Mercadeo orzamental?

O pasado 29 de decembro celebrouse un pleno extraordinario que tiña por principal obxecto o debate do proxecto de orzamentos presentado polo goberno municipal.  No que se refire a C21, xa a finais de novembro fixemos pública a nosa vontade negociadora para nós tería sido máis fácil ubicarnos claramente nunha oposición non colaboradora, porén ofrecímonos a negociar.

Ainda que é imposible compracer en todas as decisións a todos os 1.195 votantes que tivemos nas municipais de maio, sempre actuamos con eles en mente, coidamos que os nosos votantes querian cambio, e iso só se podia concretar na investidura nun goberno de esquerdas, pero tamén cremos que os nosos votantes non queren que se apliquen políticas de esquerdas, senón terían votado á esquerda, coidamos que unha interpretación correcta do sentir dos nosos votantes era tamén a de restarlle capacidade de influencia ás tres formacións da órbita conservadora que quedaron na oposición, e un pacto orzamentario entre o goberno e C21 tamén cumpría ese obxectivo, a forma de compaxinar esas duas vontades era tratar de darlle estabilidade ao goberno pero tratando de implementar tan sequera unha pequena parte do noso programa eleitoral através dos orzamentos.

Tivemos moi claro desde o principio tres criterios definitorios da nosa actuación. En primeiro lugar a vontade real de chegar a un acordo de apoio aos orzamentos pese a non ser os nosos orzamentos e reflectir un enfoque socialista, con aumentos de gasto de persoal e de subvencións, entendiamos que debiamos contribuir a darlle estabilidade a un goberno que nós votamos na investidura en maio  pero tamén é verdade que non temos vocación de parvos úteis de ninguén, e que cun apoio non negociado e non agradecido na investidura xa tiveramos bastante. Compría negociar con modestia, pedir pouco xa desde o comezo, para que fose aceptable para o goberno tiñamos claro que non podíamos pedir cesións inasumibles, nen apostar pola habitual estratexia negociadora na que se comeza por pedir moito para logo ir cedendo, a modo de regateo,





En segundo lugar, a publicidade, todos os cidadáns debían saber que é o que pedíamos para que poideran xulgar a actuación de cada quen e evitar interpretacións extrañas ou deixar zonas escuras que servisen de caldo de cultivo para os difamadores e en terceiro lugar, tratar de introducir nos orzamentos un pequena parte do noso programa eleitoral e unha das cousas máis definitorias do noso programa era a rebaixa de impostos, neste tipo de negociacións orzamentais case sempre se pide máis gasto, e portanto de forma indirecta, máis impostos, nós cremos que é mellor que o diñeiro estea no peto do seu propietario e en defensa dese e doutros principios actuamos sempre. 

Pareceunos que a supresión do imposto de plusvalía, proposta que leváramos no programa, tiña unha importancia simbólica por ser unha "supresión" e non unha reducción e polo caracter especialmente inxusto que ten este imposto, que penaliza aos herdeiros como se dun segundo imposto de sucesións se tratase e aos vendedores de propiedades, hai que ter en conta que é un dos únicos dous impostos que o concello ten potestade para suprimir, o outro é o ICIO, con moita máis importancia recadatoria, precisamente a supresión do imposto da plusvalia é, desde o punto de vista cuantitativo, perfectamente asumible, ao ter o goberno previsto unha recadación através deste imposto de 70.000€, é dicir un 0,91% do total dos ingresos previstos no proxecto de orzamentos. Chegouse a insinuar algún interese espurio meu en relación a esta iniciativa, alucinante, insinuase indicios de intereses persoais nun político que acaba de renunciar a tocar poder e que pide a supresión dun imposto, que por certo, me tocou pagar hai un par de anos, cando herdei da miña nai, cando a corrupción sempre está asociada ao gasto público e non ao seu aforro!! pódese ser máis patéticamente inxusto?

Pois ben, Fixemos pública esta petición o 17 de decembro  através do blogue do partido e dos medios de comunicación, en paralelo mantiven a primeira reunión co alcalde na que lle transmitin a nosa achega aos orzamentos, e nun primeiro momento dixo que lle parecía unha petición razoable e asumible.

Pasaron uns días sen contacto e chegamos á comisión informativa, decatámonos en seguida que a nosa petición non estaba incluida no proxecto que se presentaba á comisión, a concelleira de facenda dixo na comisión que non encontraban forma de encaixala, con posterioridade á comisión fun convocado a duas reunións, o momento procedimental idoneo para introducir modificacións era a comisión e non se fixo, nestas reunións posteriores á comisión ratifiquei a nosa petición pública e nunha última reunión celebrada a véspera da celebración do pleno pediuseme que transacionasemos, hai que ter en conta que a petición inicial non era xa moi elevada, como recoñecera o propio alcalde, e que nese sentido non parecía procedente ceder, porén e como tiñamos gañas de chegar a un acordo e como había pexas por parte do alcalde en relación a unha suposta non progresividade (moi discutible) do imposto da plusvalía, ofrecinlles defender na reunión decisoria da executiva local de C21 a nosa abstención no pleno (suficiente para a aprobación do orzamento) se había unha rebaixa fiscal de 40.000 (0,52% dos ingresos orzamentais) no imposto da sua elección. Pedinlles que me chamaran se aceptaban, non chamaron.

