba de acordo. 

O totalitarismo non tolera que se cuestionen os seus dogmas e como son dogmas, tampouco saben como argumentalos e defendelos se non é coa ameaza e coa agresión. 


cartaz do evento












No comments:

Post a Comment

podes deixar aqui a tua opinión,