Na mala dirección

O pasado xoves día 24 de setembro celebrouse o pleno ordinario correspondente a este mes, xa pasaron máis de cen días desde a investidura do señor Cabaleiro como alcalde, investidura que contou cos dous votos dos concelleiros de C21, é certo que o verán, especialmente agosto é un mes no que é moi complicado avanzar e tramitar asuntos e tamén é verdade que se encontraron coa casa desordenada, sigue sendo portanto cedo para facer unha valoración en profundidade, pero xa podemos comezar a ver atitudes e trazas no comportamento do novo alcalde e do seu goberno e o que pasou no pleno non convida ao optimismo.

Puiden corroborar unha impresión que xa tiña, a de que o goberno ainda non asimilou que é un goberno minoritario e que  ten que buscar ao menos un apoio (basta coa abstención dun concelleiro da oposición) para aprobar os asuntos que leva a pleno, somos tres os grupos municipais que estamos na oposición (PP, C21 e CT) máis un concelleiro do grupo mixto (APT), portanto é relativamente sinxelo buscar apoios variables para os temas que o goberno considere de importancia, insisto, bástalles con buscar a abstención dun único concelleiro, xa que en caso dun empate a oito, desempata o “voto de calidade” do alcalde, sen embargo e até a data non houbo nengún achegamento neste sentido a C21 e polo propio desenvolvemento dos plenos confirese que tampouco o houbo a nengún outro dos grupos da oposición. 

Desde C21 temos actuado cunha atitude construtiva e non obstruccionista, mesmo chegándonos a abster en asuntos cos que estaríamos máis cómodos votando negativamente, como por exemplo as propostas de ordenanza que foron a pleno, das que non compartimos elementos sustanciais e que teremos que alegar nos vindeiros días. Coido que estamos facendo unha oposición respeituosa e construtiva, na mesma liña da que lle fixemos ao anterior alcalde, pero non estamos encontrando o mesmo respeito no goberno presidido por un alcalde que nós apoiamos na investidura, sen condicións, hai uns poucos meses!

Non o sei, quizá o noso erro foi o de non pór condicións, coido que pecamos de "buenistas" e dun exceso de boa fé que en política non se premia, o que sí é certo é que no pleno o alcalde impediume intervir despois dunha interpelación directa que me fixo o seu primeiro tenente de alcalde, o señor Capón en relación ao asunto dos festivos locais, onde saiu vitoriosa a proposta de C21 de que fose o luns de entroido e non o martes, como propuña o goberno, un dos festivos locais no 2016. 

Inaudito pero certo, o alcalde que C21 contribuiu a investir impediume contestar a unha interpelación directa do seu segundo, non me tería que deixar falar por telo investido a él senón por ser un membro da corporación, pero o feito de que teñamos votado favorablemente a sua investidura, fai ainda máis inexplicable desde un punto de vista político o seu comportamento autoritario, que tamén se reflectiu noutro momento da sesión cando deu un forte golpe na mesa, deus me libre que un de dereitas ou un liberal fixésemos o mesmo, o día seguinte algúns, desde a sua autoconcedida superioridade moral, afirmarían que o alcalde ten maneiras de ditador.

Apuntaba na boa dirección a derogación, feita no pleno de xullo, do regulamento dos plenos aprobado hai catro anos polo PP e que tiña como obxectivo limitar o traballo da oposición, esa derogación non só foi aprobada senón louvada por nós, lamentablemente só fixo falta agardar ao seguinte pleno para levar unha maiúscula decepción e constatar un abuso de poder autoritario e antidemocrático por parte da presidencia do pleno. Tamén é importante na dirección do pleno asegurar que o público non disturba, non sei se o alcalde o escoitou, eu si, fun insultado pola mesma persoa, que pentea canas, nos dous últimos plenos, tampouco fixo o máis mínimo no pleno de xullo para cortar improperios contra a Secretaria, que lle reclamou, sen éxito, a sua intervención. 