Unha de duas, ou se estaban arriscando a non aprovar os orzamentos, ou tiñan falado con outro grupo. Non podo considerar o desenlace como positivo para Tui, o goberno preferiu chegar a un acordo con Sousa antes chegar a un acordo con C21, todo o mundo sabe o que pedía C21, a nosa comunicación foi completamente transparente, ninguén sabe que é o que pediu o señor Sousa para votar favorablemente os orzamentos, existe a posibilidade metafísica de que non houbera nengunha petición do señor Sousa, pero deixémolo en que é altísimamente improbable, en todo caso pertence ao terreo da hipótese, non se sabe.

O alcalde dixo, referíndose a C21 na sua intervención final que os orzamentos non eran un mercadeo e puxo como exemplo, na sua petición de apoio,  o apoio que no seu día un PP con 5 concelleiros recibiu para apoiar os orzamentos do partido do señor Capón, naquela altura con 4 concelleiros como se ese apoio non estivese no seu día condicionado de forma moito máis exixente que o que C21 pretendía nesta ocasión co goberno. 

No seu día o señor Capón negociou co alcalde Rocha a adquisión da finca Lagarteira, por un importe superior aos 600.000 €, non sei se iso será mercadeo para Enrique Cabaleiro, pero rebaixar 40.000 € os impostos parece que sí o é. Eu coido que negociar un orzamento non é en ningún caso mercadear, é simplemente tratar de aplicar partes do programa de cada quen en función do seu peso, negociar tamén é ceder, por parte de todos, evidentemente o goberno municipal non quixo ceder nen nun insignificante 0,52%, polo menos non quixo ceder un case nada con C21. O goberno escolleu outro socio, e ese socio non é C21, tanto a Alternativa Popular de Tui do señor Sousa como o goberno están no seu dereito, agardemos que o fixeran pensando en Tui. 

Moción de censura?

Ao día seguinte das eleccións algúns se beliscaban ao ver o resultado de C21, que pasaba de ser quinta (de 6) a terceira (de 8) forza política de Tui, pouco lle durou a alegría a algúns ante o mal resultado do PP de Rocha, a besta negra política de moitos, rápidamente e ante a caída de Rocha determinaron que o seu inimigo era outro, Converxencia 21, e non o determinaron por causas obxectivas senón simplemente porque se decataron dalgo moi sinxelo, C21 pasaba a ser un actor determinante na política local para decidir quen ia gobernar no futuro, tanto desde un punto de vista aritmético como dun punto de vista socio-político e probablemente estean a facer unha boa análise, é máis, é a existencia de C21, ao ser unha opción atractiva para votantes procedentes da dereita, pero que está claramente á marxe do PP, o que posibilitou, entre outros factores, que en Tui poida perder o PP e os seus partidos satélites o poder. 

Fun convocado polo principal partido da dereita antes da investidura e nesa reunión trasladousenos unha oferta política que rexeitamos, entendíamos que os nosos votantes querían un cambio que pasaba por evitar o aceso ao poder de Antonio Rocha e fomos leais a esa vontade de cambio dos nosos votantes, insisto, a nosa acción está guiada pola lealdade aos nosos principios e aos nosos votantes, ainda que naturalmente non todos os nosos 1.195 votantes pensan igual e incluso, algún destes, nos animaron a aceptar a oferta.


Xunto con Eduardo Freiría, o día da investidura.


A nosa mensaxe á dereita en público e privado é moi clara, só poderemos valorar a posibilidade dun entendimento con eles en caso de que se produza unha renovación a fondo de persoas, compre pechar definitivamente o longo e, ao noso xuizo, negativo periodo do PP no poder en Tui, igual que en Andalucía apoiariamos a calquera para lograr que o PSOE perdese o poder, séntimonos tan lonxe do PP como do PSOE e usamos a nosa forza para facilitar a alternancia. Témolo repetido até a saciedade, somos un partido liberal, podemos pactar coa esquerda ou coa dereita, como fan os partidos liberais de toda  Europa, sentímonos orgullosos de ser o que somos, se quixeramos ser de esquerdas ou de dereitas, non existiría C21. 

Os rumores de que eu xa tiña pactado coa dereita ser alcalde intensificaronse ata o día da investidura, moitos non dubidaron en difamarnos, pouco lles importou que C21 votase incondicionalmente a investidura dun alcalde do PSOE, ninguén nolo agradeceu, ninguén se desculpou por ternos acusado en falso e difamado e os rumores acusatorios, xa transformados en suposta ameaza de moción de censura tardaron poucas semanas en voltar a aparecer e eses rumores son alentados, entre outros, pola cúpula local do PSOE, non son rumores inocentes, e isto é especialmente grave cando lle dixen ao alcalde persoalmente e duas veces  no último mes que non hai nada diso, tamén llo dixen á concelleira de Facenda e Urbanismo, todo forma parte dunha estratexia do PSOE e de parte da esquerda social para desgastarnos e desprestixiarnos, saben que están acusando en falso pero continúan alimentando igualmente o rumor, a verdade non interesa, desprestixiar a C21 é o único obxectivo. 

