Requiem polas caixas?

Nestes dias nos que semella que a presenza do Estado español através do FROB como detentador da maioria dos dereitos de propiedade de Nova Galicia Banco se achegan ao seu fin, acho que compre profundizar e sistematizar unha serie de ideas que teño expresado en intervencións miñas na tertulia televisiva ViaV á que teño o pracer de ser convidado.

Méndez, Gayoso, Feijoo, Varela e Pego no parto da caixa fusionada

Teño insistido en varias ocasións no meu desacordo co rescate da banca (caixas) quebrada feita con cargo aos fondos públicos, frente ao bail-out ou rescate polos contribuintes, os liberais temos defendido o bail-in, ou un rescate asumido polos acredores da banca en apuros, é dicir os detentores de débeda pasarian a ser os propietarios da entidade. Mesmo teria sido preferible a quebra e liquidación das entidades financeiras doentes que a solución actual, que supón un enorme esforzo para os contribuintes con moi poucos resultados, xa que a banca doente, continua doente e supondo un freo para o saneamento e reaxuste da economía despois do estoupido da bolla inmobiliaria. 

De terse adoptado o bail-in ou mesmo a quebra, hoxe teriamos no lugar das entidades zombies outras entidades sáns ocupando o seu lugar e sen supor unha enorme lousa para a economía do pais. Naturalmente, cos bimbios que hai non se podía agardar outra cousa, optouse polo bail-out por razóns políticas, os mesmos que levaron á quebra á inmensa maioría das caixas españolas, os partidos e sindicatos que as controlaban e se beneficiaban dos seus favores, son os que nos dixeron que eran “demasiado grandes para cair” unha tomadura de pelo máis se vemos como se optou por ir xuntando todas as caixas en malas condicións, é dicir aumentando o seu tamaño en lugar de proceder á liquidación polos menos das pequenas, lembremos que en Bankia hai sete caixas de aforros fusionadas, caixas afins ao PP, fusionadas co claro obxectivo de que o novo banco sexa tamén próximo ao PP.

No estado mais anticapitalista de Europa (España éo, segundo un recente estudio da Fundación BBVA), compre insistir para deixar claras algunhas evidencias que algúns teiman en negar, son as caixas e bancos ligados a estas (Banco Gallego ou Banco de Valencia) e non bancos cotizados os que, decisión política mediante, foron rescatados polos contribuintes, é dicir, o problema non foi creado polas entidades con propietarios privados, con accionistas, senón por grande parte (hai excepcións como a das caixas bascas) da banca pública ou semi-pública, que estaba controlada (consellos de administración) e supervisada (Banco de España) pola clase política española, moi destacadamente PP e PSOE.

Foron os criterios de xestión políticos adoptados, como consecuencia da falta de definición dos dereitos de propiedade privada das caixas as que as levaron á quebra, sempre poño o mesmo exemplo, ainda que a partir del poderemos xeneralizar sen temor a ser inxustos, o ex-alcalde de Tui, promotor inmobiliario, recibiu un crédito que agora non é capaz de devolver, de 44 millóns de euros de caixas próximas ao PP (Caixanova, Caja Madrid e Caja del Mediterraneo), non é casualidade que un alcalde do PP soubese que nas caixas sería mellor tratado e que o seria por cuestións políticas e non, desde logo, estritamente financeiras e/ou económicas. 

A pesar de que moitos, especialmente os que se beneficiaban inxustamente delas, seguen atrapados nun requiem polas caixas, e continuan cantando as suas louvanzas, a realidade é teimosa e demostra que estas malversaron o aforro dos galegos, incluindo o da maior parte dos preferentistas, multipliquen vostedes o acontecido co ex-rexedor de Tui e saberán porqué as caixas malversaron o aforro dos depositantes, teñen dificultades para devolver o que pediron prestado no interbancario e acabaron na quebra técnica. 

Unha vez que chegamos á situación actual, e referindose especialmente a NGB, que é o que se pode e debe facer?, pois organizar unha poxa aberta e vender as entidades ao mellor postor, e hai que venderllo ao mellor postor porque é o máis xusto e porque se non se lle vende ao mellor postor seremos os contribuintes os que paguemos a diferenza através de novos rescates (impostos) e novas axudas (impostos), e se o mellor postor son investidores internacionais, mellor que mellor.

Son claras as vantaxes da entrada dun investidor internacional en NGB, en primeiro lugar representaria a atracción de capital estranxeiro, algo que sempre é unha boa nova e do que Galicia está moi necesitada, o inferno fiscal creado polo PP e a inseguranza xurídica non axudan, en segundo lugar diminuiría a capacidade de intervención dos políticos españois sobre a entidade en cuestión, en terceiro lugar permitiría o mantemento en Galicia da estrutura central de NGB con todo o valor engadido que isto implica derivado da permanencia de persoal cualificado e portanto ben remunerado cá e en cuarto lugar teriamos un mercado financeiro máis competitivo, e non tan concentrado como no caso da adquisición de NGB por parte dun grande banco español.

O que precisan as familias e as empresas galegas non é que os políticos galegos teñan un chiringo financeiro através do que poder desviar diñeiro cara os seus intereses políticos e empresariais senón un mercado financeiro competitivo, o menos concentrado posible, sen inxerencias políticas e que aplique criterios extrictamente económicos na concesión de crédito e no resto das suas decisións. Cando escoito aos políticos intervencionistas que monopolizan o parlamento galego falar da desexable galeguidade das caixas sei que o que realmente lles preocupa é conservar unha entidade que lles siga dando barra libre de crédito aos seus partidos, ás institucións que gobernan e ás empresas privadas dalgúns deles que nun mercado libre non poderían aceder ao mesmo crédito en cantidade e xuro.

Por moito que algúns o ignoren os recursos e o aforro son limitados e portanto o crédito tamén, se o crédito se asigna con criterios políticos e non económicos, ao final teremos un pais máis pobre por non ter asignado o aforro con eficiencia. Hoxe Galicia é máis pobre como consecuencia da dinámica política seguida nas suas  actuacións polas caixas de aforro, de termos contado cun mercado bancario menos intervido e  exclusivamente en mans privadas hoxe non estariamos falando da fraudulenta comisión das caixas no Parlamento de Galicia, nen do problema dos preferentistas, nen de millonarios rescates pagados polos contribuintes.