Porque lle aplauden? ou "O regreso de Rocha"

Hai escasas datas confirmouse o nome do candidato do partido gobernante á alcaldia de Tui, non era o actual, que xa anunciara a sua intención de non se presentar, pero tampouco era un novo, o PP voltaba a confiar no ex alcalde Antonio Feliciano Fernández Rocha. 

O señor Rocha acedeu á alcaldia no ano 1998 mediante unha moción de censura apoiada por parte dos concelleiros do PP e do PSOE que formaban parte daquela corporación, e permaneceu na alcaldía ate as eleccións de 2011, nas que foi sucedido polo seu fillo político, que agora lle volta a ceder a cabeza da lista do PP, veremos, decisión dos votantes mediante, se tamén a alcaldía. 

Pero o verdadeiro motivo deste artigo é a perplexidade, confeso que algo inxenua, que me causou ver na prensa, como un grupo dun medio centenar de persoas aplaudian ao candidato o día da sua proclamación, eu pensei, porque lle aplauden?


Eis a foto que motiva este artigo.                                      Fonte: Faro de Vigo 

Será por ter quebrado as suas empresas deixando unha débeda de 44 millóns de euros, a maior parte dos cais corresponderon a créditos coas caixas de aforros? Non sei se os 600 preferentistas tudenses están establecendo a vinculación, entre a descapitalización das caixas de aforro, especialmente Caixanova, á que as promotoras do señor Rocha lle deixaron a deber 9,5 millóns de euros e a posterior iniciativa da Caixanova, instigada polo Banco de España, en colocar preferentes aos confiados aforradores para tapar o buraco creado pola utilización política da caixa, repartindo crédito a mansalva a aqueles que tiñan conexións políticas, non é casual que as empresas do señor Rocha recorresen ao crédito de caixas afíns ao PP, como as galegas, a CAM valenciana ou a Ibercaja rioxana. 

Por certo, todos os contribuintes estamos agora pagando o rescate das Caixas de aforro, das que controlaba o PP (Caja Madrid, as galegas, as valencianas) e das que controlaba o PSOE (Caja Castilla la Mancha, Caixa Catalunya).  

A risco de estar trabucado, non creo que o aplaudisen por iso, será entón pola xestión dos dous Plans E?, gasto que o goberno do PSOE de Zapatero cría que pararía a crise, perdón desaceleración,  e no que a Tui lle corresponderon case cinco millóns de euros e que vimos como se desperdizaban en obras adxudicadas a unha construtora chamada Belypa, mesmo cando esa mesma construtora tiña executado mal esa mesma obra, lembremos a pista da Macoca que foi mal executada por esa construtora e cuxa reparación foi adxudicada á mesma empresa. Un magnifico exemplo de "xestión responsable" premiar a quen o fai mal. 

Por máis que lle dou voltas non o acabo de ver, non creo que lle aplaudisen por iso tampouco, será entón por non ter sido capaz de tirar adiante o Plan Xeral de Urbanismo durante o seu longo mandato o que provocou que Tui desaproveitase a época do boom para medrar e dar o salto aos 20.000 habitantes, mentres Ponteareas, Porriño, Salceda ou Tomiño medraban captando poboación nova que fuxía dos elevados prezos de Vigo. Quizá sexa o motivo de que non se aprobase o que fai que aplaudan, o interese que o señor Rocha puña na edificabilidade da finca dunha das promotoras familiares Patazumba, que era a principal pexa que puxeron tres conselleiros distintos da Xunta, Cuiña, Feijóo e Caride para non aprobar o Plan.

Isto estase pondo dificil, porque lle aplaudiran? Ao mellor é polo caso Beira Miño no que o concello saiu condenado a pagar 105.000 € que tivemos que pagar os contribuintes, por non falar dos moitos miles de euros en avogados defensores que os tudenses tivemos que pagar involuntariamente para defender ao señor Rocha xa que foi o concello o que sufragou os gastos dos seus numerosos encontros coa xustiza. 

Será por non ter cumprido nengunha das suas fantasiosas promesas da campaña do 1999 entre as que todos podemos lembrar o hipódromo ou o camping con piscina?





Enfin, non sei, non entendo o dos aplausos, seguirei dándolle voltas, agradecense suxestións.













1 comment:

podes deixar aqui a tua opinión,