A esquerda debería estar dobremente agradecida, é a existencia de C21 o que descapitaliza eleitoralmente á dereita e ademáis eses concelleiros foron usados para favorecer a  alternancia no poder, pero en lugar de agradecemento, ou como mínimo un silencio respeituoso recebemos difamacións, o alcalde  impídeme falar no pleno en duas ocasións, etc. Sí, señores meus, nada do amor a Tui e outras razón poéticas que esgrimen, algúns interpretaron axiña que a sua permanencia indefinida no poder pasaba pola destrución política de C21 e niso están embarcados. 

O alcalde interpreta o papel de mártir, dicindo que non lle preocupa unha posible moción  e seguir sendo alcalde, senón “seguir traballando por Tui”, home, supoño que se se presentou a alcalde é que quere ser alcalde, igual que o resto que nos presentamos, e se participou no golpe orgánico no que se suspendeu de militancia a todo o PSOE de Tui e que o impuxo a el como cabeza do partido no 2011 imaxino que sería porque lle parecería atractiva a idea de ser alcalde de Tui, non ten nada de malo querer ser alcalde, o reprochable é tratar de ocultalo, como se deixar de ser alcalde non lle preocupase o máis mínimo. 

Ninguén vai conculcar o noso dereito a reunirnos con quen queiramos, reunínme, por exemplo, co resto da oposición antes do pleno de setembro para recabar o seu apoio para o cambio de dia festivo e para impedir a suba do IBI, é dicir para defender os nosos principios, e farémolo cantas veces proceda, de feito se nunca nos reunimos co goberno é porque nunca nos convoca, con eles tamén procuraríamos defender os nosos principios, que poden ser defendidos con moita máis forza desde a oposición que desde a integración nun goberno de esquerdas no que fósemos minoritarios, aproveito para comunicar públicamente a nosa predisposición a negociar o noso apoio aos orzamentos pero moito me temo que o que menos interesa ao PSOE de Tui é establecer unha relación de lealdade e colaboración con C21. 

A xente está en política por diversas razóns, normalmente por unha combinación de varias desas razóns, para algúns os principios son fundamentais, é o noso caso, hai camiños moito mais curtos ao poder que fundar un partido liberal e galeguista, desde logo entrar en PP ou PSOE é un camiño moito máis rápido e con moito máis percorrido. Que non lles conten mentiras, a política é a loita pola conquista e conservación do poder, para uns poucos, ese poder non debe ser alcalnzado a calquera prezo, C21 de Tui demostrou que está entre eses poucos, no marcador da ética, vamos gañando.

Estamos en política por principios, principios que só representa C21, oxalá fosen principios maioritarios, pero non o son, mentres tanto seguiremos defendendoos e divulgándoos como poidamos e non vamos pedir perdón por non ser socialistas, nen comunistas, nen conservadores. Latexa un fondo alento totalitario neses ataques que recibimos, como se no fondo se nos quixera negar o dereito á discrepar e o dereito a existir, ataques irracionais cheos de ira e de mentiras que pretenden o noso desprestixio, non latexa neses ataques ningún ánimo construtivo ou de xustiza, só un forte ánimo de destrución política, esa intención é tan forte que non ten barreiras éticas ou morais de ningún tipo e xa me tiven que encontrar en varias ocasións coa utilización política que se fai dos meus pais, pode haber unha táctica política máis miserable e desprezable que a de usar a duas persoas falecidas para desprestixiar ou condicionar ao seu fillo?.

A pesar de que sí podo dicir que estamos arrependidos, especialmente despois do pleno de setembro, de non ter condicionado o noso apoio ao novo alcalde na investidura, ao ver como a nosa xenerosidade foi pagada con desagradecemento, quero deixar claro que C21 de Tui non está, nen sequera, avaliando, a posibilidade dunha moción de censura, unha moción de censura é un instrumento moi excepcional, ainda que compre lembrar que para algúns é unha mera ferramenta de acceso ao poder e están dispostos a empregalo unhas semanas despois da investidura, como o PSOE vai facer na deputación de Lugo, ou apoiándose en tránsfugas, como fixo unha parte do PP en estreita colaboración co PSOE en Tui cando chegou á alcaldía o señor Rocha, na moción de censura de 1998. Como hai algúns que non aspiran a saber a verdade senón a difamar para facer dano, dá igual o que diga eu, os rumores continuarán, non fagan caso, o día que haxa algo merecente de ser sabido en relación a C21, seremos os de C21 os que informaremos, e xa adianto que non nos vamos pasar o mandato desmentindo rumores, estaríamos reforzando a marulleira táctica dos que escolleron ser os nosos adversarios, e non nos debemos a eles senón aos nosos votantes. 

