Debemos?

O excelente e, para propios e extraños, sorprendente resultado de Podemos nas recentes eleccións europeas está a levantar poeira, as eleccións europeas trasladaron, por primeira vez de forma tan manifesta, o fondo descontente de amplas camadas da poboación, coa situación económica e política  xerada ou manifestada como consecuencia da crise que comezou no xa lonxano 2008. 

Podemos logrou galvanizar unha parte significativa da insatisfacción coa situación político-económica, os ingredientes da receita; a credibilidade conferida pola desvinculación total co pasado e presente que se critica, a presenza mediática, en medios do stablishment dun lider con boas dotes de comunicador e sobretodo un discurso que fai sentir moi cómodos aos indignados, no sentido quinceemesco da palabra, é dicir, un relato que culpa de todo, sen matices, á banca e ao poder político e exime de toda responsabilidade ao "pobo español”, incluindo por exemplo, ao que asinou voluntariamente un crédito hipotecario que consumia unha porcentaxe moi elevada da sua renda ou ao que votou repetidamente a PP e PSOE.

Por suposto nese discurso ocultanse bastantes verdades, non lles escoitamos afirmar que a banca que quebrou era a banca pública, as caixas de aforros, onde se tomaban as decisóns con criterio político e non con criterio económico, que precisaron ser rescatadas as entidades que non eran de propiedade privada,  aquelas onde mandaban os partidos e os sindicatos. 

O discurso de Podemos é un discurso populista que promete o paraiso como se a riqueza estivese dada e unha redistribución agresiva e confiscatoria como a que propoñen en Podemos non afectase á riqueza total que unha sociedade é capaz de xerar ou de conservar, en definitiva o paraiso “podemista” consistiria en ter casa sen pagala (non é necesario pagar a hipoteca), traballar menos (35 horas) e gañar mais (aumento do salario mínimo) e xubilarse máis novo (60 anos) cun aumento de pensión (equiparación ao salario mínimo), desde logo un mundo caralludo, é unha lástima que sexa un obxectivo non só irrealizable senón un fin, cuxa mera persecución nos levaría pola vía rápida á máis ferinte das miserias. 

Prometen a renda básica universal, pero non din que consumiría o 30% do PIB, prometen xubilación aos sesenta, pero non din que co sistema de reparto non habería forma de financiala, a non ser que a cuantia fose moi significativamente rebaixada, prometen aumentos de salarios traballando menos horas, obviando que os salarios dependen da produtividade, e por suposto pretenden financiar todo isto implementando políticas fiscais que persigan aos ricos, fixando un salario máximo legal e obviando que con menos ricos hai menos investimento, con menos investimento, hai menos produtividade e con menos produtividade ou ben baixan os salarios ou ben aumenta o desemprego.

A pesar de todo isto si hai unha parte do discurso de Podemos coa que de feito concordamos os liberal-libertarios, co diagnóstico da podredume do sistema político actual, efectivamente estamos en mans dunha cleptocracia estatal que se nutre coercitivamente dos que neste pais ainda producen riqueza e teñen a mala fortuna de non pertencer a un lobby que influa e financie aos partidos do statu quo, porque os lobbies si que gozan de privilexios de todo tipo, os tipos efectivos do imposto de sociedades das grandes empresas rondan o 5% mentres as pemes teñen que pagar o 30%, notarios e rexistradores enriquecense inxustamente empobrecendo aos seus clientes forzosos grazas ao oligopolio legal creado polo Estado, e un longo etc de privilexiados que logran captar rendas inxustamente grazas á sua proximidade ao poder político.

E claro, Rajoy diranos que eles son os que gañan as eleccións e ten razón, pero como as gañan? É lexítimo o poder que se gaña cunha lei eleitoral tramposa en case todos os seus aspectos e que favorece descaradamente ao statu quo? É lexitimo o poder daqueles que deciden autofinanciarse por vias de subvención pública e de comisións das adxudicacións da grande maioria de adxudicacións da administración  pública? É lexitimo un poder blindado xudicialmente mediante aforamento e cun poder xudicial controlado políticamente mediante o nomeamento político do TC e do CXPX que á sua vez controla as altas instancias xudiciais? É lexítimo un poder que compra con diñeiro dos contribuintes a vontade dos medios de comunicación privados, que se carga directores críticos e que manipula directamente os medios públicos?. 

