Rebaixar a taxa do lixo

Dentro do "Plan integral de rebaixa fiscal para o concello de Tui" que estamos elaborando en Converxencia 21 compre distinguir o tratamento que corresponde darlle ás taxas e aos impostos, as primeiras corresponden á prestación dun servizo e portanto deben cubrir o seu custo, sería irresponsable rebaixar unha taxa se non cubre o custo do servizo, sen embargo corresponde ao gogerno local buscar fórmulas para rebaixar o custo do servizo para poder rebaixar a correspondente taxa. 

Neste post voume centrar na taxa do lixo, o concello de Tui recada trimestralmente polo lixo arredor dos 190.000 €, se o multiplicamos por catro a recadación anual aproximada ronda os 760.000 €, O ano pasado Tui entregou en Sogama arredor das 5.100 toneladas de lixo, e Sogama cobra aos concellos 73,90 € (IVE incluido) por tonelada a partir de xaneiro deste ano, isto quer dicir que 5100x73,90=376.890 € é o custo de enviar os residuos a Sogama, a isto hai que engadir o custo do persoal e medios da recollida de lixo para que, coa taxa actual teriamos disponible 760.000-376.890=383.110 € para pagarlle aos empregados que recollen o lixo e dotalos de medios, o que debería ser máis que suficiente, os camións cos que conta o concello son bastante antigos e están xa amortizados. 

Mesmo entregando ese mesmo número de toneladas, debería ser viable unha rebaixa da taxa, e desde logo hai que pór o acento na diminución das toneladas que se envian a Sogama para poder facer unha rebaixa sustancial da taxa do lixo, e obviamente para enviar menos lixo a Sogama compre apostar fortemente pola reciclaxe, de forma moito máis abranxente, hai que lograr que se recicle máis logrando que máis familias o fagan e que o fagan separando máis o lixo e compre premiar a esas familias e empresas cunha rebaixa da taxa. 

Hai que ter en conta que os residuos reciclados non só implican un aforro, ao diminuir o peso do que enviamos a Sogama, senón que poden mesmo chegar a significar unha fonte de ingresos xa que os residuos convenientemente separados adquiren un valor do que carecen cando están mixturados. Compre negociar con empresas do sector a entrega destes residuos para tratar de xerar un ingreso que sería repercutido aos contribuintes via rebaixa da taxa. 

Dous tercios da poboación do noso concello vive en vivendas unifamiliares polo que a extensión da compostaxe dos residuos orgánicos para o seu uso como fertilizante ten que ser unha vía a explorar ao máximo, estimase que os residuos orgánicos representan arredor do 50% do peso do total do lixo, aquelas casas que non entreguen residuos orgánicos deben pagar menos, tamén é posible negociar a colocación de contentores para biomasa para evitar que acaben depositados no lixo, hai empresas que os colocan gratuitamente a cambio de levarse despois a biomasa que é  materia prima para os seus produtos. 




Desde logo é un tema complexo e compre deseñar un sistema coñecendo a fondo todas as alternativas pero é obvio que hai moita marxe para mellorar a xestión do servizo e reducir moi significativamente a taxa que pagamos. 


Porque lle aplauden? ou "O regreso de Rocha"

Hai escasas datas confirmouse o nome do candidato do partido gobernante á alcaldia de Tui, non era o actual, que xa anunciara a sua intención de non se presentar, pero tampouco era un novo, o PP voltaba a confiar no ex alcalde Antonio Feliciano Fernández Rocha. 

O señor Rocha acedeu á alcaldia no ano 1998 mediante unha moción de censura apoiada por parte dos concelleiros do PP e do PSOE que formaban parte daquela corporación, e permaneceu na alcaldía ate as eleccións de 2011, nas que foi sucedido polo seu fillo político, que agora lle volta a ceder a cabeza da lista do PP, veremos, decisión dos votantes mediante, se tamén a alcaldía. 

Pero o verdadeiro motivo deste artigo é a perplexidade, confeso que algo inxenua, que me causou ver na prensa, como un grupo dun medio centenar de persoas aplaudian ao candidato o día da sua proclamación, eu pensei, porque lle aplauden?


Eis a foto que motiva este artigo.                                      Fonte: Faro de Vigo 

Será por ter quebrado as suas empresas deixando unha débeda de 44 millóns de euros, a maior parte dos cais corresponderon a créditos coas caixas de aforros? Non sei se os 600 preferentistas tudenses están establecendo a vinculación, entre a descapitalización das caixas de aforro, especialmente Caixanova, á que as promotoras do señor Rocha lle deixaron a deber 9,5 millóns de euros e a posterior iniciativa da Caixanova, instigada polo Banco de España, en colocar preferentes aos confiados aforradores para tapar o buraco creado pola utilización política da caixa, repartindo crédito a mansalva a aqueles que tiñan conexións políticas, non é casual que as empresas do señor Rocha recorresen ao crédito de caixas afíns ao PP, como as galegas, a CAM valenciana ou a Ibercaja rioxana. 

Por certo, todos os contribuintes estamos agora pagando o rescate das Caixas de aforro, das que controlaba o PP (Caja Madrid, as galegas, as valencianas) e das que controlaba o PSOE (Caja Castilla la Mancha, Caixa Catalunya).  

A risco de estar trabucado, non creo que o aplaudisen por iso, será entón pola xestión dos dous Plans E?, gasto que o goberno do PSOE de Zapatero cría que pararía a crise, perdón desaceleración,  e no que a Tui lle corresponderon case cinco millóns de euros e que vimos como se desperdizaban en obras adxudicadas a unha construtora chamada Belypa, mesmo cando esa mesma construtora tiña executado mal esa mesma obra, lembremos a pista da Macoca que foi mal executada por esa construtora e cuxa reparación foi adxudicada á mesma empresa. Un magnifico exemplo de "xestión responsable" premiar a quen o fai mal. 

Por máis que lle dou voltas non o acabo de ver, non creo que lle aplaudisen por iso tampouco, será entón por non ter sido capaz de tirar adiante o Plan Xeral de Urbanismo durante o seu longo mandato o que provocou que Tui desaproveitase a época do boom para medrar e dar o salto aos 20.000 habitantes, mentres Ponteareas, Porriño, Salceda ou Tomiño medraban captando poboación nova que fuxía dos elevados prezos de Vigo. Quizá sexa o motivo de que non se aprobase o que fai que aplaudan, o interese que o señor Rocha puña na edificabilidade da finca dunha das promotoras familiares Patazumba, que era a principal pexa que puxeron tres conselleiros distintos da Xunta, Cuiña, Feijóo e Caride para non aprobar o Plan.

Isto estase pondo dificil, porque lle aplaudiran? Ao mellor é polo caso Beira Miño no que o concello saiu condenado a pagar 105.000 € que tivemos que pagar os contribuintes, por non falar dos moitos miles de euros en avogados defensores que os tudenses tivemos que pagar involuntariamente para defender ao señor Rocha xa que foi o concello o que sufragou os gastos dos seus numerosos encontros coa xustiza. 

Será por non ter cumprido nengunha das suas fantasiosas promesas da campaña do 1999 entre as que todos podemos lembrar o hipódromo ou o camping con piscina?





Enfin, non sei, non entendo o dos aplausos, seguirei dándolle voltas, agradecense suxestións.