Na mala dirección

O pasado xoves día 24 de setembro celebrouse o pleno ordinario correspondente a este mes, xa pasaron máis de cen días desde a investidura do señor Cabaleiro como alcalde, investidura que contou cos dous votos dos concelleiros de C21, é certo que o verán, especialmente agosto é un mes no que é moi complicado avanzar e tramitar asuntos e tamén é verdade que se encontraron coa casa desordenada, sigue sendo portanto cedo para facer unha valoración en profundidade, pero xa podemos comezar a ver atitudes e trazas no comportamento do novo alcalde e do seu goberno e o que pasou no pleno non convida ao optimismo.

Puiden corroborar unha impresión que xa tiña, a de que o goberno ainda non asimilou que é un goberno minoritario e que  ten que buscar ao menos un apoio (basta coa abstención dun concelleiro da oposición) para aprobar os asuntos que leva a pleno, somos tres os grupos municipais que estamos na oposición (PP, C21 e CT) máis un concelleiro do grupo mixto (APT), portanto é relativamente sinxelo buscar apoios variables para os temas que o goberno considere de importancia, insisto, bástalles con buscar a abstención dun único concelleiro, xa que en caso dun empate a oito, desempata o “voto de calidade” do alcalde, sen embargo e até a data non houbo nengún achegamento neste sentido a C21 e polo propio desenvolvemento dos plenos confirese que tampouco o houbo a nengún outro dos grupos da oposición. 

Desde C21 temos actuado cunha atitude construtiva e non obstruccionista, mesmo chegándonos a abster en asuntos cos que estaríamos máis cómodos votando negativamente, como por exemplo as propostas de ordenanza que foron a pleno, das que non compartimos elementos sustanciais e que teremos que alegar nos vindeiros días. Coido que estamos facendo unha oposición respeituosa e construtiva, na mesma liña da que lle fixemos ao anterior alcalde, pero non estamos encontrando o mesmo respeito no goberno presidido por un alcalde que nós apoiamos na investidura, sen condicións, hai uns poucos meses!

Non o sei, quizá o noso erro foi o de non pór condicións, coido que pecamos de "buenistas" e dun exceso de boa fé que en política non se premia, o que sí é certo é que no pleno o alcalde impediume intervir despois dunha interpelación directa que me fixo o seu primeiro tenente de alcalde, o señor Capón en relación ao asunto dos festivos locais, onde saiu vitoriosa a proposta de C21 de que fose o luns de entroido e non o martes, como propuña o goberno, un dos festivos locais no 2016. 

Inaudito pero certo, o alcalde que C21 contribuiu a investir impediume contestar a unha interpelación directa do seu segundo, non me tería que deixar falar por telo investido a él senón por ser un membro da corporación, pero o feito de que teñamos votado favorablemente a sua investidura, fai ainda máis inexplicable desde un punto de vista político o seu comportamento autoritario, que tamén se reflectiu noutro momento da sesión cando deu un forte golpe na mesa, deus me libre que un de dereitas ou un liberal fixésemos o mesmo, o día seguinte algúns, desde a sua autoconcedida superioridade moral, afirmarían que o alcalde ten maneiras de ditador.

Apuntaba na boa dirección a derogación, feita no pleno de xullo, do regulamento dos plenos aprobado hai catro anos polo PP e que tiña como obxectivo limitar o traballo da oposición, esa derogación non só foi aprobada senón louvada por nós, lamentablemente só fixo falta agardar ao seguinte pleno para levar unha maiúscula decepción e constatar un abuso de poder autoritario e antidemocrático por parte da presidencia do pleno. Tamén é importante na dirección do pleno asegurar que o público non disturba, non sei se o alcalde o escoitou, eu si, fun insultado pola mesma persoa, que pentea canas, nos dous últimos plenos, tampouco fixo o máis mínimo no pleno de xullo para cortar improperios contra a Secretaria, que lle reclamou, sen éxito, a sua intervención. 

A atitude do concelleiro de deportes merece un punto e aparte, o feito de pasar ao goberno non o convertiu nunha persoa máis temperada e respeituosa, continua co seu estilo chocalleiro, baseado en descalificacións persoais, en lugar de tomar con deportividade a derrota do goberno no asunto do día festivo, esta debeulle facer crer que estaba de novo na oposición e que podía responsabilizar de todo aos demáis, cando ainda non sabía, segundo el mesmo confesou, en que días organizan os desfiles as localidades próximas, chegou a dicir que non se pode trasladar o desfile de carnaval ao luns porque o martes ven algunha comparsa de Salceda. Porriño ten desfiles o sábado e o martes, Salceda faino o propio martes, Vigo o sábado, a maior parte dos desfiles concéntranse en sábado e martes dai que sexa moito máis fácil atraer comparsas o luns que o propio martes, depende xa da habilidade organizativa do concelleiro do ramo. O señor Capón non debe crer na capacidade do seu compañeiro e propuxo que o organizara eu, non puiden responder, xa que o señor alcalde non me autorizou o uso palabra.