A diverxencia profunda que eu teño con Podemos non está no diagnóstico da situación política (sí no da económica), está no tratamento, Podemos receitalle a un obeso que non faga deporte e que inxira a maior cantidade posible de gordura, eu receitolle verduras e exercicio, polo menos moderado, Podemos e a esquerda en xeral acreditan que aumentando o poder do Estado van subsanar uns problemas que teñen a sua orixe e causa precisamente no xa enorme poder que acumula o Estado e cren nisto porque pensan que eles son diferentes e mellores, cren que son eticamente superiores sen decatarse de que a acumulación de poder é a causa dos nosos problemas, e que como xa advertiu no seu día Lord Acton, "o poder corrompe e o poder absoluto corrompe absolutamente", e non só aos de dereitas.

Pablo Iglesias e os seus obvian que foi a natureza pública das caixas o que as levou á quebra, obvian ou descoñecen que a expansión crediticia que provocou a burbulla e o estourido posterior tivo a sua orixe nun ente público, o BCE e non en ningún especulador abutre, obvian que a electricidade en España é das máis caras de Europa polo elevado grao de intervención pública no sector, obvian que a corrupción e a inxustiza concentrase naqueles sectores da economia máis regulados e máis intervidos polo poder político. 

A esquerda radical tamén esquece que en todos e cada un dos casos que se poden observar viaxando no tempo ou no espazo podemos constatar que os lugares nos que se implementaron as receitas de máis Estado e menos mercado que eles propoñen, acaban sendo indefectiblemente lugares máis pobres, máis inxustos e desde logo, moitísimo máis corruptos, ainda que é certo que son lugares máis igualitarios, todos están na miseria salvo a nomenklatura estatal. 

A irrupción de Podemos xera dous tipos de preocupación moi distinta, a do sistema cleptócrata de PP e PSOE que se sinte seriamente ameazado e ve perigar o seu chiringo e os seus intereses espurios e en segundo lugar a preocupación responsable dos liberais, que sabemos que coa aplicación do recetario de Podemos ou de IU acabariamos todos, menos os dirixentes deses partidos, na miseria. 

As propostas de Podemos implican a destrución da liberdade e da responsabilidade individual, e sinalan o camiño de servidume do que nos falou Hayek, só a liberdade económica garante as oportunidades para a prosperidade económica, só a liberdade, a responsabilidade e a ausencia de privilexios de todo tipo constituen as condicións para unha orde espontanea e unha sociedade próspera e xusta. 

Cal é entón a saida da crise e o camiño da prosperidade? Mais cleptocracia PP-PSOE? Podemos? a frente popular que propón Beiras? Pois non, as solucións están no liberalismo, as ideas da liberdade que permitiron o éxito europeo a partir do século XVIII pero moito me tempo que os europeos de hoxe, especialmente os do sul, buscan nas receitas facilonas e falsas do populismo as solucións á crise do consenso socialdemocrata, despois de decadas de adoutrinamento estatista, de fé cega no Estado, a incapacidade dos Estados para resolver todos os problemas, ademáis da miopia á hora de ver no estatismo per se o problema, non xera unha reacción liberal, senón unha reacción populista, estatista e con claros riscos de deriva totalitaria. 

Por poder claro que Podemos, non hai nada que nos impida cair nas gadoupas do populismo e do totalitarismo, o ascenso de opcións antiliberais como Syriza ou Amencer Dourado en Grecia, a Fronte Nacional na Franza ou Podemos en España testemuñano, ora ben, debemos?



No comments:

Post a Comment

podes deixar aqui a tua opinión,