Sobre xenofobia e outros asuntos

O pleno do día 28/01/2016 foi un pleno que transcorreu de forma bastante plácida, quizá o máis destacado foi a aprovacion definitiva da Ordenanza reguladora da limpeza viaria e ornato público no concello de Tui incluindo todas as alegacións presentadas por C21, só C21 se decatara dalgún aspecto da proposta gobernamental que constituia un verdadeiro despropósito como a necesidade, que aparecía na proposta orixinal, de pedir autorización municipal previa para poder abonar os campos nas nosas aldeas, non é agradable repasar a documentación e tratar de mellorala, pero sen o traballo de C21 teríamonos encontrado cunha regulación máis que discutible nalgúns aspectos. Compre tamén recoñecer que o goberno tivo a ben rectificar aceptando as nosas alegacións, 

Unha vez chegados ás mocións procedín á leitura da Moción en defensa do acordo de Schengen  que tiña como obxectivo ambicioso pero realista, se se consegue que moitos concellos fronteirizos da UE seguisen a noso exemplo, de presionar ás autoridades da UE e dos Estados membros para evitar a suspensión de Schengen. En definitiva unha modesta contribución para a preservación do libre tránsito de cidadáns através das fronteiras europeas.



A reacción do goberno municipal non foi unha reacción, senón que foron tres distintas, primeiro o concelleiro da esquerda populista acusoume de xenófobo, incrible pero certo, acusar de xenófobo a alguén que está defendendo a abertura das fronteiras e a libre circulación através delas, só unha ignorancia supina do que significa a xenofobia ou unha mala fé miserable e carente de escrúpulos poden explicar a reacción do concelleiro de deportes e gustariame aproveitar para lembrar unha cita de Talleyrand: "existe unha arma máis terrible que a calumnia, é a verdade"

Pero a cousa non quedou ai, interviu a continución o segundo voceiro do goberno, o señor Capón para dicir que este non era un asunto de competencia municipal e que portanto non procedía e que de aprobar esa moción fariamos o ridículo xa que ninguén relevante estaba falando do acordo de Schengen!!!. A cuestión de se o pleno debe ou non tratar asuntos que non son de competencia municipal coido que está máis que superado, a todos os plenos veñen mocións de grupos políticos ou de grupos sociais con asuntos alleos ao ámbito competencial municipal, no mesmo pleno presentouse unha moción para a defensa das brigadas públicas de incendios ou para que RENFE modificase as suas pretensións en relación á reducción das paradas en Guillarei do tren que ven de Madrid,  pero para eses casos o señor Capón non recordou que non son asuntos de competencia municipal.

Todo o mundo entende que este tipo de mocións pretenden trasladar presión política por parte do concello para que os entes competentes actuen nunha ou noutra dirección, así fixeron os preferentistas, as plataformas anti-despexos, a asociación anti-transxénicos, cando se pediu o mantenemento de Tui como partido xudicial, e un longo etcétera de mocións, pero admito que, sendo discutible, este argumento de que non estamos opinando sobre algo do noso ámbito competencial municipal, pois pode ter certo sentido sempre que se empregue con coherencia e non ad hoc, cando parece conveniente, como fixo o señor Capón, pero o de dicir, con absoluta seguranza, que ninguén estaba falando de Schengen xa foi o máximo, cando é neste momento o asunto estrela da axenda europea, tivenlle que recomendar ao señor Capón que lese a prensa.

Finalmente interviu a superconcelleira de Facenda e Urbanismo, digo o de super, ao estilo superministro, que se emprega cando un ministro acumula carteiras de importancia, as concellerias de Facenda e Urbanismo son as duas máis importantes en calquera concello e aqui recaen na mesma persoa, Yolanda Rodríguez, nesta ocasión, a máis correcta e moderada dos tres porta-voces do goberno sobre asuntos de fronteiras, dixo que o mellor era deixalo sobre a mesa para consensuar a redacción, a pesar de que eu non cria que tivese sentido algún deixala sobre a mesa, xa que a redación non dá lugar a equivocos, pero mesmo así e por unha cuestión de coherencia co talante dialogante do que sempre fai gala C21, aceptamos que quedara sobre a mesa e se consensuase nunha vindeira comisión.

Tres opinións distintas de tres membros do mesmo goberno, diganme se iso non comeza a ter pinta dunha preocupante descoordenación, cando ademáis dous deles fan un ataque a C21 sen ton nen son e cun argumentos falaces, no caso de Capón, e difamatorios, no caso do concelleiro de deportes, e insisto, as saidas de ton do goberno, que non responden a nengún ataque por parte de C21, o único que provocan é que cada vez nos sintamos máis desvinculados con respeito a un goberno que nós contribuimos a investir en maio pasado. O BNG mantivose dentro da sua habitual corrección e seriedade durante este mandato, mantendo un perfil dialogante, respeituoso e institucional.