Como consecuencia da mala dirección do pleno non houbo tempo para rematalo, quedaron sen formular a maior parte dos rogos e preguntas de C21 e todas as do PP, un enfrentamento entre o concelleiro de deportes e o voceiro de CT a conta de duas sentenzas exculpatorias que tiveran a sua orixe en denuncias presentadas polo concelleiro de deportes, consumiu máis dunha hora e foi cortada de forma moi tardía e violenta polo alcalde cun ataque persoal furibundo aos voceiros do PP e de CT, ao final do pleno o señor Rocha advertiu do despropósito ao alcalde que tivo a ben desculparse públicamente con él, ao señor Cabaleiro aconsellarialle que non se debe ensinar cartón vermello directo, hai que amonestar, despois mostrar o cartón amarelo e finalmente o vermello. Non é fácil de xestionar un goberno tetrapartito, especialmente se hai algún que quere opinar en todos os asuntos nos plenos, incluindo os que non son da sua área de responsabilidade, por exemplo, no asunto do entroido interviron o concelleiro de deportes e o señor Capón, él terá que valorar se está capacitado para xestionar esa tarefa dunha forma distinta e non consistente en deixar cancha ilimititada a os seus compañeiros de goberno e para compensar impedir falar á oposición.  

Pero, xunto con impedirme falar en duas ocasións,  o máis grave e algo sen precedentes na miña experiencia municipal, foi a retirada dun asunto da orde do día literalmente no último minuto, o referido á modificación da ordenanza do Imposto sobre bens inmobles, no que o goberno pretendía consolidar a suba do Imposto á que obrigou o ministro Montoro para os ejercicios 2013/2014/2015 e que no 2016, unha vez retirada a obriga por parte do goberno central, baixaría automáticamente á taxa do 0,52%, que figura actualmente, na ordenanza fiscal correspondente. O goberno local pretendía consolidar o 0,60% modificando á alza a taxa do Imposto. O obxectivo do goberno encabezado polo PSOE en Tui era evitar que o imposto voltase ao seu nivel anterior ao 2013 e lograr que se consolidase a taxa imposta polo PP no Congreso. Tamén quixen facer un comentario no momento da retirada en pleno e foime impedido.

Desde logo constitue unha grave falta de respeito á corporación e por ende aos cidadáns nela representados, retirar un punto dunha orde do día que, non esquezamos, está elaborada polo propio goberno, non é serio nen no fondo nen na forma, este modus operandi que podemos definir como inconsistente, irrespetuoso e intereseiro.

A pesar de todo, desde C21 continuamos firmes no noso propósito de exercer unha oposición responsable e construtiva pero non vamos tolerar sen reaccionar que se limite de forma arbitraria e autoritaria o noso dereito de expresión, como en todas as relacións humanas hai unha clara correspondencia entre o trato que un recebe e o que acaba dispensando, non sería bo para Tui que o deterioro das relacións entre goberno e oposición seguise un ritmo tan acelerado.







Porqué apoiamos a investidura e non entramos no goberno

Explicar porqué vamos apoiar a investidura de candidato do PSOE á alcaldía de Tui é relativamente sinxelo, as razóns son as que expresamos na campaña e que, como é natural, mantemos, o PP en Tui merece perder o poder, de feito, mereceo desde hai tempo, e desde C21 temos claro que non podemos consentir nen por acción nen por omisión que o señor Rocha volte a ser alcalde, como o PP é a forza máis votada no conxunto do concello, calquera candidato alternativo ten que reunir o apoio dunha maioría absoluta de concelleiros, polo que non nos podemos manter á marxe e vamos votar afirmativamente a investidura do candidato socialista como alcalde. 

Este voto afirmativo non é un sí á esquerda, é un sí ao cambio e un non ao PP de Rocha e ás suas marcas brancas, e non porque nos sintamos máis próximos da esquerda, sentímonos igualmente lonxe de esquerda e dereita, senón porque despois de 17 anos de gobernos corruptos, ineficientes, incompetentes e enfocados exclusivamente á defensa de intereses de parte o PP merece pasar unha temporadiña na sombra, entendemos o goberno que se vai configurar desde a esquerda como un mal menor, non nos sentimos próximos a eles na forma de concebir a sociedade nen a política, e o modelo de xestión local é claramente diferente do que propugnamos desde C21, pero o concello en Tui precisa urxentemente dun cambio e os votantes non nos puxeron a nós na posición de poder lideralo, ainda que sí de facilitalo co noso apoio na investidura. 

O sí á investidura de Cabaleiro non conleva condicións, controlaremos como oposición o que teñamos que controlar, pero agardo que se nos recoñeza a nosa xenerosidade e altura de miras ao non pór condicións, de feito poderíamos ter condicionado o noso sí á investidura a unha serie de políticas públicas ou ao formato do propio goberno, pero entendemos que neste momento tiñamos que actuar con xenerosidade e non pór máis pedras no camiño dun goberno que ao estar conformado por catro partidos diferentes xa vai ter dificultades no seu entendimento interno. 