A atitude do concelleiro de deportes merece un punto e aparte, o feito de pasar ao goberno non o convertiu nunha persoa máis temperada e respeituosa, continua co seu estilo chocalleiro, baseado en descalificacións persoais, en lugar de tomar con deportividade a derrota do goberno no asunto do día festivo, esta debeulle facer crer que estaba de novo na oposición e que podía responsabilizar de todo aos demáis, cando ainda non sabía, segundo el mesmo confesou, en que días organizan os desfiles as localidades próximas, chegou a dicir que non se pode trasladar o desfile de carnaval ao luns porque o martes ven algunha comparsa de Salceda. Porriño ten desfiles o sábado e o martes, Salceda faino o propio martes, Vigo o sábado, a maior parte dos desfiles concéntranse en sábado e martes dai que sexa moito máis fácil atraer comparsas o luns que o propio martes, depende xa da habilidade organizativa do concelleiro do ramo. O señor Capón non debe crer na capacidade do seu compañeiro e propuxo que o organizara eu, non puiden responder, xa que o señor alcalde non me autorizou o uso palabra.

Como consecuencia da mala dirección do pleno non houbo tempo para rematalo, quedaron sen formular a maior parte dos rogos e preguntas de C21 e todas as do PP, un enfrentamento entre o concelleiro de deportes e o voceiro de CT a conta de duas sentenzas exculpatorias que tiveran a sua orixe en denuncias presentadas polo concelleiro de deportes, consumiu máis dunha hora e foi cortada de forma moi tardía e violenta polo alcalde cun ataque persoal furibundo aos voceiros do PP e de CT, ao final do pleno o señor Rocha advertiu do despropósito ao alcalde que tivo a ben desculparse públicamente con él, ao señor Cabaleiro aconsellarialle que non se debe ensinar cartón vermello directo, hai que amonestar, despois mostrar o cartón amarelo e finalmente o vermello. Non é fácil de xestionar un goberno tetrapartito, especialmente se hai algún que quere opinar en todos os asuntos nos plenos, incluindo os que non son da sua área de responsabilidade, por exemplo, no asunto do entroido interviron o concelleiro de deportes e o señor Capón, él terá que valorar se está capacitado para xestionar esa tarefa dunha forma distinta e non consistente en deixar cancha ilimititada a os seus compañeiros de goberno e para compensar impedir falar á oposición.  

Pero, xunto con impedirme falar en duas ocasións,  o máis grave e algo sen precedentes na miña experiencia municipal, foi a retirada dun asunto da orde do día literalmente no último minuto, o referido á modificación da ordenanza do Imposto sobre bens inmobles, no que o goberno pretendía consolidar a suba do Imposto á que obrigou o ministro Montoro para os ejercicios 2013/2014/2015 e que no 2016, unha vez retirada a obriga por parte do goberno central, baixaría automáticamente á taxa do 0,52%, que figura actualmente, na ordenanza fiscal correspondente. O goberno local pretendía consolidar o 0,60% modificando á alza a taxa do Imposto. O obxectivo do goberno encabezado polo PSOE en Tui era evitar que o imposto voltase ao seu nivel anterior ao 2013 e lograr que se consolidase a taxa imposta polo PP no Congreso. Tamén quixen facer un comentario no momento da retirada en pleno e foime impedido.

Desde logo constitue unha grave falta de respeito á corporación e por ende aos cidadáns nela representados, retirar un punto dunha orde do día que, non esquezamos, está elaborada polo propio goberno, non é serio nen no fondo nen na forma, este modus operandi que podemos definir como inconsistente, irrespetuoso e intereseiro.

A pesar de todo, desde C21 continuamos firmes no noso propósito de exercer unha oposición responsable e construtiva pero non vamos tolerar sen reaccionar que se limite de forma arbitraria e autoritaria o noso dereito de expresión, como en todas as relacións humanas hai unha clara correspondencia entre o trato que un recebe e o que acaba dispensando, non sería bo para Tui que o deterioro das relacións entre goberno e oposición seguise un ritmo tan acelerado.