Fomos a terceira forza máis votada no concello e a segunda no casco urbano, poderíamos negociar co PSOE a primeira tenencia de alcaldía e un par de concellerías con peso político ou mesmo tratar de negociar co PP a obtención da alcaldía para C21, pero a nosa moralidade e a nosa responsabilidade impídenolo.  Aspiramos a gobernar o noso querido Tui, pero cando se dean as circunstancias para poder facelo desde o respeito aos nosos votantes, desde a posibilidade de aplicar os nosos principios, desde a moralidade e sen condicionantes que nos impidan aplicar o noso modelo de xestión. 

Sería inmoral negociar agora co PP, outra cousa podería chegar a ser cun PP limpo e renovado no futuro, ao que lle poderíamos chegar a propor que fose o socio menor nunha coalición de goberno con nós, os liberais podemos chegar a pactar con esquerda e dereita e C21 acaba de demostrar que ten opcións de ser un actor destacado no futuro político de Tui. En relación ao PP, oxalá saiban renovarse e pechar definitivamente a negra etapa de Tui que eles protagonizaron desde 1998 a 2015, se non o fan pasarán moitos anos sen voltar a tocar poder, desde C21 encargarémonos de pecharlle o acceso sempre que os votantes nos sigan honrando coa mesma ou máis confianza da que obtivemos nestas eleccións. 

Desde C21 non accedimos á petición expresada polo señor Cabaleiro, de integrarnos nun goberno con PSOE, BNG, ATT e ST. É unha cuestión de principios e de responsabilidade a que nos leva a tomar esta determinación; en primeiro lugar,  nun goberno conformado maioritariamente por partidos de esquerdas encontraríamonos desubicados e non teriamos nengunha posibilidade de que o noso criterio prevalecese, nos cremos no protagonismo da sociedade civil e dos individuos, na baixada de impostos, na desburocratización, na redución da intervención pública, etc, enfoque que a esquerda non comparte. Precisamente por esas diverxencias de criterio seríamos un factor de desestabilización ao non compartir moitas medidas que a esquerda considera pertinentes e necesarias.

Como estamos en política para traballar por un Tui próspero e non para buscar un postiño podemos e debemos tomar a decisión de rexeitar neste momento os postos que poderíamos ocupar no goberno local. Tendo en conta que se nos acusa aos políticos de estar en política para buscar postos e diñeiro pois espero que a renuncia que fai C21 sexa ben valorada, sería o colmo da hipocrisia acusar aos políticos de buscadores de rendas e cando uns políticos rexeitan esas rendas ainda por riba criticalos. 

O poder en canto se sinte cómodo comeza a abusar, é un comportamento consustancial á natureza humana, o noso obxectivo neste mandato é facer un labor de oposición responsable e contructiva pero tamén incisiva cando sexa necesario, para que haxa un bo goberno ten que haber unha boa oposición e se C21 entrase no goberno o concello de Tui quedaría sen oposición xa que o PP e as suas marcas brancas (CT e APT) non teñen vocación, nen capacidade para facer unha boa oposición, por non falar da sua falta de lexitimidade, Rocha, Manuel González e Sousa formaron parte moitos anos dos gobernos da era Rocha-Moises polo que a sua lexitimidade para facer agora oposición é case nula. Portanto de non quedarse C21 na oposición non habería durante os vindeiros catros anos un control ao labor do goberno medianamente efectivo. 

E que ninguén se leve a engano, sen oposición calquera goberno acaba abusando do seu poder, tamén a esquerda, por moita supremacia moral que eles se autoatribuan. Abrimos unha nova etapa esperanzadora para Tui, unha etapa que non tería sido posible sen o concurso de C21. Sorte ao novo goberno. 

Primeira valoración eleitoral e perspectivas

Quixera abrir este post agradecendo o seu apoio ás 1195 persoas que depositaron o pasado domingo unha papeleta co logotipo da flor do toxo nas urnas espalladas por todo o concello de Tui, ser a terceira forza no concello e a segunda na cidade, pese á campaña difamatoria da esquerda populista e aos ataques á nosa publicidade da dereita conservadora, (non é casualidade que as nosas lonas fosen saboteadas de forma sistemática e reiterada en todo o concello), é algo que nos fai sentir moi agradecidos e cunha grande carga de responsabilidade. 

Moitas grazas pola vosa confianza, somos conscientes da responsabilidade que nos asignades e faremos un esforzo por estar á altura. Non obtivemos nen un só voto por fidelidade canina ao partido nen por andar facendo favores e prometendo postos de traballo, o que implica algo importante; que os nosos votantes son máis exixentes que os dos demais porque nos votaron de forma racional, non por intereses persoais nen por adhesión emocional ao partido.

Tamén estamos satisfeitos por ter sido humildes, mentres uns que obtiveron un único concelleiro dician na xornada de reflexión que segundo inquéritos de boa tinta ian conseguir catro ou cinco concelleiros e C21 un ou ningún, nos criamos que tiñamos un consolidado, que tiñamos moitas posibilidades de obter un segundo concelleiro e que a nosa febleza nalgunhas parroquias nos ia impedir chegar ao terceiro do que estivemos moi perto, e así llo transmitiamos á xente, ademais de demostrar capacidade de análise, demostramos humildade e seriedade. Outros demostraron unha nula capacidade de análise ou, o que sería pior e ten pinta de ser o máis probable, unha pretensión de manipulación dos votantes.

Despois das eleccións varias persoas, antirochistas en xeral e algúns esquerdistas en particular (non os seus dirixentes) se dirixiron a min pola rúa pedíndome sentidiño e dicindome que de ningunha maneira podía apoiar a Rocha, este artigo ten como obxectivo, ademais de agradecer o apoio aos nosos votantes, deixar claro, unha vez máis, o que vamos facer e pedir por favor a algúns que se garden a sua superioridade moral, as eleccións deron como resultado un concello moi fragmentado politicamente e agora imponse o diálogo e a prioridade é desaloxar do poder aos corruptos e aos incompetentes. En Tui os corruptos son da dereita, en Andalucia, Vigo ou Foz os da esquerda. 

Xa o dixemos na campaña e reiterámolo agora, Rocha non será alcalde se C21 o pode evitar, pero tamén queremos deixar claro que non vamos aceitar leccións de moralidade sobre este asunto, quizá conveña facer un pequeno exercicio de memoria histórica, e lembrar como chegou no ano 1998 o señor Rocha á alcaldía. a moción de censura do 1998 que convertiu ao señor Rocha en alcalde contou co apoio do PSOE e co dun tránsfuga do BNG, o señor Sousa. O PSOE decidiu o seu apoio á moción de censura como organización, o BNG ten menos responsabilidade, só a correspondente a quen non mira ben quen mete nas suas listas. 

Os padriños de bautizo do rochismo van contar co noso apoio agora para finiquitar o que eles comezaron, pero se son tan amables, que se reserven a sua autoatribuida superioridade moral para outra ocasión. é máis, en aras de ser xustos e equilibrados, deberían pedir perdón polo que fixeron e agradecer a C21 o que vai facer, o fin do rochismo non sería viable sen a aparición no escenario dunha forza liberal como C21 que obtén votos conservadores e liberais que non van nen ao PP nen a ningunha das suas tres marcas brancas. Resumindo, é a esquerda quen se alia cunha parte da dereita para comezar o rochismo en 1998, é agora, no 2015, o liberalismo o que pode ser decisivo para finiquitar o rochismo.
















Rebaixar a taxa do lixo

Dentro do "Plan integral de rebaixa fiscal para o concello de Tui" que estamos elaborando en Converxencia 21 compre distinguir o tratamento que corresponde darlle ás taxas e aos impostos, as primeiras corresponden á prestación dun servizo e portanto deben cubrir o seu custo, sería irresponsable rebaixar unha taxa se non cubre o custo do servizo, sen embargo corresponde ao gogerno local buscar fórmulas para rebaixar o custo do servizo para poder rebaixar a correspondente taxa. 

Neste post voume centrar na taxa do lixo, o concello de Tui recada trimestralmente polo lixo arredor dos 190.000 €, se o multiplicamos por catro a recadación anual aproximada ronda os 760.000 €, O ano pasado Tui entregou en Sogama arredor das 5.100 toneladas de lixo, e Sogama cobra aos concellos 73,90 € (IVE incluido) por tonelada a partir de xaneiro deste ano, isto quer dicir que 5100x73,90=376.890 € é o custo de enviar os residuos a Sogama, a isto hai que engadir o custo do persoal e medios da recollida de lixo para que, coa taxa actual teriamos disponible 760.000-376.890=383.110 € para pagarlle aos empregados que recollen o lixo e dotalos de medios, o que debería ser máis que suficiente, os camións cos que conta o concello son bastante antigos e están xa amortizados. 

Mesmo entregando ese mesmo número de toneladas, debería ser viable unha rebaixa da taxa, e desde logo hai que pór o acento na diminución das toneladas que se envian a Sogama para poder facer unha rebaixa sustancial da taxa do lixo, e obviamente para enviar menos lixo a Sogama compre apostar fortemente pola reciclaxe, de forma moito máis abranxente, hai que lograr que se recicle máis logrando que máis familias o fagan e que o fagan separando máis o lixo e compre premiar a esas familias e empresas cunha rebaixa da taxa. 

Hai que ter en conta que os residuos reciclados non só implican un aforro, ao diminuir o peso do que enviamos a Sogama, senón que poden mesmo chegar a significar unha fonte de ingresos xa que os residuos convenientemente separados adquiren un valor do que carecen cando están mixturados. Compre negociar con empresas do sector a entrega destes residuos para tratar de xerar un ingreso que sería repercutido aos contribuintes via rebaixa da taxa. 

Dous tercios da poboación do noso concello vive en vivendas unifamiliares polo que a extensión da compostaxe dos residuos orgánicos para o seu uso como fertilizante ten que ser unha vía a explorar ao máximo, estimase que os residuos orgánicos representan arredor do 50% do peso do total do lixo, aquelas casas que non entreguen residuos orgánicos deben pagar menos, tamén é posible negociar a colocación de contentores para biomasa para evitar que acaben depositados no lixo, hai empresas que os colocan gratuitamente a cambio de levarse despois a biomasa que é  materia prima para os seus produtos. 




Desde logo é un tema complexo e compre deseñar un sistema coñecendo a fondo todas as alternativas pero é obvio que hai moita marxe para mellorar a xestión do servizo e reducir moi significativamente a taxa que pagamos. 


Porque lle aplauden? ou "O regreso de Rocha"

Hai escasas datas confirmouse o nome do candidato do partido gobernante á alcaldia de Tui, non era o actual, que xa anunciara a sua intención de non se presentar, pero tampouco era un novo, o PP voltaba a confiar no ex alcalde Antonio Feliciano Fernández Rocha. 

O señor Rocha acedeu á alcaldia no ano 1998 mediante unha moción de censura apoiada por parte dos concelleiros do PP e do PSOE que formaban parte daquela corporación, e permaneceu na alcaldía ate as eleccións de 2011, nas que foi sucedido polo seu fillo político, que agora lle volta a ceder a cabeza da lista do PP, veremos, decisión dos votantes mediante, se tamén a alcaldía. 

Pero o verdadeiro motivo deste artigo é a perplexidade, confeso que algo inxenua, que me causou ver na prensa, como un grupo dun medio centenar de persoas aplaudian ao candidato o día da sua proclamación, eu pensei, porque lle aplauden?


Eis a foto que motiva este artigo.                                      Fonte: Faro de Vigo 

Será por ter quebrado as suas empresas deixando unha débeda de 44 millóns de euros, a maior parte dos cais corresponderon a créditos coas caixas de aforros? Non sei se os 600 preferentistas tudenses están establecendo a vinculación, entre a descapitalización das caixas de aforro, especialmente Caixanova, á que as promotoras do señor Rocha lle deixaron a deber 9,5 millóns de euros e a posterior iniciativa da Caixanova, instigada polo Banco de España, en colocar preferentes aos confiados aforradores para tapar o buraco creado pola utilización política da caixa, repartindo crédito a mansalva a aqueles que tiñan conexións políticas, non é casual que as empresas do señor Rocha recorresen ao crédito de caixas afíns ao PP, como as galegas, a CAM valenciana ou a Ibercaja rioxana. 

Por certo, todos os contribuintes estamos agora pagando o rescate das Caixas de aforro, das que controlaba o PP (Caja Madrid, as galegas, as valencianas) e das que controlaba o PSOE (Caja Castilla la Mancha, Caixa Catalunya).  

A risco de estar trabucado, non creo que o aplaudisen por iso, será entón pola xestión dos dous Plans E?, gasto que o goberno do PSOE de Zapatero cría que pararía a crise, perdón desaceleración,  e no que a Tui lle corresponderon case cinco millóns de euros e que vimos como se desperdizaban en obras adxudicadas a unha construtora chamada Belypa, mesmo cando esa mesma construtora tiña executado mal esa mesma obra, lembremos a pista da Macoca que foi mal executada por esa construtora e cuxa reparación foi adxudicada á mesma empresa. Un magnifico exemplo de "xestión responsable" premiar a quen o fai mal. 

Por máis que lle dou voltas non o acabo de ver, non creo que lle aplaudisen por iso tampouco, será entón por non ter sido capaz de tirar adiante o Plan Xeral de Urbanismo durante o seu longo mandato o que provocou que Tui desaproveitase a época do boom para medrar e dar o salto aos 20.000 habitantes, mentres Ponteareas, Porriño, Salceda ou Tomiño medraban captando poboación nova que fuxía dos elevados prezos de Vigo. Quizá sexa o motivo de que non se aprobase o que fai que aplaudan, o interese que o señor Rocha puña na edificabilidade da finca dunha das promotoras familiares Patazumba, que era a principal pexa que puxeron tres conselleiros distintos da Xunta, Cuiña, Feijóo e Caride para non aprobar o Plan.

Isto estase pondo dificil, porque lle aplaudiran? Ao mellor é polo caso Beira Miño no que o concello saiu condenado a pagar 105.000 € que tivemos que pagar os contribuintes, por non falar dos moitos miles de euros en avogados defensores que os tudenses tivemos que pagar involuntariamente para defender ao señor Rocha xa que foi o concello o que sufragou os gastos dos seus numerosos encontros coa xustiza. 

Será por non ter cumprido nengunha das suas fantasiosas promesas da campaña do 1999 entre as que todos podemos lembrar o hipódromo ou o camping con piscina?





Enfin, non sei, non entendo o dos aplausos, seguirei dándolle voltas, agradecense suxestións.